Un equipo multidisciplinar e que está a crear un modelo de intervención en fosas da Guerra Civil e do franquismo comezou este MÉRCORES os traballos en Celanova.

23 de novembro. Día 1.

Gustavo Hervella, historiador e xestor do proxecto, explica o marco das escavacións no cemiterio de Celanova na busca dos 7 asturianos fusilados en 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos.

XOVES

A intensa chuvia de primeira hora da mañá complicou os traballos do equipo de cinco arqueólogos que dirixe Julián Bustelo na intervención na fosa de Celanova. Nestas dúas primeiras xornadas os arqueólogos retiraron as capas máis superficiais no perímetro delimitado polo xardín. Nos próximos días chegará o momento de establecer a posibilidade de atopar restos dos fusilados no 39. Desde Xixón, as familias de Abelardo Suárez e Marcelino Fernández seguen a diario os avances en contacto co Comité.

24 de novembro. Día 2.

VENRES

O venres pola tarde rematou a primeira fase da intervención. O equipo de Tempos Arqueólogos alcanzou unha capa a menos dun metro da superficie do cemiterio. Retirada a vexetación e as capas de terra máis recentes no trapecio delimitado polo xardín, apareceron indicios que apuntan na mesma liña que a investigación documental.

A semana decisiva comeza mañá. O forense do equipo incorporarase as tarefas na fosa, que esta fin de semana permanece sinalizada mentres descansan os arqueólogos para non alterar a cotidianeidade do cemiterio de Celanova. Numerosas veciñas e veciños estiveron xunto a fosa desde o mércores, día no que comezou a escavación. Nesta semana que entra está prevista unha visita de escolares.

A fosa, testemuña muda dunha verdade tráxica e silenciada durante oitenta e tres anos, está próxima a saír á luz. O Comité de Memoria da Comarca de Celanova agradece á veciñanza de Celanova as mostras de apoio e respecto á memoria daquelas vítimas, cuxas familias (dúas) seguen desde Xixón o avance da intervención na fosa.

25 de novembro. Día 3.

O Comité de Memoria da Comarca de Celanova agradece a este grupo de científicos que desenvolven os traballos de maneira meticulosa o seu esforzo en prol da recuperación daquela memoria, que é a nosa. A xustiza e a reparación semellan hoxe máis próximas.

Deuse un pasiño nese camiño longo, tan longo como foi aquela noite que contou o poeta cuxos restos descansan neste mesmo camposanto a escasos metros da fosa dos asrturianos: 𝐀𝐛𝐞𝐥𝐚𝐫𝐝𝐨 𝐒𝐮𝐚́𝐫𝐞𝐳 𝐝𝐞𝐥 𝐁𝐮𝐬𝐭𝐨, 𝐀𝐥𝐟𝐨𝐧𝐬𝐨 𝐌𝐨𝐫𝐞𝐧𝐨 𝐆𝐚𝐲𝐨𝐥, 𝐁𝐚𝐥𝐝𝐨𝐦𝐞𝐫𝐨 𝐕𝐢𝐠𝐢𝐥 𝐄𝐬𝐜𝐚𝐥𝐞𝐫𝐚 𝐕𝐚𝐥𝐥𝐞𝐣𝐨, 𝐁𝐞𝐥𝐚𝐫𝐦𝐢𝐧𝐨 𝐀́𝐥𝐯𝐚𝐫𝐞𝐳 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚, 𝐆𝐮𝐢𝐥𝐥𝐞𝐫𝐦𝐨 𝐝𝐞 𝐃𝐢𝐞𝐠𝐨 𝐀́𝐥𝐯𝐚𝐫𝐞𝐳, 𝐌𝐚𝐫𝐜𝐞𝐥𝐢𝐧𝐨 𝐅𝐞𝐫𝐧𝐚́𝐧𝐝𝐞𝐳 𝐆𝐚𝐫𝐜𝐢́𝐚 e 𝐌𝐚𝐫𝐢𝐚𝐧𝐨 𝐁𝐥𝐚𝐧𝐜𝐨 𝐆𝐨𝐧𝐳𝐚́𝐥𝐞𝐳, fusilados o 22 de setembro de 1939.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario