O luns 28 de novembro Fernando Serrulla, antorpólogo forense do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galiza), incorporouse aos traballos na fosa do cemiterio. Comezáronse a retirar os primeiros restos atopados.
E o xoves día 1 de decembro tivo lugar unha das xornadas máis emotivas coavisita de escolares do IES Celso Emilio. A crónica desa mañá escribírona as dúas profesoras que os acompañaron.
O día anterior celebrouse unha sesión ordinaria na corporación municipal para debater unha moción do Comité esixindo a aplicación da nova lei estatal de memoria e a conseguinte retirada do símbolo falanxista do Outeiro da Obra. A moción foi defendida polo concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez. A favor da retirada votaron as dúas concelleiras do PSOE e o concelleiro do BNG. Abstivéronse os representantes do PP e de CD. A moción saíu aprobada.
LUNS 28 de novembro (xornada 4)
Comezou a semana co regreso do equipo de arqueólogos á fosa de Celanova. Nunha mañá con bo tempo en xeral, puideron avanzar na intervención até rematar a xornada coas primeiras tarefas de limpeza de tres das tumbas que foron aparecendo durante o día.
Fernando Serrulla, antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galiza, incorporouse á escavación acompañado por dous especialistas máis. Tamén estiveron presentes o xerente de Histagra, Gustavo Hervella, que coordina os traballos, e a historiadora Conchi López, encargada da investigación histórica.
Desde que o venres se determinaron as evidencias de soterramentos, o plan é avanzar sobre as fosas que parecen máis claras: dúas no lado norte da área de escavación e outra no lado sur, orientadas cara o este. Os arqueólogos e o equipo forense van documentando cada novo indicio, como pezas de coiro ou pezas metálicas que poderían corresponder aos clavos das caixas.
Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA e unha autoridade mundial na exhumación de fosas, participa na intervención no cemiterio de Celanova onde o equipo de arqueólogos e investigadores leva catro xornadas de traballo á procura dos restos dos 7 asturianos fusilados e soterrados alí en setembro de 1939. Serrulla pide este luns prudencia e paciencia durante esta breve entrevista, mantida onte pola tarde, minutos antes de que empezaran a aparecer novos indicios nas tres fosas que se escavan neste momento. Serrulla, que visitou ás familias de dúas das vítimas en xaneiro pasado, lembra o deber de memoria e a esixencia das Nacións Unidas de que se coñeza a verdade e se faga xustiza e reparación.
MARTES 29 de novembro (xornada 5)
Foi a xornada con máis visitas de veciñas e veciños á escavación. Tamén o día máis concorrido con dous equipos de gravación audiovisual pendentes de cada movemento dos arqueólogos e os forenses. Contra as dúas da tarde, Fernando Serrulla reuniu os investigadores na capela e explicou os resultados até ese momento: das 3 fosas escavadas descartábanse dúas (os restos corresponden a varóns de máis de 50 anos, polo que non entran dentro do rango de idades dos 7 fusilados que se buscan, aínda que coetáneos polo que se determinou a través dunha datación provisional de restos de coiro nunha das fosas). Na outra fosa, apareceron os restos dun varón de entre 19 e 30 anos de idade, polo que os forenses e os arqueólogos decidiron exhumar ese corpo.
A tarefa completouse pasadas as cinco da tarde mentres se tapaban as outras dúas fosas (as máis próximas ao panteón que serve de referencia para a intervención). Carla, incorporada ao equipo de arqueólogos esta semana, foi retirando os osos que Fernando Serrulla envolveu en papel de xornal e gardou nunha urna co nome de ‘Celanova-Fosa 1’.
𝑱𝒖𝒍𝒊𝒂́𝒏 𝑩𝒖𝒔𝒕𝒆𝒍𝒐, o arqueólogo que dirixe a intervención, ofreceu ao final da xornada un resumo sobre a marcha dos traballos:
Mañá hai previsión de chuvia. Así que o plan da escavación é o seguinte: traballarán sobre outras tres fosas até chegar ao nivel dos corpos. Estas fosas están delimitadas en dúas áreas. Unha delas parece neste nivel unha única fosa. Comprobarano a medida que escaven. Entre mañá, sexto día da intervención, e o xoves tratarán de determinar se os restos que poidan ir aparecendo son de interese para o que se busca, ou se ficarán sinalizados para futuras investigacións.
En principio, non está previsto que se interveña sobre as outras catro fosas que apareceron no perímetro da escavación, xa que os traballos nesta primeira fase non se estenderán máis alá do venres ou o luns. Estas outras catro fosas precisarían da ampliación do perímetro e, nalgún caso, a intervención podería requirir de novos permisos do Bispado de Ourense e do Concello de Celanova, segundo valorou onte o equipo de historiadores de Histagra que coordinan todos os traballos.
Ao parecer, no caso de Celanova, o atraso con que comezaron as intervencións neste segundo ano do Plan Cuatrienal vai condicionar o avance das investigacións.
A escavación na procura dos restos de 𝐀𝐛𝐞𝐥𝐚𝐫𝐝𝐨 𝐒𝐮𝐚́𝐫𝐞𝐳 𝐝𝐞𝐥 𝐁𝐮𝐬𝐭𝐨, 𝐀𝐥𝐟𝐨𝐧𝐬𝐨 𝐌𝐨𝐫𝐞𝐧𝐨 𝐆𝐚𝐲𝐨𝐥, 𝐁𝐚𝐥𝐝𝐨𝐦𝐞𝐫𝐨 𝐕𝐢𝐠𝐢𝐥 𝐄𝐬𝐜𝐚𝐥𝐞𝐫𝐚 𝐕𝐚𝐥𝐥𝐞𝐣𝐨, 𝐁𝐞𝐥𝐚𝐫𝐦𝐢𝐧𝐨 𝐀́𝐥𝐯𝐚𝐫𝐞𝐳 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚, 𝐆𝐮𝐢𝐥𝐥𝐞𝐫𝐦𝐨 𝐝𝐞 𝐃𝐢𝐞𝐠𝐨 𝐀́𝐥𝐯𝐚𝐫𝐞𝐳, 𝐌𝐚𝐫𝐜𝐞𝐥𝐢𝐧𝐨 𝐅𝐞𝐫𝐧𝐚́𝐧𝐝𝐞𝐳 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚 e 𝐌𝐚𝐫𝐢𝐚𝐧𝐨 𝐁𝐥𝐚𝐧𝐜𝐨 𝐆𝐨𝐧𝐳𝐚́𝐥𝐞𝐳, fusilados o 22 de setembro de 1939 pola Bandera de Falange de Marruecos, vai camiño de ficar incompleta nesta anualidade do plan.
MÉRCORES 30 de novembro (xornada 6)
(NOTA DE PRENSA DO COMITÉ do 1 de decembro de 2022)
𝐀 𝐜𝐨𝐫𝐩𝐨𝐫𝐚𝐜𝐢𝐨́𝐧 𝐝𝐞 𝐂𝐞𝐥𝐚𝐧𝐨𝐯𝐚 𝐚𝐜𝐨𝐫𝐝𝐚 𝐚 𝐫𝐞𝐭𝐢𝐫𝐚𝐝𝐚 𝐝𝐨 𝐬𝐢́𝐦𝐛𝐨𝐥𝐨 𝐟𝐚𝐥𝐚𝐧𝐱𝐢𝐬𝐭𝐚 𝐝𝐨 𝐎𝐮𝐭𝐞𝐢𝐫𝐨 𝐝𝐚 𝐎𝐛𝐫𝐚 𝐚𝐨 𝐚𝐛𝐞𝐢𝐫𝐨 𝐝𝐚 𝐥𝐞𝐢 𝐝𝐞 𝐦𝐞𝐦𝐨𝐫𝐢𝐚
Vinte un meses despois de que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova iniciase a campaña para a eliminación do símbolo falanxista do Outeiro da Obra,contrario á lei vixente naquela altura (16 de febreiro de 2021), a corporación municipal de Celanova adoptou onte (30 de novembro de 2022) en pleno o seguinte acordo:
Instar ao goberno municipal á retirada inmediata do memorial falanxista do Outeiro da Obra e da placa no edificio da antiga escola de Vilanova dos Infantes como símbolos contrarios á memoria democrática, segundo o disposto na Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática que entrou en vigor o mes de outubro do presente ano.
O acordo foi posíbel grazas a unha moción presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que defendeu o portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez, e foi apoiada polas dúas concelleiras do PSOE.
Eses foron os votos a favor (3) diante das 9 abstencións (estivo ausente un concelleiro do PP). O Partido Popular opina que a norma non se debe aplicar até que non se elabore o catálogo de símbolos afectados. O grupo do alcalde, Celanova Decide, opinou o mesmo.
O concelleiro nacionalista que defendeu a moción do Comité advertiu no debate: “Vostedes abstéñense para que sexan outros quen aproben a retirada. Vostede, señor alcalde, podía ter sido o primeiro alcalde que cumprira a lei de memoria ou será o último que non a cumpra”.
Este Comité agradece a todas as persoas e entidades que apoiaron a campaña de retirada do elemento o seu apoio. Vinte un meses despois, o cambio en Celanova é substancial.
En abril de 2021, cando esta mesma cuestión chegou ao pleno municipal, o alcalde consentiu en dar voz a unha asociación denominada Avogados Cristianos que promove un discurso negacionaista e fascista, nun feito inédito nas institucións públicas do país. Daquela, o Comité abandonou o pleno en sinal de protesta e rexeitou falar. Daquela, só o BNG abandonou o pleno cando o Comité, mentres os outros 12 concelleiros permaneceron na sala.
O acordo plenario de onte inclúe ademais as seguintes cuestións:
- A restitución no rueiro e en toda a información e documentación pública oficial “a partir desta data” a denominación de ‘Outeiro da Obra’, e o cambio da sinaléctica do lugar eliminando a denominación actual, contraria á memoria democrática, e incorporando a de ‘Outeiro da Obra’.
- E o compromiso do goberno local de “instalar de maneira urxente e inmediata” un elemento de disuasión permanente e eficaz contra calquera actividade que dane a fachada do Mosteiro no punto no que se localiza a pintada ‘Adiante Semanario’, en canto elemento e lugar de memoria; así como a difundir entre a veciñanza e a cidadanía galega o significado desta inscrición.
O PP, dentro da súa nova estratexia de apropiación dos lugares de memoria das vítimas do golpe de Estado, da guerra e da ditadura, propuxo que na data do 31 de outubro se celebre no Outeiro da Obra o acto de memoria “de todas as vítimas”. Nunca renunciarán a cumprir a orde do comandante da Bandera de Falange de Marruecos na despedida daquela unidade militar asasina da vila de Celanova despois de chantar ese símbolo de exaltación da barbarie: “perpetuade o legado”. Este símbolo do Outeiro da Obra está social e politicamente caducado.
Agora, ademais de dilatar o cumprimento do mandato da ONU de verdade, xustiza e reparación, pretenden diluír o significado político e histórico deste mandato de xustiza universal. Agora a dereita herdeira e defensora daquel legado fascista pretender ser ela quen “resignifique” o lugar de memoria das vítimas da barbarie.
Celanova, 1 de decembro de 2022.
XOVES 1 de decembro (xornada 7)
[Texto enviado ao Comité por Iolanda e Silvia, profesoras no IES de Celanova]
Hoxe fomos testemuñas dun momento histórico inesquecible. O alumnado do centro recibiu a mellor lección de “HISTORIA” que nunca puidemos imaxinar as profesoras do departamento de Xeografía e Historia do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro.
Grazas ó equipo de investigación, formado por historiadores, arqueólogos, antropólogo, xenetistas, e ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, por ternos convidado a asistir á exhumación dos restos de sete represaliados ó rematar a Guerra Civil. Foron asasinados o 22 de segembro de 1939.
Moitas grazas por aportar 𝐦𝐚́𝐢𝐬 𝐥𝐮𝐳 𝐚́ 𝐡𝐢𝐬𝐭𝐨𝐫𝐢𝐚. Ogallá que feitos coma estes non se volvan repetir.
𝐕𝐄𝐑𝐃𝐀𝐃𝐄, 𝐗𝐔𝐒𝐓𝐈𝐙𝐀, 𝐑𝐄𝐏𝐀𝐑𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍!
RESUMO da 6ª e da 7ª xornadas de escavación: UN LUGAR DE MEMORIA
O mércores 30 de novembro de 2022, no sexto día de escavacións na fosa do cemiterio de Celanova, apareceron restos de tres varóns, dous deles soterrados no mesmo cubículo.
O xoves 1 de decembro, durante a sétima xornada, apareceron restos dun cuarto cadáver baixo os restos do outro. Mañá venres continuarán os traballos neses mesmos cubículos na procura dos restos de tres persoas máis. O equipo de arqueólogos e forenses espera que esa poida ser a disposición dos soterramento dos 7 asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939. Tardáronse, polo tanto, 83 anos, dous meses e 8 días en dar con eles.
O achado foi posíbel grazas á implicación das familias de dous dos desaparecidos: Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, de investigadores como Marcelino Laruelo, de colectivos asturianos de memoria, dos Amigos da República de Ourense e todas as persoas e asociacións que en Celanova e fóra de Celanova deron azos ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, os primeiros, os compañeiros do Comité de Memoria Histórica do Val do Limia. E, na fase que estamos a vivir estes días, de Histagra (USC), dos arqueólogos de Tempos Arqueólogos, e do IMELGA con Fernando Serrulla á cabeza.
Serrulla foi precisamente neste sétimo día quen definiu xa o espazo como 𝐋𝐔𝐆𝐀𝐑 𝐃𝐄 𝐌𝐄𝐌𝐎𝐑𝐈𝐀. Así o manifestou nunha entrevista no propio cemiterio co colectivo Lentes Diverxentes, que traballa estes días tamén ao redor da fosa. Serrulla, que a primeira hora da mañá explicou, xunto ao director da intervención, Julián Bustelo, o significado e o enfoque das escavacións a un grupo de alumnas e alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, sinalou que xa se toparon restos de 4 persoas, que polo rango de idades poderían corresponder aos dos fusilados aquel 22 de setembro, e que hai indicios de mortes violentas e soterramentos non ordinarios.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova púxose en contacto horas despois coas familias de Marcelino e Abelardo para comunicarlles os avances significativos nas exhumacións. Despois de sete xornadas, escaváronse 5 fosas. En catro delas apareceron restos e descartáronse os de dúas. Os traballos continuarán na fosa na que apareceron os catro cadáveres que, nesta altura, se supón que poderían corresponder aos dos fusilados. Cada vez as evidencias son maiores, mais a día de hoxe, a escavación empeza a ofrecer resultados. Desde agora, hai un novo 𝐋𝐔𝐆𝐀𝐑 𝐃𝐄 𝐌𝐄𝐌𝐎𝐑𝐈𝐀 en Celanova. A memoria daquelas vítimas xa non se volverá apagar nunca.
VENRES 2 de decembro (xornada 8)
A segunda semana da escavación na fosa de Celanova remata con expectativas optimistas. Localizáronse restos de catro individuos varóns na gabia no centro da área de intervención. Tres dos corpos foron exhumados onte. A cuarta exhumación levou toda unha xornada e o traballo correspondeu a Oria, que a semana próxima xa non estará co equipo de arqueólogos (obrigas profesionais) que dirixe Julián Bustelo. A intervención continuará o luns coa previsión de rematar o mércores día 7.
Os investigadores buscan tres corpos máis nese mesmo espazo da gabia para corroborar o relato da documentación histórica que fala de 7 fusilados a mañá do 22 de setembro de 1939.
Poden ser eles…
Hai outro relato que os achados dos historiadores e dos arqueólogos están desmontando 83 anos despois. A fosa proxecta unha luz poderosa sobre a historia de Celanova. Non por outra cousa as dereitas empezaron a virar no discurso sobre o símbolo do Outeiro da Obra, ese que levantaron os mesmos fascistas que regaron con sangue o nome da vila.
O mesmo día que os investigadores chegaban até o restos do primeiro corpo con signos de morte violenta soterrado naquela fosa, o pleno da corporación, tan contrario á lei de memoria até hai ben pouco, acordaba que o símbolo fascista debe retirarse.
A verdade só segue un camiño, o da xustiza e a reparación.
Os lugares de memoria antifascista agroman en Celanova 86 anos despois do principio da barbarie. Son os fachos nese camiño que se abriu diante nosa de súpeto estes días de inverno de 2022.
Deixouno dito Castelao: “Non enterran cadáveres, enterran sementes.”
0 comentarios