DA PONTE PEQUENA AO FURRIOLO

O luns 17 de agosto de 1936 apareceron preto da Ponte Pequena, en Viveiro, Celanova, os corpos dos irmáns Emilio e Manuel Fuentes Canal, asasinados o día anterior segundo figura nas partidas de defunción no Rexistro Civil dos Xulgados de Celanova.

Emilio e Manuel ingresaron na Prisión Provincial o mércores 22 de xullo. Conta o historiador Domingo Rodríguez Teijeiro que foron sacados o 16 de agosto por unha orde do Gobernador Civil para poñelos a disposición da Garda Civil, e indica que no Arquivo Municipal de Celanova quedou rexistrado “o escrito do xulgado solicitando o abono polo alugueiro do turismo empregado para proceder ao levantamento dos cadáveres” [nota 1].

Rodríguez Teijeiro lembra que eran irmáns de Ramón, presidente da Xuventude Socialista e da Federación de colectividades socialistas da provincia de Ourense, que sería sometido a Consello de Guerra en outubro e fusilado en decembro no Campo de Aragón, en Ourense. Manuel Fuentes Canal era membro da Irmandade da Fala, colaborador da revista Nós e traballaba como empregado do Banco Hispano-Americano. Tiña 35 anos. Emilio Fuentes Canal figura nos rexistros como empregado dos almacéns Simeón. Tiña 29 anos. Manuel e Emilio -fillos de José Fuentes Pazos, propietario do Hotel Dos Naciones, en Verín e naturais daquela vila, aínda que veciños de Ourense- foron soterrados no cemiterio de Celanova.

Entre a festa da Encarnación, a primeira fin de semana de agosto, e a festa do san Roque, o 16 de agosto, en Celanova foron paseados catro homes (dous sacados da Prisión de Partido instalada xa no Mosteiro, e dous -os Fuentes Canal- sacados da de Ourense), ademais, outros dous homes foron sacados do Mosteiro para seren paseados no Pozo do Inferno, en Lobeira, a uns 30 quilómetros de Celanova.

Así comezou a instauración do terror en Celanova aquel mes de agosto ao redor dun espazo que se convertería nun dos maiores centros de represión do país. Para finais de mes, Celanova estaba xa asociada ao cárcere e á morte, como deixou testemuño o mestre José Camilo Soto Losada, cuxa testemuña sobre aqueles días publicaremos como remate desta serie.

VÍTIMAS DE AGOSTO NAS PRIMEIRAS LISTAS

A prisión de partido de Celanova ficou dividida en dous espazos de reclusión aos poucos días do Golpe de Estado. En Ourense, os golpistas usurparon o poder o luns día 20 de xullo de 1936. O día 29 o concello de Celanova, en mans dos sublevados, emite unha orde para o pagamento da colación das rexas nas fiestras do que sería a prisión habilitada no Mosteiro [nota 2]. Desa mesma data son as primeiras listas de presos trasladados desde Ourense e desde a prisión de partido de Bande, así como outras listas cos ingresos de veciños de Celanova e a comarca. Esa lista foi publicada aquí [ Os 107 primeiros presos ] e seguimos actualizando os nomes a medida que se contrastan con outros documentos.

Foron 107 homes encarcerados entre o mércores 29 e o xoves 31 de xullo. Entre eles, o mozo Enrique González Fernández, paseado o domingo día 3 de agosto na Ponte Pequena [ ver aquí ] e o concelleiro socialista de Ribadavia, Cándido García Corral, paseado o luns 4 no mesmo lugar [ ver aquí ]. Ese mesmo luns, apareceron no lugar do Pozo do Inferno (Lobeira) os corpos doutros dous presos do continxente inicial: Ramón Padrón Pardo e José Romualde Iglesias, paseados xunto a José García Morán. Destes asasinatos da noticia Carlos Morais:

