O Comité de Memoria da Comarca de Celanova, en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras, convidan ás veciñas e veciños de Celanova ao concerto de presentación do disco Adiante – A palabra de Xosé Velo, no que o músico Sindo Otero ofrece versións de cinco poemas inéditos de Xosé Velo.
O concerto é público e a entrada, de balde. Sindo Otero estará acompañado no escenario por Miguel Ábalo e dous músicos celanoveses, Camila Álvarez (voz) e Jorge González (piano).
Haberá exemplares do disco á venda polo prezo de 15 euros. A edición, ademais dos poemas e fotografías de Velo, inclúe un texto de Xosé Luis Méndez-Ferrín elaborado para a ocasión polo autor de Vilanova dos Infantes.
O acto comezará ás 17:00 horas no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova coa presentación por parte de Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria da Comarca de Celanova, e de Ramón Boán, celanovés e membro do Padroado da Fundación Moncho Reboiras, da iniciativa que patrocinan ambas entidades.
A continuación terá lugar unha conferencia a cargo do doutor en Historia Contemporánea Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor e director da Cátedra de Memoria Histórica de la UDC e director de ‘Murguía, Revista Galega de Historia’ desde a súa fundación no 2003. Diéguez Cequiel está a coordinar un libro colectivo, do que é coautor, sobre o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) e que editará o Instituto Galego de Historia.
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel é autor da tese Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), lida na Universitat de Barcelona no 2014, que deu orixe ao ensaio Nacionalismo galego aquén e alén mar (1936-1975), publicado por Laiovento no 2015.
É un dos autores de Todas mortas e (quase) esquecidas: 50 persoas que contribuíram para fazer a Galiza como é (Através Editora, 2021), no que colaborou entre outros con Xosé Estévez, o Profesor Emérito da Universidade de Deusto que, en agosto de 2020, inaugurou o ciclo de conferencias organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova cunha palestra sobre Xosé Velo no exilio venezuelano.
EN PRENSA:
GALICIACONFIDENCIAL
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/226321-disco-saca-luz-cinco-poemas-ineditos-xose-velo
0 comentarios