Vivir no primeiro terzo do século XX non foi doado. Unha época de convulsión, cambios e mudanzas en todas as esferas da sociedade que tivo os seus ecos nun rural que, nalgúns aspectos, parece ser inalterable. Amadeo López Bello foi unha daquelas persoas que, pese a nacer no interior ourensán, fomentou a chegada de ideas rexeneradoras á súa aldea natal. Nacera en Carballeda de Avia (Ourense) o 13 de decembro de 1903. Fillo de Amadeo López Vázquez e Amparo Bello Carballo, tanto el como a súa irmá Carmen seguirían a tradición materna e converteríanse en mestres. Amadeo finalizou os estudos de maxisterio en xuño de 1927, aprobando as oposicións pouco despois, en 1930, con 26 anos1. Antes de chegar á escola de Beiro, no seu concello natal, o seu primeiro destino foi na Piúca (Maceda), onde compartía xornada con Albino Núñez, docente co que traballaría anos despois na dirección da revista Escuela del Trabajo, vinculada á Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO).
𝗗𝗮 𝘂𝘁𝗼𝗽𝗶́𝗮…
Un dos primeiros contactos rexistrados de Amadeo López Bello coa vida política e cultural daquel Ourense foi a súa colaboración na revista Nós. Dentro da sección “Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza”, foron incluídos dous contos populares recollidos por el na Limia titulados A pantasma castigada e Sucedido de lobos2. Con todo, o despegue da súa traxectoria política iníciase nos anos 30 do s. XX. A proclamación da II República en abril de 1931 fora seguida da instauración de novas corporacións municipais e comités republicanos na maioría de concellos. Amadeo, que comezara a súa militancia como afiliado ao Partido Republicano Radical, participara en mitins republicanos dende 1930. Durante a súa xuventude sufrira a evolución ideolóxica dende a defensa da monarquía alfonsina a finais dos anos 20 ao republicanismo radical a comezos dos 30, entroncado cunha crítica feroz ao caciquismo e a defensa do mundo rural.
Nesta primeira etapa participou en numerosos actos republicanos no interior ourensán. Por exemplo, pronunciou un mitin xunto ao galeguista Roberto Blanco Torres e ao socialista Manuel Suárez Castro nun acto republicano en Medos (San Xoán de Río). La Zarpa recolle como Amadeo L. Bello falou en galego criticando a influencia do caciquismo na escola e ensalzando á República coma o único réxime capaz de crear un ensino proveitoso. Mitins coma este axudan a comprender os dous piares sobre os que se asentaba o seu pensamento político: o anticaciquismo e a redención dos labregos a través da educación. No Ribeiro, a súa comarca natal, tamén participou en actos republicanos. Tanto en Avión, onde estivo acompañado por Antonio Buján, polémico socialista ribadaviense, e o deputado republicano-radical Luís Fábrega, coma en Leiro, eloxiando o sindicalismo xunto a militantes destacados da comarca como Agustín Baladrón Carrera ou Felisindo Álvarez Xesteira. Tamén asistiu a un ciclo de conferencias organizadas pola Sociedad Cultural Sporting Club de San Clodio (Leiro). Baixo o título “El sistema sindical y el hombre campesino” impartiu un discurso un tanto ludista e colectivista, situando ao sindicalismo como único método para solucionar a miseria campesiña do momento 3.
…𝗮́𝘀 𝗮𝘂𝗹𝗮𝘀
Na conferencia que Amadeo realizou en San Clodio tamén eloxiou a sociedades culturais-deportivas como a mencionada, insistindo na necesidade de formar centros de cultura no mundo rural para instruír a xuventude. Este exemplo é ideal para comprender como a súa faceta militante non ficou restrinxida á política pública, senón que a ideoloxía que profesaba influíu nunha concepción do ensino distinta á oficial. Defensor e crítico a partes iguais da reforma educativa republicana, concibía á educación coma o método máis importante para resolver os problemas do mundo labrego onde se criara e medrara. Era membro da ATEO e do consello editor da revista Escuela del Trabajo, na que en varias ocasións manifestou como insuficiente a reforma educativa da II República. Consideraba que, pese ás políticas progresistas da época, “aún existe el niño porque puede económicamente su progenitor; y vive en la doble indigencia mental y material el niño proletario y campesino”. Asumiu ao soviético como modelo a seguir para implantar métodos comunitarios na escola, por ser esta un órgano vivo na que nacía unha nova concepción da sociedade4.
No verán de 1933 Amadeo asistiu como representante da ATEO ao VI Congreso Internacional de Asociaciones del Magisterio organizado en Santander. Na crónica que fixo do evento criticou a excesiva burocratización do ensino dalgunhas propostas pedagóxicas expostas no evento, así como a asistencia ao mesmo de representantes da Alemaña nazi. Porén, fala con orgullo das ideas pacifistas e antibelicistas que dominaron o congreso, fundamentais segundo el para un ensino eficaz. A súa implicación co maxisterio provincial tamén se denota coa súa presencia na Semana Pedagóxica organizada no Ribeiro na primavera de 1934. Personaxes ilustres da provincia como Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco participaron tamén como conferenciantes, aínda que a Semana Pedagóxica de Ribadavia non tivo un carácter ideolóxico e militante tan forte coma noutras ocasións, como salienta con entusiasmo La Región. Non obstante, Amadeo López Bello participou no evento realizando unha “lección práctica”, é dicir, unha sesión de exemplo do seu método pedagóxico con alumnos da escola de Beiro (Carballeda de Avia), na que traballaba5. Naqueles meses casou coa mestra Concepción Viéitez Figueiredo aínda que, sen que o noso protagonista o soubese, aquel ano remataría cun episodio dramático na súa traxectoria vital.
𝗨𝗻 𝘁𝗿𝗮́𝘅𝗶𝗰𝗼 𝗳𝗶𝗻𝗮𝗹
Na madrugada do seis ao sete de outubro de 1934 producírase un corte na estrada Ribadavia-Beariz. Algunhas testemuñas acusaron a veciños da parroquia de Beiro como os autores materiais do suceso, entre os que se atopaba Amadeo López Bello. Diversas persoas ligaron o mestre coa sociedade agraria radical-socialista de Beiro, declarando incluso que os acusados sabotearan a estrada logo de estar escoitando a radio nun café de Leiro ata altas horas da madrugada, aínda que as probas non foron suficientes e os procesados resultaron absoltos6. O certo é que o Partido Republicano Radical Socialista tiña bastante forza no maxisterio ourensán. Así o advirtía a prensa católica dunha forma bastante tendenciosa, asegurando que “en muchas escuelas rurales se canta la Internacional (…) e instauraron en otros centros oficiales enseñanzas pintorescas sobre el problema sexual”7. En todo caso, no interrogatorio ao que foi sometido, Amadeo afirmou ter unha moi mala relación co párroco da aldea e cun propietario local. A súa relación co estamento eclesiástico era bastante tensa, pois consideraba necesario “destruir la vieja escuela, donde se vertían y vierten toda clase de doctrinas contrarias a la vida por maestros con espíritu medieval”. Así, todo apunta a que o contexto represivo desatado tras os sucesos revolucionarios de Asturias foi tamén empregado polas elites da comarca para desarticular ás sociedades agrarias e militantes contrarios aos seus intereses e, ao mesmo tempo, resucitar o sindicalismo católico.
A súa aparente proximidade á sociedade agraria de Beiro, xunto á súa traxectoria como militante da ATEO e a mala relación co clérigo explican, que non xustifican, o seu asasinato no verán de 1936. O sindicalismo do Ribeiro medrara con forza tras a vitoria da Fronte Popular e incluso protagonizara certa resistencia á sublevación militar na comarca. Non obstante, o éxito final do golpe foi a sentenza definitiva para Amadeo López Bello. Foi encarcerado na prisión de Celanova e paseado o 29 de agosto de 1936 no lugar da Poza das Ras, en Ourille (Verea), xunto ao mestre Julio González Álvarez e ao farmacéutico Silvio Torres Díaz. Outros mestres do Ribeiro, vinculados coma el á ATEO, tamén foron represaliados. Félix Salgado de Moral, que exercía en Castrelo de Miño, morreu na fronte de Asturias mentres que o mestre de Ventosela, Raúl González Gómez, foi condenado á cadea perpetua.
O asasinato de Amadeo López Bello encarna a dura represión que sufriu o maxisterio ourensán a partir daquel tráxico verán. A muller de Amadeo, Concepción Vieitez, foi inhabilitada durante cinco anos e trasladada forzosamente fóra da provincia. Regresou a Beiro en 1945. A súa irmá, Carmen López Bello, foi suspendida definitivamente de emprego e soldo en 1940. Na actualidade, a memoria de Amadeo López Bello e da súa familia está a ser recuperada polo Comité de Memoria Histórica de Celanova, que traballa arreo para lograr a exhumación da fosa común de Ourille (Verea). Este pequeno artigo pretende ser unha peza máis para restaurar a dignidade daqueles mestres e mestras republicanas.
Bibliografía
𝑋𝑜𝑠𝑒́ 𝑀𝑎𝑛𝑢𝑒𝑙 𝐶𝐼𝐷 𝐹𝐸𝑅𝑁𝐴́𝑁𝐷𝐸𝑍: 𝐸𝑑𝑢𝑐𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛 𝑒 𝑖𝑑𝑒𝑜𝑙𝑜𝑥𝑖́𝑎 𝑒𝑛 𝑂𝑢𝑟𝑒𝑛𝑠𝑒 𝑛𝑎 𝐼𝐼ª 𝑅𝑒𝑝𝑢́𝑏𝑙𝑖𝑐𝑎: 𝑜𝑟𝑔𝑎𝑛𝑖𝑧𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛 𝑒 𝑎𝑐𝑐𝑖𝑜́𝑛 𝑠𝑜𝑐𝑖𝑒𝑑𝑢𝑐𝑎𝑡𝑖𝑣𝑎 𝑛𝑜 𝑚𝑎𝑥𝑖𝑠𝑡𝑒𝑟𝑖𝑜 𝑝𝑟𝑖𝑚𝑎𝑟𝑖𝑜. 𝑆𝑎𝑛𝑡𝑖𝑎𝑔𝑜 𝑑𝑒 𝐶𝑜𝑚𝑝𝑜𝑠𝑡𝑒𝑙𝑎, 𝐴𝑛𝑑𝑎𝑣𝑖𝑟𝑎, 𝟸𝟶𝟷𝟶.
𝑋𝑜𝑠𝑒́ 𝑀𝑎𝑛𝑢𝑒𝑙 𝐶𝐼𝐷 𝐹𝐸𝑅𝑁𝐴́𝑁𝐷𝐸𝑍 𝑒 𝑅𝑜𝑠𝑎 𝑀𝑎𝑟𝑖́𝑎 𝐶𝐼𝐷 𝐺𝐴𝐿𝐴𝑁𝑇𝐸: “𝑂 𝑎𝑠𝑜𝑐𝑖𝑎𝑐𝑖𝑜𝑛𝑖𝑠𝑚𝑜 𝑑𝑜 𝑚𝑎𝑥𝑖𝑠𝑡𝑒𝑟𝑖𝑜 𝑜𝑢𝑟𝑒𝑛𝑠𝑎́𝑛 𝑛𝑜 𝑝𝑟𝑖𝑚𝑒𝑖𝑟𝑜 𝑡𝑒𝑟𝑧𝑜 𝑑𝑜 𝑠. 𝑋𝑋”, 𝑆𝑎𝑟𝑚𝑖𝑒𝑛𝑡𝑜. 𝑅𝑒𝑣𝑖𝑠𝑡𝑎 𝑔𝑎𝑙𝑒𝑔𝑜-𝑝𝑜𝑟𝑡𝑢𝑔𝑢𝑒𝑠𝑎 𝑑𝑒 ℎ𝑖𝑠𝑡𝑜𝑟𝑖𝑎 𝑑𝑎 𝑒𝑑𝑢𝑐𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛, 𝟸𝟼 (𝟸𝟶𝟸𝟸), 𝑝𝑝. 𝟷𝟾𝟿-𝟸𝟷𝟾 (𝑝. 𝟸𝟷𝟶).
𝑅𝑜𝑠𝑎 𝑀𝑎𝑟𝑖́𝑎 𝐶𝐼𝐷 𝐺𝐴𝐿𝐴𝑁𝑇𝐸: “𝐶𝑜𝑛𝑐𝑒𝑝𝑐𝑖𝑜́𝑛 𝑉𝑖𝑒𝑖𝑡𝑒𝑧 𝐹𝑖𝑔𝑢𝑒𝑖𝑟𝑒𝑑𝑜”, 𝐻𝑖𝑠𝑡𝑜𝑟𝑖𝑎 𝑑𝑎𝑠 𝑛𝑜𝑠𝑎𝑠 𝑚𝑢𝑙𝑙𝑒𝑟𝑒𝑠 𝑜𝑢𝑟𝑒𝑛𝑠𝑎́𝑠 (𝟹𝟷/𝟽/𝟸𝟶𝟸𝟸). 𝐷𝑖𝑠𝑝𝑜𝑛̃𝑖𝑏𝑙𝑒 𝑒𝑛: ℎ𝑡𝑡𝑝𝑠://𝑚𝑢𝑙𝑙𝑒𝑟𝑒𝑠𝑜𝑢𝑟𝑒𝑛𝑠𝑎𝑠.𝑏𝑙𝑜𝑔𝑠𝑝𝑜𝑡.𝑐𝑜𝑚/𝟸𝟶𝟸𝟸/𝟶𝟽/𝑐𝑜𝑛𝑐𝑒𝑝𝑐𝑖𝑜𝑛-𝑣𝑖𝑒𝑖𝑡𝑒𝑧-𝑓𝑖𝑔𝑢𝑒𝑖𝑟𝑒𝑑𝑜.ℎ𝑡𝑚𝑙 (𝑐𝑜𝑛𝑠𝑢𝑙𝑡𝑎𝑑𝑜 𝑜 𝟸𝟼/𝟷𝟶/𝟸𝟶𝟸𝟸).
𝐽𝑢𝑙𝑖𝑜 𝑃𝑅𝐴𝐷𝐴 𝑅𝑂𝐷𝑅𝐼́𝐺𝑈𝐸𝑍: 𝐷𝑒 𝑙𝑎 𝑎𝑔𝑖𝑡𝑎𝑐𝑖𝑜́𝑛 𝑟𝑒𝑝𝑢𝑏𝑙𝑖𝑐𝑎𝑛𝑎 𝑎 𝑙𝑎 𝑟𝑒𝑝𝑟𝑒𝑠𝑖𝑜́𝑛 𝑓𝑟𝑎𝑛𝑞𝑢𝑖𝑠𝑡𝑎. 𝑂𝑢𝑟𝑒𝑛𝑠𝑒 𝟷𝟿𝟹𝟺-𝟷𝟿𝟹𝟿. 𝐵𝑎𝑟𝑐𝑒𝑙𝑜𝑛𝑎, 𝐴𝑟𝑖𝑒𝑙, 𝟸𝟶𝟶𝟼.
𝗠𝗮𝘁𝗲𝗼 𝗠𝗮𝗿𝘁𝗶́𝗻𝗲𝘇 𝗧𝗼𝗿𝗿𝗲𝘀
Ourense, 1996. Graduado en Historia (2018) e mestrado de Formación de Profesorado (2019) pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente, docente de Xeografia e Historia en educación secundaria e bacharelato. Os meus estudos céntranse na limpeza política levada a cabo polos sublevados durante o Golpe, a Guerra e a Ditadura, en concreto o caso galego. Investigo sobre a didáctica dos xenocidios e o ensino da Historia do século XX.
1 comentario
Un ano despois, a memoria avanza en Verea a partir da Poza das Ras – memoriacelanova · 29 Agosto, 2024 ás 7:31 a.m.
[…] Furriolo á Poza das Ras Amadeo López Bello e a revolución pedagóxica Amadeo, Eloy, Julio e Silvio (Poza das Ras, 29.08.1936) Categorías: Espazos da […]