RIBADAVIA. XULLO DO 36
En 1938, Manuel Silva Ferreiro, canónigo da Catedral de Santiago, relataba así os días do golpe de Estado en Ribadavia:
“Con todo, y a pesar de todas las propagandas, Ribadavia continuaba siendo pueblo sensato y de orden; razón por la cual, fracasó por completo la resistencia intentada en esta villa por los dirigentes marxistas los días 17 de julio y siguientes, pudiendo concretarse todo lo allí sucedido en la forma siguiente: El Presidente de la Gestora y otros, forman la guardia roja y demás patrullas armadas, cuyos componentes son alojados, por orden escrita del alcalde, en casas particulares. A estas fuerzas se unen más tarde las del alcalde de Arnoya, José Meixengo Pereira (que se presenta el 19 en Ribadavia capitaneando las huestes rojas, que él mismo creara en su Municipio) y unas y otras son arengadas por Andrés Centrón Rodríguez, para que procediesen al asalto de la casa cuartel de la Guardia Civil, asalto que no llegó a realizarse, acaso porque los revoltosos, que necesitaban un jefe, no advirtieron la presencia entre ellos, del alcalde de barrio de Beiro, José Fernández Parracia, que habría hecho estupendamente el papel de Miaja”.
O historiador Mateo Martínez Torres, en 2019, matizaba o relato.
“No caso da capital da Comarca do Ribeiro, as primeiras novas da sublevación recíbense na madrugada do día dezaoito. Nunha xuntanza na Casa do Pobo, onde a agrupación socialista local leva a iniciativa, acórdase enviar representantes ás diferentes parroquias da comarca para contactar os responsables das sociedades agrarias de esquerda e que estas asumisen a tarefa de organizar aos seus afiliados para o caso de que se precisase unha mobilización de envergadura. O alcalde da vila, Benito Gallego, atopábase en Ourense e regresou a Ribadavia por orde de Martín March, gobernador civil da provincia, argumentando que se ía facer pública unha noticia que «haría reaccionar a la gente». Unha vez alí deu instrucións ao brigada da Garda Civil, Vicente Santamarina García, para que permanecese acuartelado ata nova orde, situación que se mantería ata que chegou ao cuartel a nova da declaración do estado de guerra. Non obstante, todo indica que o alcalde se viu superado pola situación nun primeiro momento, xa que parecía máis partidario de manterse á espera, como estaba a acontecer no resto da provincia. Sobre as dez da noite, a praza maior do concello comezou a encherse de xente reclamando armas para defender á República, polo que presionado polos seus compañeiros de corporación máis esquerdistas, o alcalde decide daquela poñerse á fronte da mobilización. Existen diferentes versións arredor da defensa da legalidade republicana na vila de Ribadavia. A historiografía de final de século, representada neste caso polo historiador Carlos Fernández, aseguraba que a resistencia ribadaviense non fóra moi efectiva. Explicábase que a xestora municipal recrutara a algúns esquerdistas que, coa axuda de traballadores mandados polo alcalde da Arnoia José Meixengo, intentaran o asalto ao cuartel da Garda Civil, sen éxito. Na actualidade, grazas aos traballos de investigación de historiadores como Julio Prada ou Jesús De Juana, sabemos que nas primeiras horas do día dezanove concentráranse na vila de Ribadavia arredor de douscentos individuos armados, baixo as consignas dos dirixentes socialistas. Atopámonos nun contexto no que existía un fundado temor a que a nutrida Falanxe do Ribeiro puidese organizarse e tentar un golpe de forza para facerse co control do concello. Ademais, tamén existía a posibilidade de que a comarca se convertera nun punto de encontro de «frontepopulistas» de toda a provincia, onde se organizaría un continxente que debera dirixirse á capital. Na cidade de Ourense, o edificio do Goberno Civil foi tomado nas últimas horas da mañá do día 20 de xullo polas tropas do tenente coronel Luís Soto Rodríguez. En Ribadavia a Garda Civil saíu do seu cuartel arredor das catro da tarde dese día, cumprindo a instrución da nova Comandancia Militar de proclamar o estado de guerra, e detendo ao alcalde Benito Gallego Montero e a diversos concelleiros e personalidades da vila.”
A MORTE DE CÁNDIDO NOS DOCUMENTOS
O domingo 2 de agosto de 1936 aparecera preto da Ponte Pequena, na estrada de Celanova a Ourense, o cadáver do mozo Enrique González Fernández, duns 20 anos. O luns 3 de agosto apareceu no mesmo lugar o corpo de Cándido García Corral, comerciante de Ribadavia, militante do PSOE e membro da corporación municipal naquel concello como Tenente de Alcalde.
A partida de defunción dá conta de que Cándido tiña 38 anos e estaba casado con Josefa Diéguez Estévez. Non tiñan fillos. Cándido nacera na parroquia de Entrena no concello rioxano de Ortigosa de Cameros. Un seu irmán, Ciriaco, veciño de Entrena, foi paseado en Logroño apenas uns días despois. O mesmo día que mataron o Cándido, pasearon tamén a Sebastián Pérez Regueiro, militante do PSOE en Ribadavia, que apareceu morto en San Cristovo (Ribadavia).
Cándido ingresou na prisión de Ourense o día 20 de xullo, pola tarde, despois de que os sublevados tiveran tomado o Goberno Civil na capital e detiveran aos líderes republicanos en Ribadavia.
Unha testemuña deixou constancia de como aconteceron as cousas no Goberno Civil: “El día 20 de julio, en el edificio del Gobierno Civil, entra mucha gente desconocida, por lo que el gobernador civil ordena al teniente de Seguridad Marcial García Barros que cierre las puertas, lo que ordena desde el descanso que hay en la escalera. En ese momento, sin haber llegado a cerrar las puertas, entra el comandante Ceano y pregunta a García Barros a las órdenes de quién está, y éste le contesta que “a las órdenes del Gobierno”. Ceano le dice: “Pues el gobierno soy yo”, y García Barros le contesta: “Pues a sus órdenes, mi comandante”. Ceano sube al primer piso y detiene al gobernador y sus acompañantes.” (Sergio García Ferreira, Héroes o traidores. La Región 11.02.2014).
Cándido foi conducido ese mesmo día á prisión de Ourense xunto a Benito Gallego Montero, Fulgencio Lorenzo e Andrés Centrón. Rexístrase a súa entrada ás 20 horas do 20 de xullo. O seu nome volve aparecer o 29 de xullo nunha lista mecanografada de presos “a disposición del Gobernador Militar de esta plaza” (Ourense) que asinan o director e o subdirector da prisión e que son trasladados a Celanova. O día 31, na relación nominal de presos das contas de alimentación da prisión de Celanova, rexistrados o último día de cada mes, mantéñense os 44 trasladados de Ourense, e o resto, até 107, das comarcas de Celanova e o Val do Limia.
O seguinte documento é das cinco da tarde do 4 de agosto, a partida de defunción, que sitúa o lugar de aparición do cadáver o día anterior e a causa oficial da morte: “hemorragia pulmonar y cardíaca, según resulta del informe facultativo-forense”. Dáse conta tamén do lugar no que foi soterrado: Ribadavia.
Hai un ultimo documento do Estado franquista contra Cándido García Corral. É o Expediente de Responsabilidades Políticas (ERP) que tramita un xulgado de Ourense no ano 1941, e no que se investigan, ademais de Cándido, outras seis persoas de Ribadavia e Melón.
Con data do 23 de outubre de 1942, a instrución envía un oficio ao Xulgado de Celanova solicitando a acta de defunción de Cándido García Corral, “que se dice fue fusilado en los términos de ese municipio”.
A resposta do secretario xudicial, do 27 de outubro, concreta: “Con fecha de 3 de Agosto de 1936 y bajo el número 81 de aquel año, se incoó ante Juzgado, sumario por el hallazgo en el punto denominado ‘Paradela’, de la parroquia de Viveiro -kilómetro 22 de la carretera de Orense a Portugal-, término municipal de Celanova, del cadáver de Cándido García Corral, vecino que fue de Ribadavia y que apareció muerto, por disparos de arma de fuego, en cuyo sumario, en veinte del propio Agosto, se dictó auto inhibiéndose de su conocimiento a favor del Juzgado Militar Eventual de Orense, al que, una vez firme tal auto, se remitió dicho sumario original, en 29 de Agosto de 1936”.
A REPRESIÓN CONTINÚA APÓS O ASASINATO
Nun escrito datado en marzo do 44 que aparece no ERP, indícase que Cándido foi Tenente de Alcalde “durante el gobierno del Frente Popular” mais declárase prescrito “el hecho originario de la sanción que debía serle impuesta” dado que o cargo exercido non ten “carácter reservado”. Noutro escrito, do 12 de abril de 1944, os tres instrutores do expediente acordan declarar “prescrita la infracción” e decretar “la cancelación de los embargos que se hayan trabado en bienes” propiedade do encartado.
Nun escrito infórmase aos instrutores da morte de Cándido. Asina a Comandante de posto da Guardia Civil de Ribadavia, e ten data do 23 de setembro de 1942. Di: “Cándido García Corral. Socialista, desempeño el cargo de Teniente de Alcalde durante el funesto Frente Popular. Falleció en Celanova, fusilado. Casado con Josefa Diéguez Estévez, la que posee un capital de unas 100.000 pesetas”. No seu escrito do 20 de outubro, o alcalde, Emilio Dávila, informa sobre o Cándido: “Fallecido, fue destacado elemento del Frente Popular y afiliado al partido Socialista. No se le conoce capital propio y vivía con su esposa y unos sobrinos. Fue destacado elemento del Frente Popular”.
A familia política de Cándido tamén foi chamada a comparecer no expediente. Con data de 5 de decembro de 1942, o cuñado, Benjamín Diéguez, declara que Cándido traballaba como “dependiente del comercio de tejidos propiedad del compareciente que tiene en esta villa”, que as tres casas -na praza Maior, na rúa Tabernillas e en Francelos- que posuía ao seu falecemento foran adquiridas en réxime de gananciais con Josefa Diéguez.
Ademais, declara o perito agrícola Odilo Freijido, quen realiza a taxación das tres casas, determinando un valor de 44.700 pesetas. Pola súa banda, os veciños Manuel Giráldez Diéguez e José López Giraldez declaran que a ocupación de “dependiente” no comercio do seu cuñado era “o único modo o medio con el que contaba para vivir” Cándido García Corral.
Mentres o Concello de Ribadavia certifica o 16 de decembro que a García Corral non se lle coñecen bens propios atendendo á contribución urbana, mais si na rústica, onde figura cun “líquido imponible de 393’75 pesetas cargadas en el año 1931” por tres fincas nas que aparece xunto a súa esposa.
Con data do 30 de abril de 1943 volve aparecer no expediente unha declaración xurada de Benjamín Diéguez, na que indica que a metade das tres casas adquiridas polo matrimonio da súa irmá co Cándido pertence a Josefa. Mais en xuño dese ano, a instrución insiste en que non está acreditado que eses bens fosen adquiridos “estando casado con Josefa Diéguez”, e lembra o valor das casas. Así que, unha vez declarada a insolvencia de catro dos encartados, o expediente sobre os bens de García Corral seguiu aberto. Con data do 20 de xaneiro de 1944, aínda se lle reclama á familia que xustifique a adquisición das tres casas durante o matrimonio.
A represión económica e o castigo sobre as familias das vítimas continuaron durante anos após dos asasinatos. Os recoñecementos institucionais da súa condición de vítima do fascismo tardaron moito máis en chegar. A xustiza nunca actuou sobre o caso da morte violenta de Cándido García Corral aquel 3 de agosto en Celanova.
NOTAS
BENITO GALLEGO MONTERO, alcalde de Ribadavia no ano 1936, pertencente a Izquierda Republicana; detido o 20 de xullo e trasladado á prisión de Ourense. O 5 de agosto foi trasladado a Celanova cando a Andrés Centrón. Dous días antes pasearan a Cándido. Condenado a morte por Rebelión Militar o 14 de decembro de 1936 e executado no Campo de Aragón o 9 de febreiro de 1937 xunto a Celso González Rodríguez (militante socialista de presidente da Casa do Pobo), Andrés Centrón Rodríguez, Benito Quintas Gómez e Fidel Blanco Leboso. Canda eles, tamén foi executado ese día Eladio Porto Bugallo, veciño de Leiro.
ANDRÉS CENTRÓN RODRÍGUEZ, responsábel da Sociedade Agraria de Ventosela. O 5 de agosto foi trasladado a Celanova desde Ourense nun continxente de 39 homes, entre os que ademais de Benito Gallego, se atopaba o alcalde de Gomesende, Celso Pérez Enríquez (paseado no Furriolo o 18 de agosto), o mestre Amadeo López Bello (paseado na Poza das Ras-Verea, o 29 de agosto) e o alcalde da Arnoia, José Meixengo, que despois asentou en Celanova onde foi médico.
CAUSA 933. Os 5 de Ribadavia fusilados no Campo de Aragón foron xulgados na Causa 933, de 1936, polo Tribunal Militar Territorial nº 4 de Ourense. Nesa causa aparecen 105 persoas, entre elas, Fulgencio Lorenzo, o médico Meixengo e o seu irmán Antonio, o labrego José Fidel Blanco (que morreu durante a fuga do Fuerte de San Cristóbal, en Pamplona en maio do 38) e DOMINGO MANTILLA, veciño de Cenlle, encarcerado en Celanova e que morreu na prisión o 14 de xaneiro de 1938. O seu nome figurará no memorial ás vítimas da represión en Celanova que foron soterradas no cemiterio parroquial de San Breixo.
HOMENAXE AO ALCALDE EN 2017. En febreiro de 2017, en presencia do alcalde socialista da vila e membros da coalición do goberno municipal, a familia de Benito Gallego Montero descubriu unha placa na casa da rúa Salgado Moscoso onde viviu.
RETIRADA HONRAS A FRANCO. En decembro de 2017, o pleno da corporación municipal de Ribadavia acordou a retirada da medalla de ouro do Concello de Ribadavia a Francisco Franco. Na exposición de motivos, facíase referencia aos asasinatos de Benito Gallego, Andrés Centrón, Celso González, Fidel Blanco, Benito Quintas, Cándido García Corral e Sebastián Pérez Regueiro.
Fontes:
Revdo. P. D. Manuel Silva Ferreiro: Galicia y el Movimiento Nacional: paginas históricas, 1938.
Mateo Martínez Torres: O golpe do 36 en Ribadavia: resistencia e violencia. Revista Mazarelos, 4.06.2019.
Sergio García Ferreira. Héroes o traidores. La Región 11.02.2014 https://www.laregion.es/opinion/sergio-garcia-ferreira/heroes-traidores/20120426020000254783.html
ERP n.º 168, de 1941, https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/inicio/inicio.do (Expediente de responsabilidades políticas a Candido García Corral; Mario Escudero Gallego; Manuel Alonso Domínguez; José Canitrot Santalices; Ángel Fernández Estévez; Antonio Lois Rodríguez. Afiliados de la A.S. de Ribadavia.)
1 comentario
Agosto de 1936, a instauración do terror en Celanova (I) – memoriacelanova · 17 Agosto, 2024 ás 9:10 a.m.
[…] e o concelleiro socialista de Ribadavia, Cándido García Corral, paseado o luns 4 no mesmo lugar [ ver aquí ]. Ese mesmo luns, apareceron no lugar do Pozo do Inferno (Lobeira) os corpos doutros dous presos […]