O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece a amabilidade, atencións e disposición da dirección do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, que xa ten facilitado o uso ocasional de espazos do centro de educativo para a celebración de actos de memoria da comarca. O pasado venres, 30 de setembro, unha representación do Comité, encabezada pola súa presidenta, Celia Inés Feijoo Soto, entrevistouse de novo coa dirección do Instituto. O Comité pediu á dirección que tome en consideración unha proposta para que determinadas pezas e documentos custodiados polo Comité poidan pasar a formar parte dos fondos da biblioteca do centro e poidan ser expostos e visitados pola veciñanza.

En concreto, o Comité ofrece ao Instituto a catalogación e custodia do documento orixinal da fundación das Mocedades Galeguistas en Celanova, coas sinaturas de Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro; e a placa orixinal das Escolas da República que conservou a familia de Baldomero Moreiras, e que está sendo restaurada. Tamén se ofrece o orixinal do cartel do acto de homenaxe aos asturianos fusilados e soterrados no cemiterio de Celanova, nunha fosa en fase de investigación, que se celebrou en setembro de 2021 e que é obra do propio Baldomero Moreiras, presente tamén na reunión como membro do Comité.

O Comité puido visitar as instalacións da biblioteca, que alberga máis de 30.000 volumes e ten recibido varios recoñecementos das autoridades educativas, e constatar a boa disposición das responsábeis do centro.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario