O mozo da fotografía é Lucio José Nestal Fernández.
A imaxe está tomada o 20 de agosto de 1933. Lucio ten 22 anos. Leva unha dedicatoria: “A mi Carmen, en prueba de amor eterno”.
En decembro dese ano casa en Mieres con María del Carmen Álvarez Canga.
O 4 de xuño de 1934 nace no Hospital de Oviedo a primeira filla do matrimonio: Libertad.
O 28 de marzo de 1937 nace en Mieres a segunda, Aurora.
Lucio foi condenado a 15 anos de cárcere por “auxilio a la rebelión” por un tribunal militar dos sublevados en Oviedo o 16 de novembro de 1937. Libertad cumprira 3 anos e Aurora, 7 meses.
Ingresou na Prisión Provisional de Celanova o domingo 13 de febreiro de 1938 procedente da Prisión Provincial de Oviedo. Ingresa canda outros 105 reclusos, a maioría son asturianos. Durante os dous primeiros meses do ano o cárcere de Celanova recibiu case 700 presos. No mes de maio converteríase en Prisión Central.
O expediente penal de Lucio é o 534. Na súa ficha dan conta da súa elevada estatura: 1,85 metros. Cabelo e ollos castaños. Pel morena. De profesión: albanel.
Como albanel, Lucio desempeñará traballo escravo na cadea, algo que os represores (lembren: subleváronse contra a legalidade republicana o que desatou unha guerra na que detiveron a cidadáns libres, xulgáronnos e impuxéronlles castigos como a prisión no caso de Lucio, e inda despois da prisión, persecución económica a través dun “expediente de responsabilidades políticas”) consideraban “trabajo para la redención de condena”.
Non hai anotación no expediente de Lucio até maio de 1939, cando a Junta de Disciplina do día 1 sinala que o preso superou o primeiro período de reclusión. Naquela altura, a Lucio restábanlle por cumprir 4.934 días de condena, segundo o rexistro do último día de abril. Mais xa empezara o seu traballo na cadea: en marzo, 4 días consignados; en abril, 19… nos meses seguintes: 24, 25, 25, 26 en agosto.
O 8 de agosto de 1939 Lucio ergueu a cruz dos caídos no lugar do Outeiro da Obra, unha iniciativa da Bandera de Falange de Marruecos, de gornición na vila desde xuño. O oficio da Bandeira informando ao director da prisión, Vicente Fortubel, ten data do día seguinte, 9 de agosto.
“Me congratulo participarle mi satisfacción por los trabajos efectuados por el recluso Lucio Nestal Fernández en la colocación de ‘LA CRUZ A LOS CAÍDOS’. Lo que le hago presente a los efectos que estime más convenientes. Dios salve a España y guarde a Vd muchos años. Celanova (Orense) 9 de agosto de 1939. Año de la Victoria. El Capitán Jefe Acctal [Accidental]”.
O oficio foi rexistrado dando entrada na documentación da Prisión Central e enviado o día 14 ao Jefe do S.N. Prisiones (Servicio Nacional de Prisiones) en Madrid. Vicente Fortubel anota: “Dando traslado oficio n.º 7.780 del 9 actual del Capitán Jefe Acctal. Bandera de Marruecos participando su satisfacción por los trabajos realizados por el recluso Lucio Nestal Fernández en la colocación de ‘La Cruz de los Caídos”.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixo públicos estes documentos o pasado 27 de decembro, sumando unha proba máis ao amplo informe sobre o símbolo falanxista que esta entidade urxe retirar en aplicación das leis de memoria.
Lucio Nestal seguiu acumulando días de traballo: 26 en setembro, 26 en outubro, 30 en novembro, 20 en decembro. A final de ano, rebaixara a condena a 4.488 días. O expediente de Lucio recolle unha orde recibida na Prisión Central de Celanova para que sexa trasladado a Lugo xunto con outro recluso, Leopoldo Alea, tamén albanel e veciño de Ribadesella, que ingresara o 25 de xaneiro daquel ano, no mesmo continxente de presos que os 13 fusilados en marzo en Ourense e os 7 que acaban de executar a finais de setembro en Celanova contra os muros do cemiterio.
O director da Prisión respondeu a petición doo Servicio Nacional de Prisiones indicando que “los reclusos albañiles Lucio Nestal y Leopoldo Alea son los más competentes, y sin cuyo concurso difícilmente podremos terminar obras próximas a finalizar”. O día 10 consigna no expediente de Lucio que o Gobernador Civil informa que o traslado queda sen efecto.
Lucio Nestal obtivo a liberdade “con prisión atenuada” o 18 de agosto de 1940, xunto a outros 26 reclusos. Reuniuse coa súa familia en Mieres. En maio do ano seguinte pediu permiso para se trasladar a Ponferrada por motivos de traballo.
En Ponferrada naceu o 28 de xuño de 1941 seu primeiro fillo varón, José Leoncio, que faleceu coa familia xa instalada en Ourense en setembro do 42. Dous anos despois, en marzo de 1944 volveron ter outro fillo, tamén por nome José Leoncio, que apenas viviu un mes e unha semana.
En Ourense Lucio traballou para a empresa de construción de Estanislao Reverter entre setembro do 41 e setembro do 47, e nese ano obtivo a súa cartilla profesional como oficial de primeira en albanelería. Despois traballou tamén para o construtor Rodolfo Lama Prada e asentouse coa familia en Santiago de Compostela.
Faleceu en La Mata (Luarca) o 29 de xullo de 1975 aos 64 anos de idade.
Esta é a historia de Lucio nos documentos da ditadura da que foi vítima. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece á familia ternos facilitado esta fotografía e outros documentos. A historia completa de Lucio aínda está por contar. A historia do seu compromiso social e político en Mieres durante a República, os anos daquela foto e da esperanza que plasmou nos nomes das nenas: Libertad e Aurora.
(Continuará)
0 comentarios