HOMES, MULLERES E CÁRCERES

Detrás do terror corre o medo. Os asasinatos empezaron moi pronto. Nos primeiros días de agosto de 1936 ducias de familias en Ourense e nas comarcas de Celanova e o Val do Limia buscaban a maneira de sacar aos seus da cadea do Mosteiro, baixo a ameaza dos paseos.

HOMES

A primeira orde de excarceración ten data do 30 de xullo e vén asinada polo Comandante Militar de Ourense a favor de Avelino Ameijeiras, encarcerado o 29 de xullo e veciño de Celanova. As dúas seguintes, do día 3 de agosto -tamén individuais e asinadas polo mesmo mando- son a favor de José Abraldes, concelleiro na última corporación municipal, e César Rodríguez Álvarez, ambos veciños de Celanova e encarcerados entre o 1 e o 2 de agosto segundo noticia en prensa.

O mesmo día chega outra orde a favor de sete presos que facían parte do continxente chegado desde Bande o día 29. Son Camilo Míguez, Manuel Suárez Rodríguez, Camilo Fernández, José Martínez Valado, Manuel Campelo Álvarez, Alejandro González Álvarez e Benito Fernández Álvarez. Hai constancia documental de que cinco deles foran detidos o día 25 de xullo e eran veciños de Verea.

O 4 de agosto a orde de excarceración sinala tres reclusos. Dous deles son de Celanova e mestres. Son concelleiro e mestre de Viveiro, José Borrajo Nogueiras, e o mestre de Vilanova, da mesma idade, José Bernárdez Fernández, socio de A.T.E.O. e suspendido pola ordenanza que o comandante Soto emitira dous días antes. José Bernárdez nacera en Seixomil (A Bola) e viviu na rúa san Roque até os 54 anos, cando morreu o 31 de agosto de 1950 deixando un fillo, de nome Francisco Bernárdez Tesouro [1].

O terceiro recluso excarcerado pola aquela orde era Manuel Del Campo (Docampo) A. Ese nome non figura en ningún dos documentos de entrada que se conservan nin vinculado coa prisión de Celanova noutros rexistro de vítimas.

José Abraldes, concelleiro na corporación municipal de 1936 destituida polos golpistas.

As ordes están asinadas por Adolfo Pousa, tenente de Carabineros en Bande, que se fixo cargo do mando en praza de Celanova.

EL PUEBLO GALLEGO. 05.08.36
Recorte. EL PUEBLO GALLEGO, martes 11 de agosto de 1936.
MULLERES

Con data do 4 de agosto consérvase na Correspondencia da prisión un escrito a máquina procedente da Prisión Provincial de Ourense e dirixido ao xefe da Prisión Provisional de Celanova. Nel dáse conta de que no cárcere capital fora presentada unha orde para a excarceración dos reclusos Enrique González Fernández, José Nieto Fontana, Ricardo Gómez Del Valle e Luis García Somoza. O Enrique fora paseado dous días antes na Ponte Pequena.

A petición preséntana Celso Madriñán e Mercedes Gómez Del Valle [2], irmá de Ricardo. Os catro reclusos eran veciños de Ourense. Ao irmán de Mercedes e Ricardo, Manuel, mestre e redactor de Escuela del Trabajo, detivérano en Xinzo o 21 de xullo e foi executado en Ourense o 11 de agosto. A nai deles, María Del Valle Lozano, foi presa, encarcerada en Bande o 27 de febreiro de 1937 e paseada en Lamas (Xinzo de Limia) o 29 de outubro daquel ano xunto con Salud Torres, irmá de Silvio Torres -uno dos 107 primeiros presos en Celanova e un dos catro paseados na Poza das Ras-. Salud sufriu cadea no cárcere de mulleres de Celanova.

E CÁRCERES

En agosto de 1936 había dous cárceres en Celanova. Convertida a Prisión de Partido en Prisión Provisional para acoller presos de Ourense e Bande, habilitouse un espazo no Mosteiro para homes. Mentres que nos actuais Xulgados, na praza das Pitas, mantívose a cadea mais só para mulleres.


Cal foi o espazo no Mosteiro? As rexas pagadas polo Concello o día 29 de xullo de 1936 consérvanse nas tres pequenas fiestras que se abren desde o actual salón de actos do Instituto (no corpo sur do Mosteiro) ao claustro barroco (no corpo central). O xornalista José Antonio Cabezas Canteli, recluso con condea a morte en 1939, describe no seu libro “Morir en Oviedo” (1984) a perspectiva do “jardín” (o do claustro barroco) desde as pequenas fiestras da cela común que denomina “La leona” e nas que se conservan rexas de ferreiro.