“Os corpos de José Romualde Iglesias, José García Morán e Ramón Padrón Pardo aparecérom 4 de agosto de 1936 à altura do ponto quilométrico 57,9 da antiga N-540, atual estrada OU-161, à beira do que popularmente se conhece como Poço do Inferno ou os “Infernos de Parada”. (…) A margem norte do profundo canhom lavrado polo rio Límia, que vertebra e dá nome à nossa comarca, entre as Conchas e Cavaleiros, foi um dos lugares da infámia, onde os falangistas executárom antifascistas ou lançárom os corpos de presos sacados das cárceres de Cela Nova e Ourense. (…) Nom sabemos com certeza se fôrom executados in situ ou bem tinham sido previamente assassinados, e tam só foi aqui onde depositárom os seus corpos. Porém, todo indica que a segunda hipótese é a mais plausível. Julio Alonso declara que “sei de cinco que trouxérom ali às Conchas e fusilárom quatro, e um escapou com as maos atadas com arames e as pernas. Tirou-se … andárom a tiros mas nom lhe dérom. No rio cortou os arames foi a Parada de Piedade que lhe chamam. Viu umhas luzes e foi a aquela casa, mirem, nom se assustem, passou-me isto e isto, os meus companheiros sentim os tiros já os matárom, quatro”. (…) De José García Morán nom logramos localizar a sua partida de nascimento. Mas por meio dos dados da ata de defunçom sabemos que tinha 27 anos, domiciliado em Vila Valencia-As Burgas, solteiro sem filhos e “matarife” de profissom. José Romualde Iglesias tinha 36 anos, natural de Soto del Barco [Astúrias], domiciliado na rua Lepanto nº 4 de Ourense, solteiro sem filhos e jornaleiro de profissom. Ramón Padrón Pardo tinha nascido dia 2 de junho de 1917 (…) A partida de defunçom identifica-o domiciliado na rua Cervantes nº 2, 1º de Ourense, solteiro sem filhos e também exercia de “matarife” como profissom.” [nota 3]

Ficha de ingreso na Prisión Provincial de Ourense de José Romualde, o 21 de xullo.
Ficha de ingreso na Prisión Provincial de Ourense de Ramón Padrón, o 21 de xullo.

O CELSO DE POULO E O MESTRE VILLOT

Despois de catro asasinatos xunto a Ponte Pequena, na principal vía de tráfico entre Celanova e a capital, os asasinos viron chegado o momento de espallar cadáveres cara o sur. Elixiron a estrada que une Celanova con Xinzo, e as gavias dun monte que viu tinguido de sangue o seu nome: O Furriolo.
Pasado o san Roque, o martes 18 de agosto (ou na madrugada do mércores 19) foron sacados da Prisión no Mosteiro cinco homes. Coñecemos as identidades de dous deles: Celso Pérez Enríquez, o Celso de Poulo, comerciante de 51 anos e alcalde de Gomesende por Izquierda Republicana; e Eduardo Villot Canal, mestre na Academia Sueiro, en Ourense, de 28 anos e socio de A.T.E.O.

Mais o primeiro morto do que hai noticia aparecido naquela estrada foi anotado o 16 de agosto de 1936 no Rexistro Civil de Rairiz de Veiga. Non ten nome. Era una varón, duns 30 anos de idade, cuxo cadáver foi levantado ás cinco da tarde con dous veciños da aldea de Santabaia como testemuñas. Certificouse morte por hemorraxia cerebral e pulmonar, e o corpo foi soterrado no cemiterio da Lampaza. No ensaio de Edelmiro Martínez Cerredelo, Historia e Memoria. A Limia (1936-1953), aparece recollido este caso. A represión na Limia comezara igual que en Celanova os días 2 e 3, cos paseos de Benito Valencia Bouza, secretario do Sindicato Campesino de Souto e concelleiro en Muíños, no lugar de Boado, e de Francisco Sierra, o mestre de Mosteiro (Xinzo), no Alto de Allariz na estrada de Ourense. Até o 16 están documentados outros seis asasinatos.

O CELSO, DETIDO O 23 DE XULLO EN POULO

O traballo do colectivo Arraianos a comezos deste século permitiu documentar o caso do asasinato de Celso Pérez Enríquez, o alcalde de Gomesende e deputado provincial. No número 3 da revista Arraianos, da primavera de 2005), Manuel Veiga asina o artigo “Non me matedes que deixo sete fillosver aquí . Conta Veiga que despois da ocupación da Deputación o 20 de xullo, “o Celso non chegou a casa até a noite, cun salvoconduto que lle entregaran os sublevados. Convencido de que non lle pasaría ren, mal imaxinaba que tres días despois ía chegar á súa casa un autobús con gardas de asalto no que xa viñan detidos outros veciños, entre eles o médico e alcalde de Arnoia, Pepe Meixengo (…) Celso foi levado á prisión de Ourense, de onde pasaría ó mosteiro de Celanova.”

No número 6 da revista Arraianos, públicase “Celso de Populo. O asasinato do Alcalde de Gomesende”, artigo escrito que asina Alberto Pérez, que colaborou na redacción con Carlos, outro dos netos, e que tamén está a disposición na nosa web ver aquí . A familia incide no relato dos días posteriores ao golpe.

“Volveron todos as súas casas e, seguramente o avó pensou que sería unha algarada como outras anteriores. En Celanova atopou o comandante da Garda Civil, que era de Ramirás, e este xuroulle permanecer fiel á República, algo que o debeu tranquilizar, só que a fidelidade do comandante apenas durou ata o día seguinte, cando deu orde de tomar Celanova. O día 21, o doutor Perfecto Montero, de Vilavidal, que regresaba de Vigo, para na casa do avó para contarlle que o Jaime I, buque insignia da armada, se sublevara tamén, pero a tripulación revolveuse contra os xefes e volveu poñer o barco ao servizo da República, zarpado de Vigo para unirse ao resto da frota. Cerca do mediodía do 23 de xullo, o avó foi detido diante da súa casa de Poulo pola garda de asalto, que o conduciu ao cárcere de Ourense. (…) Os gardas de asalto baixaron do autobús e despregáronse por toda a casa, rexistraron todos os rincóns e no comercio déronlle a volta a todo, abriron e esparexeron as caixas de zapatos, tiraban todo ao chan e nun momento o solo era un revolto de artigos de todo tipo: comestibles, roupa, ferramentas, etcétera…”

Celso Pérez Enríquez
Ingreso de Celso na Prisión Provincial o 23 de xullo.

Celso Pérez Enríquez, o Celso de Poulo, ingresa na Prisión Provincial de Ourense o 23 de xullo de 1936 canda outras 29 persoas, entre elas, ademais de Xosé Meixengo, estaban o secretario do Concello de Amoeiro, Aníbal Lamas, que sería xulgado e executado no Campo de Aragón en novembro, o mestre José Antonio Ocampo, o xuíz de Xinzo de Limia Rafael Peidró Alós.

O Celso de Poulo e o Meixengo fan parte do continxente de 39 presos que son trasladados á Prisión de Partido de Celanova o 5 de agosto. Entre eles, están tamén Amadeo López Bello, mestre, e Victorino Gómez Álvarez, músico, ambos veciños de Beiro (Carballeda de Avia). Amadeo sería paseado na Poza das Ras en Verea xunto a outros tres presos en Celanova (desde o día 29 xa estaba no Mosteiro o Silvio Torres), e o Victorino, fusilado en xaneiro do 38 no Campo de Aragón. Tamén fan parte dos ingresados o alcalde de Ribadavia, Benito Gallego, e o seu compañeiro de corporación, Andrés Centrón, que poucos días despois serían levado a xuízo en Ourense e finalmente serían fusilados no Campo de Aragón en febreiro seguinte. Tamén chegaron naquel traslado Serafín Pousa Prol, xastre e veciño de Baños de Molgas, Modesto Vidal Fernández, empregado e sindicalista, e Ricardo Lemos González, ambos veciños de Maceda, que serían executados o último día do ano no Campo de Aragón en Ourense.

Lista de presos procedentes de Ourense que ingresan en Celanova o 5 de agosto.

“O 25 de xullo de 1936 a avoa Donilda recibe unha nota datada dese mesmo día, que o meu pai conserva aínda. Trátase dunha cuartilla escrita a maquina e asinada do seu puño e letra por José Lorenzo Méndez. Este home é un amigo do avó, un policía retirado que é tío político do comandante Soto, cabeza visible do alzamento na cidade de Ourense. É de supoñer que con base nesas fontes comunícalle á avoa que o seu marido atópase ben e que polo momento non lle falta de nada e el espera que non lle falte no sucesivo. E rógalle á avoa que non se preocupe”, contan os netos do Celso no seu artigo en Arraianos.

Celso Pérez Enríquez foi sacado, canda outros, da Prisión Provisional de Celanova e paseado no Furriolo o 18 de agosto polas denominadas Brigadas Falangistas del Amanecer.

A datá correspóndese coa orde de excarceración do mestre Eduardo Villot Canal, asinada polo Gobernador Civil e remitida ao xefe da Prisión Provisional (nota 4).

“O día 1 de outubro de 1936, o irmán do avó, Carmelo Pérez Enríquez, organizou unha expedición encabezada por Manuel Enríquez, primo carnal do avó, e Gumersindo Rodríguez, de Cerdal, xunto con Francisco Pérez, O Pelado, e outros amigos e familiares, que seguindo as indicacións recibidas conseguiron localizar no monte Furriolo a foxa común na que se atopaba enterrado o avó xunto con outros asasinados. (…) Esa mesma noite trasladaron o seu corpo ao cemiterio da parroquia de Sorga, no que tiñan autorización para sepultalo. (…) Corenta e cinco anos despois, na madrugada do día 18 de agosto de 1981, o meu pai, o meu curmán Carlos, o meu tío Emilio (o home da tía Carmen, irmá do meu pai), o Francisco, O Pelado, que estivera no 36 e coñecía o lugar da tumba sen identificar, o sacristán da parroquia e eu mesmo procedemos a desenterrar outra vez o cadáver do avó, esta vez para trasladalo ao cemiterio de Poulo e darlle sepultura definitiva. (…) Ese mediodía démoslle sepultura en Poulo e a avoa puido ter ao fin cerca da casa ao home da súa vida. A día de hoxe a avoa descansa na mesma tumba”, continúan os netos do Celso.

No seu artigo para Arraianos, Manuel Veiga atribúelle á memoria familiar un dato de interese: “Na foxa (do Furriolo) separaron o seu corpo do mestre Eduardo Villot o outros tres máis”.

VILLOT, O PRIMEIRO MESTRE PASEADO EN CELANOVA

Eduardo Villot Canal, mestre da Academia Sueiro na rúa Liberdade en Ourense, foi preso o domingo 26 de xullo de 1936, e estivo na cadea en Ourense até o día 29. O seu nome pecha a primeira relación de 44 reclusos enviados ese día desde a capital a Celanova, e na que atopamos tamén os nomes das primeiras catro vítimas (Enrique González, Cándido García, José Romualde e Ramón Padrón) que pasaron polo cárcere habilitado no Mosteiro.

Nun ordenanza asinada o 2 de agosto polo comandante militar de Ourense, Luis Soto, Eduardo Canal figura como un dos mestres suspendido de emprego e soldo durante tres meses. O novo poder militar considera que estaban a levar ás súas escolas “propaganda subversivas de toda moral, infiltrando en el espíritu de los niños doctrinas políticas y aberraciones de una pedagogía soviética, deformando así las inteligencias infantiles”. A orde foi publicada na edición de La Zarpa, xa en mans dos sublevados, do 2 de agosto de 1936.

Villot era membro da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza, coñecida como A.T.E.O., cuxo “núcleo dirigente” é destituído e cesado das súas respectivas escolas na mesma ordenanza. Entre os mestres sinalado como dirixentes están outros que foron vítimas da represión que se exerceu en Celanova nos primeiros meses após o golpe do 36: Amadeo López Bello e José Camilo Soto Losada.

Ficha da fosa de Sorga na documentación ministerial en 2024.

“O xornal facíase na imprenta de La Zarpa, tiña catro páxinas en formato tabloide e dirixíao Severino Nóvoa, camareiro e destacado orador, logo procesado e fusilado; colaboraron nel o propio Armando e o seu irmán Mario Fernández Mazas, xunto con Amadeo Varela, Luís Taboada Camoeiras, Modesto R. Seijo, Baltasar D. Santalla, Eduardo Villot Canal, Julio Velasco Astray, Ramón Jaimes Azpilcueta e José Luís López Cid. Espartaco foi unha revista socialista e antifascista, moi crítica co republicanismo radical e pouco respectuosa cos políticos da dereita. (…) Eduardo Villot Canal, un mozo comunista, solicita o apoio da Mocidade Galeguista á causa do Frente Popular”, conta Valcárcel.


CRONOLOXÍA DOS PASEOS EN AGOSTO DE 1936 RELACIONADOS CO CÁRCERE E/OU CO FURRIOLO
DATANOMELUGARFONTE
Día 3Enrique González FernándezPonte Pequena – ViveiroRexistro Civil CEL.
Día 4Cándido García CorralPonte Pequena – ViveiroRexistro Civil CEL.
Día 4José Romualde IglesiasPozo das Conchas-Grou-LobeiraMorais
Día 4Ramón Padrón PardoPozo das Conchas-Grou-LobeiraMorais
Día 16DescoñecidoO Furriolo – LampazaRexistro Civil RAZ
Día 16Emilio Fuentes CanalPonte Pequena – ViveiroRexistro Civil CEL.
Día 16Manuel Fuentes CanalPonte Pequena – ViveiroRexistro Civil CEL.
Día 18Celso Pérez EnríquezO Furriolo – BerredoNomes e Voces
Día 18Eduardo Villot CanalO Furriolo – BerredoNomes e Voces
Día 20DescoñecidoO Furriolo – Sorga – CorgoRexistro ABOLA
Día 25DescoñecidoO Furriolo – Sorga – CorgoRexistro ABOLA
Día 29Julio González ÁlvarezPoza das Ras-Ourille-VereaRexistro C. VEREA
Día 29Amadeo López BelloPoza das Ras-Ourille-VereaRexistro C. VEREA
Día 29Silvio Pérez DíazPoza das Ras-Ourille-VereaRexistro C. VEREA
Día 29Eloy Romero LuisPoza das Ras-Ourille-VereaRexistro C. VEREA
Elaboración propia.


NOTAS
  • (1) Rodríguez Teijero, Domingo (2010). O Concello de Celanova durante a Segunda República (1931-1936). Ir Indo. Nota ao pé na páxina 180.
  • (3) Rodríguez Teijero, Domingo (2010). Pé de páxina na 176.
  • (3) Resumo das biografías dos paseados do publicado por Carlos Morais (2021). “Barbárie e resistência antifascista em Lobeira”. Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
  • (4) Na Correspondencia do ano 1936. AHPO. Caixa 13041/06.
  • (5) Cid Fernández, Xosé Manuel (2018). “A represión franquista en Ourense: novos argumentos contra a desmemoria da persecución sufrida polo maxisterio”. Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa De Historia Da Educación, 21, 73-99.
  • (6) Marcos Valcárcel (2016). “Espartaco e os trotskistas”. El Correo Gallego. 15.01.2006. Consultado en Diario de un Médico de Guardia, https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2021/02/
Rexas no espazo coñecido como La leona durante a etapa do cárcere como Prisión Central.

Próximo capítulo: Homes, mulleres e cárceres (do Furriolo á Poza das Ras).


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario