(Parte I: conferencia de Uxío-Breogán Diéguez)
Os historiadores e profesores Xosé Estévez e Uxío-Breogán Diéguez celebraron onte en Celanova un acto “necesario” para o coñecemento da figura de Xosé Velo (Celanova, 21 de abril de 1916 – São Paulo, 31 de xaneiro de 1972) baixo o título de Xosé Velo, político e organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
“Xosé Velo fai parte dunha familia de orixe labrega, acomodada, logo adiñeirada e vinculada ao Partido Conservador. Como no caso de tantas familias conservadoras deron lugar a unhas figuras extraordinarias. A partir das contradicións que estas figuras vían entre o seu día a día e o da maioría, e tamén da súa sensibilidade, agromaría nelas un pensamento, diríamos progresista. Co tempo foron tomando conciencia do que realmente era a sociedade no seu conxunto”, comezou Uxío-Breogán Diéguez, autor de varios ensaios sobre o exilio galego após a Guerra de España, quen trazou un perfil político de Velo Mosqueira, desde as primeiras influencias de Manuel Curros Enríquez, Basilio Álvarez e as Irmandades da Fala xusto no tempo no que, xunto a Celso Emilio e outros mozos, fundou en Celanova as Mocidades Galeguistas.
A respecto da influencia do Basilio Álvarez, o historiador sinalou a pegada en Velo da “compoñente de clase, non tanto obreira, senón agrarista” da política do fundador de Acción Gallega e do xornal La Zarpa. “Era un crego indomábel pola Igrexa da que facía parte e eu sígoo vinculando ao que décadas despois foi a Teoloxía da Liberación, igual que o Alexandre Bóveda”, precisou Uxío-Breogán Diéguez, “xente comprometida coa maioría social desta nación labrega e mariñeira naquela altura”.
No que fora a cociña do Mosteiro de Celanova, hoxe sala do centro social cuxa dirección amabelmente cedeu o espazo, Uxío-Breogán Diéguez lembrou que Xosé Velo era un mozo estudante nos Escolapios de Monforte de Lemos cando se proclamou a II República en abril de 1931. “E se empapou daquela alegría naquel Monforte, importante nó ferroviario e con implantación do nacionalismo organizado co notario Manuel Banet Fontenla á cabeza”. Alí tomou contacto Velo coas Irmandades, en pleno proceso de transformación en partido político, o Partido Galeguista, que se crearía en decembro daquel mesmo ano.
Uxío-Breogán Diéguez, director de Murguía, Revista Galega de Historia, lembrou o traballo de Pablo Sánchez, quen como membro do Comité elaborou un estudo sobre as Mocidades en Celanova a partir do documento funcional, de 15 de xullo de 1932, e publicado nesa revista. Dixo que Illa Couto e Francisco Fernández Del Riego lle comentaran que os de Celanova e Ourense (liderada esta por Vicente Bóveda, irmán de Alexandre) foran dos primeiros grupos locais das Mocidades no país.
“Francisco Fernández Del Riego, que foi o secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguistas creada en 1934, referiume que tanto Velo como Celso Emilio eran figuras relevantes a nivel nacional naquela Federación”, dixo Diéguez.
Despois dun repaso polas cifras de afiliación das Mocidades e os apoios electorais do Partido Galeguista nos anos da II República, o historiador subliñou que “os galeguistas, con Pepe Velo entre eles, triunfaran en trasladar á sociedade da época a importancia de contar cun partido nacional galego”.
Velo foi detido tralo golpe de Estado de 1936, mobilizado despois polas forzas sublevadas no acoirazado Brunete, liberado no 39 desenvolveuse como mestre primeiro en Celanova e desde 1943 en Vigo, onde participou nas tentativas de reorganización do Partido Galeguista. “En medio dun deserto, coa plana maior no exilio, aqueles rapaces das Mocidades tomaron a responsabilidade de relanzar o Partido Galeguista no país. Houbo intentos desde o 39, cando Illa Couto toma a iniciativa. Mais Ramón Piñeiro dicía que non o vía, que non era o tempo… tampouco no 40 e no 41. Xa nos anos 42 e 43 houbo un dobre intento. Un deles estivo liderado por Ramón de Valenzuela, e outro ao redor de Fernández Del Riego e Illa Couto, e aí si, Piñeiro. Xosé Velo converxeu con Valenzuela. E desde a outra parte, Velo e Valenzuela foron acusados de seren infiltrados do PCE que intentan acabar co nacionalismo galego. E iso puxo o foco da policía franquista sobre Valenzuela e Velo”.
