Coa pa rachando o silencio das mañás de brétema, moreas de terra, moreas de anos calados.
De xeonllos, con todo o xeito ante a sospeita do aveciñamento da verdade, varrendo as migallas de terra fría e húmida que se afana en seguir envolvendo e comendo uns ósos que loitan por resistir o esquecemento.
E nós, tremendo co medo do fracaso, co peso da pena das familias e coa nosa profunda angustia.
Pouco a pouco, as mans foron debuxando os febles contornos con pauciños de modelar, con paletas brochas e pinceis, elementos de creación convertidos en eficaces utensilios para arrincar a verdade oculta a dous metros baixo terra.
Cos primeiros achados, ollámonos e sorrimos tímidamente, con cautela, sempre con cautela.
Cando os ósos se converteron en figuras enteiras e quedaron expostos á luz do día, un lategazo percorreunos e atravesounos a algunha de nós dun xeito visceral.
O paporrubio visitounos de mañá pero a noite non foi para durmir.
Cada día o inmenso traballo da equipa ía dando froitos, dende os primeiros coiros das solas e os botóns que viaxaban cara a ollos expertos cuxo veloz e extenso informe abraiaba a todas, pasando por medallas coa pátina de oito décadas infames, ata a radiografía ocular que era capaz de realizar o forense, collendo con aloumiño un fémur, un úmero ou un cranio.
Marchou xente xenerosa, ben profesional e moi implicada, que seguiu os acontecementos xa dende o seu país.
E mentres os de fóra sentían un grande interese, dende acó quixemos aproveitar cada visita dunha veciña ao camposanto, dunha amizade ou cada actividade programada, coa inestimábel colaboración das arqueólogas e o forense, para mostrar nin máis nin menos que a verdade espida, sen ambaxes, sen matices.
Moitas que se asomaron á fosa sentiron a tristura por uns mozos ASASINADOS que se cruzaron coa barbarie e apañaron a inxustiza de cara, sen defensa, sen dereitos.
Quizais outras miraron ao fondo desa gabia e só puideron sentir vertixe.
Por min pasou de golpe a historia dos SETE, envolta nas follas dun outono inesquecíbel.
𝐃𝐨𝐫𝐞𝐬 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚 𝐃𝐮𝐚𝐫𝐭𝐞 ▪️ 𝖵𝗈𝗀𝖺𝗅 𝖽𝖺 𝖽𝗂𝗋𝖾𝖼𝗍𝗂𝗏𝖺 𝖽𝗈 𝖢𝗈𝗆𝗂𝗍𝖾́ 𝖽𝖾 𝖬𝖾𝗆𝗈𝗋𝗂𝖺 𝖧𝗂𝗌𝗍𝗈́𝗋𝗂𝖼𝖺 𝖽𝖺 𝖢𝗈𝗆𝖺𝗋𝖼𝖺 𝖽𝖾 𝖢𝖾𝗅𝖺𝗇𝗈𝗏𝖺 ▪️
0 comentarios