O colectivo de xubilados de Comisiones Obreras (CC.OO.) de Asturias, desprazado desde Oviedo, visitou este mércores a foxa dos 7 asturianos fusilados no cemiterio de Celanova o 22 de setembro de 1939 e rendeu homenaxe á súa memoria e á de todos os presos do cárcere central de Celanova entre 1936 e 1943, a maioría deles, tamén asturianos. O grupo ovetense, de camiño ao homenaxe anual ás vítimas en Camposancos (A Guarda), tamén visitou o Mosteiro e quixo mostrar o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova cunha fotografía diante da pintada das Mocedades Galeguistas na fachada do Mosteiro, no foco estes meses polo seu deterioro e a demanda de que o Concello de Celanova emprenda accións eficaces para a preservación do legado.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece o interese do colectivo, as súas mostras de apoio e a súa disposición a colaborar desde Asturias na divulgación dos nomes e historias das vítimas da represión fascista en Celanova, memoria compartida entre ambos pobos.
0 comentarios