Valenzuela e Velo (e outros como Mariano Otero Castelao) rematarían no exilio. Velo foi detido en Vigo xa no 41. Finalmente, no 48 foxe cara a Portugal camiño das Américas. Con Velo, Otero Castelao tamén estivo na fundación da UNE (Unidad Nacional Española) que sería unha das organizacións que antecederon ao DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación).
Uxío-Breogán Diéguez entrevistou a varias persoas que coñeceron a Velo naqueles anos en Caracas. “Lembraban ao Pepe Velo do Hogar Gallego, despois Lar Galego, como un grande orador. Ademais dun gran organizador, todas e todos nós debemos considerar a Velo coma un dos grandes oradores do nacionalismo galego en toda a historia contemporánea”.
“Velo non só foi un militante entre os exiliados. Sempre tivo a idea de volver ao país e organizar a resistencia armada contra a ditadura franquista a través de contactos con outros demócratas, non só galegos, e tamén portugueses antisalazaristas”, explicou Diéguez antes de detallar a participación de Velo no I Congreso da Emigración Galega, en xullo de 1956 en Bos Aires, nun momento no que o nacionalismo galego está esmorecendo, “un encontro de tres días de afirmación nacional galega”.
“E Moreda díxome: ‘Pepe Velo propuxo organizar unha guerrilla na Galiza. Non aceptamos, eramos emigrantes, non guerrilleiros. Pedirlle a un que se veña mollar na Galiza cunha pistola sen saber sequera a quen disparar para nós era cousa doutro mundo”.
UXÍO-BREOGÁN DIÉGUEZ
Velo representou naquel congreso á comunidade galega expatriada en Venezuela. Pediu que lle pagaran a viaxe e lle compraran un traxe. “A intervención de Velo naquel congreso foi, dito por xentes que a presenciaron, a máis relevante e xirou ao redor da necesidade da reorganización do Partido Galeguista e do recoñecemento da Galiza. Pero ademais, Velo aproveitou o congreso para reclutar mocidade. Antón Moreda Rodríguez, a quen tiven a honra de coñecer 15 anos antes de que morrera, e Xosé Neira Vilas, contáronme como Velo aproveitou o congreso para coñecer a aqueles que viñan de crear, un par de anos antes, as novas mocidades galeguistas. Mantivo dúas reunións con eles no Centro Ourensán para intentar convencelos de que fixeran parte dunha nova guerrilla. Foi estimulante e aleccionador, confesoume Neira Vilas. E díxome máis: ‘Pasaron corenta anos e sigo tendo moi nidias a voz e a presencia de Velo, un soñador no que pensamento e acción ían sempre xuntos’. E Moreda díxome: ‘Pepe Velo propuxo organizar unha guerrilla na Galiza. Non aceptamos, eramos emigrantes, non guerrilleiros. Pedirlle a un que se veña mollar na Galiza cunha pistola sen saber sequera a quen disparar para nós era cousa doutro mundo”.
Uxío-Breogán considera que o que Velo lles estaba a propoñer a aqueles mozos era o DRIL. O que logo acabou sendo a finais dos cincuenta. O DRIL e a presencia de Velo na organización “eclipsa”, en palabras do historiador, “ao Pepe Velo anterior, ao militante no exilio, e tamén ao Pepe Velo posterior”.
En xaneiro de 1961 o DRIL desenvolveu o que o historiador cualificou onte en Celanova como a súa “máis gloriosa, significativa e intelixente acción militar”: a toma do Santa María, a Operación Dulcinea. Xosé Velo foi quen deseñou a operación como co-secretario xeral do DRIL. Despois veu a etapa de Velo como refuxiado no Brasil, a fundación da Editorial Nós na que traduce ao portugués a Curros…
Uxío-Breogán Diéguez rematou así a súa conferencia: “O ideario de Pepe Velo, a figura, a proxección, a militancia, unha vez morre no 1972, queda no esquecemento. Desgraciadamente actos como este non se desenvolveron nin naquela Galiza baixo o franquismo nin noutras terras liberadas. Tampouco se deron actos coma este a partir desa Galiza e teórica España democrática após o franquismo. A longa sombra do franquismo, con todo o que iso implica, chega até os nosos días. Este acto rende homenaxe a un dos grandes da nosa historia política e da nosa historia en maiúsculas. Pepe Velo estaría orgulloso”.
Os aplausos resoaron no interior da antiga cociña dos frades e o eco das palmas ascendeu pola cheminea cara o recordo de Pepe Velo.
0 comentarios