O 2 de agosto de 1936 foi paseado Enrique González Fernández, mozo ourensán de entre 19 e 20 anos de idade segundo os rexistros do seu paso pola prisión de Ourense e da acta de defunción.
O corpo de Enrique González Fernández apareceu nun camiño próximo á Ponte Pequena, parroquia de Viveiro, na estrada Ourense-Celanova, a uns 5 quilómetros da prisión de partido de Celanova, no Mosteiro de San Salvador.
Enrique González Fernández foi preso en Ourense o martes 21 de xullo, ao día seguinte de que o tenente coronel Luis Soto tomase o poder na cidade. Entre a tarde do 20 e a do 21 de xullo entraron en prisión entre corenta e cincuenta persoas (a última parte do rexistro desa data foi destruída). Ademais de Enrique, entre os presos rexistrados o 21 -con hora de rexistro ás 20,30- figuran Victoriano Sanjurjo, José Romualde, Ramón Padrón, Luis Cid, José María Varela, Gustavo Rego, Amador Iglesias, Manuel Pérez, César Conde, Silvio Torres Díaz, José Nieto, Leandro Mena, Leo Piecht, Luis Villar, Antonio López Santos, Santiago Pérez e Alejandro Blanco.
O día 20 ingresaran catro responsábeis políticos de Ribadavia: Cándido García Corral (tenente de alcalde, PSOE), Fulgencio Lorenzo (concelleiro e presidente da Agrupación Socialista local), Andrés Centrón (responsábel da Sociedade Agraria de Ventosela) e Benito Gallego (alcalde, IR).
Cándido García, Enrique González e os 18 referidos do día 21 aparecen na lista de 44 trasladados a Celanova oito días despois, o mércores 29 de xullo. Os asasinatos de Enrique, Cándido García Corral (3 de agosto, no mesmo lugar xunto a Ponte Pequena-Viveiro-Celanova), José Romualde (4 de agosto, Pozo do Inferno-Lobeira), Ramón Padrón (4 de agosto, Pozo do Inferno-Lobeira), Silvio Torres Díaz (29 de agosto, Poza das Ras-Verea) e Santiago Pérez Quiroga (5 de abril do 37, Ourense) están documentados.
Enrique González Fernández permaneceu preso en Celanova catro días. O domingo 2 de agosto foi paseado. O cadáver apareceu no camiño que sobe cara a Viveiro preto da Ponte Pequena, o lugar onde ao día seguinte, o luns 3, apareceu morto Cándido García Corral. E o domingo 16, apareceron os cadáveres dos irmáns Emilio e Manuel Fuentes Canal, este último, membro das Irmandades da Fala en Ourense. Os Fuentes Canal foran presos en Ourense o día 22 de xullo, e até o momento non topamos noticia do seu ingreso en Celanova.
Debeulle parecer suficientemente marcada a Ponte Pequena con estes 4 cadáveres nas festas da Encarnación (primeiro domingo de agosto) e do San Roque (16 de agosto) que non existe documento ningún doutros paseos no lugar. Os Fuentes Canal foron soterrados no cemiterio de Celanova, segundo figura nas partidas de defunción, e por iso os seus nomes aparecerán no memorial das 90 vítimas da represión que alí foron soterradas. O corpo de Cándido García foi levado a Ribadavia, e o do Enrique González, para Ourense, segundo a referencia do proxecto “Represariados ourensáns (1936-1945)” que indica o número de nicho 847.
No rexistro da prisión de Ourense, o Enrique figura como “ebanista” de 19 anos, e no rexistro civil de defuncións figura como “colchoneiro” de 20 anos de idade. Os nomes da nai e do pai si coinciden en ambos documentos: Josefa e Juan.
Non hai más datos sobre el que estes dous documentos, e a súa presencia na lista a máquina do seu traslado do cárcere provincial á prisión de partido de Celanova, que xa empezaba a funcionar como prisión provisional desde os primeiros días do Golpe de Estado.
PARA CALQUERA INFORMACIÓN QUE POIDA AMPLIAR A DOCUMENTACIÓN SOBRE ENRIQUE GONZÁLEZ FERNÁNDEZ OU AXUDAR Á BUSCA DE FAMILIARES, PODEDES CONTACTAR CO COMITÉ: memoria.celanova@gmail.com
Fontes:
Arquivo Histórico Provincial de Ourense
- Contas de Alimentación da Prisión Provisional de Celanova.
- Relacións nominais de reclusos dos anos 1936 a 1943.
Rexistro civil de Celanova
- Libro de defuncións 1936. Tomo 27.
Represariados ourensáns (1936-1945)
3 comentarios
Agosto de 1936, a instauración do terror en Celanova (I) – memoriacelanova · 17 Agosto, 2024 ás 8:50 a.m.
[…] eles, o mozo Enrique González Fernández, paseado o domingo día 3 de agosto na Ponte Pequena [ ver aquí ] e o concelleiro socialista de Ribadavia, Cándido García Corral, paseado o luns 4 no mesmo lugar […]
Do Furriolo á Poza das Ras – memoriacelanova · 20 Agosto, 2024 ás 12:39 p.m.
[…] Fernández, José Nieto Fontana, Ricardo Gómez Del Valle e Luis García Somoza. O Enrique fora paseado dous días antes na Ponte […]
As mulleres do cárcere feminino de Celanova – memoriacelanova · 19 Novembro, 2024 ás 6:19 a.m.
[…] reclamando a liberdade de catro reclusos, entre eles, Ricardo, e Enrique González Fernández, o primeiro paseado en Celanova, uns días […]