Mais na súa autobiografía, “Matádeo mañá” (1994), Elíxio Rodríguez sinala o “refetorio dos frades” como o espazo no que estivo preso durante corenta días en Celanova entre xullo e setembro de 1936. O Refectorio, hoxe usado como salón de actividades é unha sala no mesmo corpo central, na ala este. Non hai noticia de que fose utilizado para albergar presos cando a prisión se converteu en Prisión Central.
Na descrición do lugar, o Elixio conta: “No local onde estabamos amoreados só había o piso, as paredes e o teito, todo de pedra, como ben dixo Celso Emilio. Nin un banco nin unha cadeira onde sentarnos. E menos aínda un elemental servizo hixiénico. Nin era posible lavar as mans sequera. Para as evacuacións fisiolóxicas debiamos usar unhas escasas cubetas, que acaban a rebordar envorcando o seu contido. Ningunha cortina ou biombo que permitise algunha intimidade”. [3]

Nun inventario de 1939, a dirección da Prisión Central, descríbese así a cela que os presos chamaban La leona: “Situada en la planta baja de la nave común a los cuerpos del edificio, mide 22 por 7 metros con una altura al tillado del segundo piso de 8 metros para su ventilación y luz: tiene tres grandes ventanas que dan al patio de la Prisión (o patio do Instituto actual) y tres huecos pequeños en forma de aspillera que dan al jardín del cuerpo central”. [4]

Fose no Refectorio ou en La leona, os documentos conservados das Contas de Alimentación da Prisión Provisional de Celanova [5] indican que a día 20 de agosto permanecían naquela cela improvisada cando menos 112 homes, segundo este rexistro, ou 146 segundo as listas nominais de altas e baixas conservadas na Correspondencia [6]. Todos cun espazo aproximado de 1 metro cadrado por persoa.

“Había días”, conta o Elixio no seu libro, “en que mentres algúns paseabamos pola sala, en quendas, os demais debían permanecer estáticos e arrimados á parede. E tampouco cabiamos todos sentados ao mesmo tempo”.

O espazo era un problema, tamén para os xestores. As súas queixas dan a primeira noticia documentada da Prisión de Mulleres.

Nun oficio enviado o 20 de agosto desde a Prisión de Partido ao Director da Prisión Provincial de Ourense, o xefe da cadea de Celanova escrebe: “Tengo el honor de participarle a usted que en esta esta prisión no cogen más reclusas porque existen 33 y la cabida es para 12; pero en el caso de que haya necesidad de recluir más pueden ser destinadas a la de Bande en la cual cogen más, o habilitar local en el convento de esta villa” [ 👇🏽].

O dispositivo da represión contra mulleres e homes significados na República que se pretendía derrubar estaba en funcionamento xa un mes após do golpe. Durante os meses seguintes, o cárcere de mulleres iría cedendo o seu rol como centro de represión feminina ao de Bande, mais aínda un ano despois, en agosto do 37, o presidio de Celanova albergaba 45 presas, por 106 o de Bande (case todas mulleres). O cárcere do Mosteiro pasará a ser Prisión Central en 1938, chegando a recluír no pico de máxima ocupación documentada 1.700 presos. Pecharíase en setembro de 1943.

AMPLIACIÓN DO RADIO DOS PASEOS

O proxecto Represaliados ourensáns (1936-1945), do Grupo de Investigación da Facultade de Historia de Ourense, ten documentada a aparición dos cadáveres de dous homes en Pereira de Montes (A Merca) o 18 de agosto -o mesmo día dos paseos do Celso de Poulo e do mestre Villot-. Figuran como “descoñecidos” no rexistro municipal. Non hai documentación que os vincule coa prisión de Celanova.

Mais o radio dos paseos continuou ampliándose. O 29 de agosto apareceron os corpos dos mestres Julio González e Amadeo López, o chofer Silvio Torres e o farmacéutico Eloy Romero, no lugar da Poza das Ras, na parroquia de Ourille, Verea. A continuación ampliamos a información sobre eles que xa se avanzou no dossier elaborado para a homenaxe de hai un ano na Poza das Ras.

Julio González Álvarez, de 25 anos, era natural de Verea e mestre en Gontán (Verea). Era membro de A.T.E.O., coma o seu irmán José Benito. Non hai constancia da data de ingreso do Julio na Prisión de Celanova, mais si unha noticia en prensa que apunta ás datas previas ao día 12 de agosto: Manuel Quiroga, Jefe de la Sección Administrativa de la Enseñanza en Ourense, aproveita que o “Comandante Militar de Celanova” deu conta da detención do mestre para comunicar tamén a súa destitución “en sus funciones docentes” [👉🏾]. A data da súa excarceración, canda o Amadeo e por orde do Gobernador Militar, foi o día 27.

Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia) ingresara no cárcere de Ourense o día 30, e chegara a Celanova co continxente do 5 de agosto.

“El deber de todo maestro consciente es ponerse en la brecha, arrojar de la enseñanza a esos verdaderos parásitos explotadores de la infancia, quitarle ese ‘modus vivendi’, dejarles libres con su religión, pero arrancarles el niño de las manos, no con las armas rastreras que usan sino, al contrario, con una educación integral, libre de prejuicios ancestrales”, escribira López Bello no diario La República en 1930, segundo a cita recollida por Xosé Manuel Cid [7].

Amadeo López Bello facía parte de A.T.E.O. (foi membro do seu Consello a partir de setembro de 1933) e mantiña actividade en organizacións agrarias na comarca do Ribeiro, polas que fora xa detido após outubro do 34. En agosto de 1936 tiña sido destituído como mestre ao igual que os seus irmáns Carmen e Heriberto, así como á súa parella Conchita Vieitez.

Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense) ingresara no cárcere de Ourense o 21 de xullo, chegou a Celanova co primeiro continxente de presos oito días despois. A súa orde de excarceración, canda o Eloy, ten data do día 28 de agosto.

Eloy Romero Luis tiña de 28 anos, era natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro -fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense-. No cárcere provincial estivo preso desde o 29 de xullo, e a orde de ingreso en Celanova é do día 10 de agosto.

O 22 de xaneiro de 1935 foi elixida “por aclamación”, segundo consta nas actas, a nova xunta directiva do Colexio de Farmacéuticos de Ourense. Con Eloy Romero Luis, farmacéutico en Leiro, como presidente, o resto de cargos eran o de contador: José Fernández Carnicero (Ponte Canedo), tesoureiro: Modesto Fernández Román (Ourense), secretario: Pedro Antonio López Calahorra (Ourense), e vogais: Alfredo Barja Sánchez (Ourense), José Conde Ves (Allariz), Camilo Santamaría (O Carballiño), Joaquín Paz Pérez (Trives), Juan Ayres Gallego (O Barco de Valdeorras) e José Janeiro Doade (Ribadavia).

Con data do 30 de agosto é anotado no Rexistro Civil de Bande o falecemento de Juan Salgado Rodríguez, veciño do Ribeiro (Bande) de 54 anos de idade. O seu corpo fora atopado na estrada de Calvos (Bande) a Bande o día anterior. O nome de Juan Salgado Rodríguez figura, xunto ao de Claudio Gallol Diz, nunha orde de excarceración asinada polo Comandante Militar de Ourense o 10 de agosto. [8]

Orde de excarceración de Gayol e Juan Salgado.

UN LONGO AGOSTO

Aquel mes de agosto, polas cadeas de Celanova pasaron mais de 300 homes e mulleres.

No mapa do terror que foron marcando as forzas militares e policiais sublevadas xunto ás milicias falanxistas naquel primeiro mes, o medo xa se espallara por toda a comarca de Celanova e o cárcere era elemento central da represión que deixou pegada no Furriolo, na Poza das Ras, en Calvos de Bande, que repartiu vítimas e sufrimento polo Ribeiro, e o Val do Limia, nas terras de Maceda e na contorna de Ourense.

O terror continuaría nos meses seguintes xogando coas vidas de mestres, políticos e sindicalistas e outros cidadáns dos que se irá dando conta na medida en que a documentación o permita.

Pola Prisión Provisional de Celanova pasaron aquel agosto outros mestres: Manuel Seijo Faílde, mestre de Toén, que ingresou o 19, Antonio Dopazo (de Loñoá) e Rafael Alonso Rodríguez (de Amoeiro), o 24, o mesmo día que Camilo Soto Losada, que viña dun periplo polos cárceres de Ponteareas e Ourense e deixou o testemuño que ocupará o seguinte capítulo desta serie. Rafael Alonso foi un dos destacados membros de A.T.E.O. Sería paseado no alto do Rodicio en setembro do ano seguinte.

E pasaron tamén os mestres José Bernárdez, Enrique López Molina e José Borrajo, estes dous, membros da última corporación republicana, como o foran tamén José Abraldes e Constantino Feijóo Álvarez, de Vilanova, que tamén tivo encarcerado ao seu irmán Gervasio, o Pacheco. O Constantino casara cunha filla do Camilo Soto, a Inés, e era cuñado de Luis Soto Fernández.

Aquel foi un mes longo que as contas de reclusos en Celanova nos documentos da prisión resumen así:


NOTAS
  • [1] “Aprueban el examen de ingreso en el Instituto de Orense la totalidad de los alumnos presentados por el colegio Curros Enríquez de Celanova: Maruja y Manola Rodríguez Araujo, Conchita Álvarez Vázquez, Berta Domínguez Fernández, Lolita Freire Pujales, Benita Balado Vázquez, Antonino González González, Vicente Rivero Dapía, Alberto Casares León, Pepito Portela Pérez, Julito Alonso Moreiras, Francisco Bernárdez Tesouro y Odilo Sousa Tesouro.” La Región, 10.06.1949
  • [2] Noticia do fusilamento de Manuel Gómez Del Valle que presenciou Celso Madriñán recollida na Hemeroteca de La Región. “Hace 75 años… FUSILADOS GÓMEZ DEL VALLE Y CORDÓN. Al comunista Manuel Gómez del Valle y al visitador de aduanas socialista Fernando Cordón los habían detenido en Xinzo de Limia el día 21 de julio, cuando volvían de A Gudiña de reclutar gente y armas. El suyo fue el primer consejo de guerra sumarísimo que se celebró en San Francisco. Según el relato de Mercedes, hermana de Manuel, que recoge Alonso Montero, el futuro cardenal don Fernando Quiroga Palacios intercedió sin éxito ante el obispo para que no los fusilaran. Él y Celso Madriñán Neira fueron testigos del asesinato y de cómo Manuel se negó a que le taparan los ojos como era habitual.” Hemeroteca de La Región 29.04.2014 https://www.laregion.es/articulo/historia-en-4-tiempos/fusilados-comunista-y-socialista/20110812111426462516.html. Ver tamén a noticia do nacemento na Coruña de Celso Luis, o fillo de Celso Madriñán Neira e Mercedes Gómez Del Valle. En La Región 02.03.1948 https://www.laregion.es/articulo/historia-en-4-tiempos/hemeroteca-bravo-mateos-habla-viejos/202303020059041202733.html
  • [3] Elixio Rodríguez (1994). Matádeo mañá. Vigo, Edicións Xerais de Galicia.
  • [4] AHPO. Memoria do estado e do xeral discipilinario da prisión do ano 1939. Caixa 13057/32
  • [5] AHPO. Prisión Central de Celanova. Conta de alimentación do mes de agosto de 1936. Caixa 13049/02
  • [6] AHPO. Correspondencia coa prisión de partido de Celanova. Caixa 13041/03
  • [7] Xosé Manuel Cid Fernández (2010). Educación e Ideoloxía en Ourense na II República. Ourense, Andavira Editora, 2010.
  • [8] O nome de Juan Salgado Rodríguez está inscrito na pedra que o Comité pola Memória Histórica do Val do Limia colocou no 2020 na curva de Fontaboa, en Nigueiroá (Bande).

O nome de Juan Salgado, inscrito na pedra na curva de Fontaboa, en Bande. Na súa memoria.

Próximo capítulo: Camilo Soto no cárcere.

Capítulo anterior: Agosto de 1936, a instauración do terror en Celanova (I)


2 comentarios

Un ano despois, a memoria avanza en Verea a partir da Poza das Ras – memoriacelanova · 29 Agosto, 2024 ás 7:18 a.m.

[…] Do Furriolo á Poza das Ras Amadeo López Bello e a revolución pedagóxica Amadeo, Eloy, Julio e Silvio (Poza das Ras, 29.08.1936) Categorías: Espazos da memoriaVítimas Etiquetas: Amadeo López BelloEloy Romero LuisJulio González ÁlvarezPoza das RasSilvio Torres Díaz […]

Agosto de 1936, a instauración do terror en Celanova (I) – memoriacelanova · 19 Setembro, 2024 ás 5:56 a.m.

[…] Do Furriolo á Poza das Ras Os cárceres de Camilo Soto Categorías: Prisión centralVítimas Etiquetas: Agosto1936Prisión de Partido de Celanova […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario