O pleno ordinario da corporación municipal de Celanova que se celebrará o próximo mércores, 5 de outubro, debaterá a necesidade de implementar medidas para a protección da pintada ‘Adiante Semanario’ que Pepe Velo, Celso Emilio Ferreiro e membros das Mocedades Galeguistas realizaron na fachada do Mosteiro de Celanova a principios dos anos 30, antes da Guerra Civil e da Ditadura, e que perviviu desde hai máis de oitenta anos.
A moción foi presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova a todos os grupos da corporación. Finalmente, os representantes do PSdeG-PSOE e o BNG levarán o texto a debate por cuestión de urxencia, asumindo as demandas do Comité. No texto, solicítase un acordo da corporación para que o goberno municipal habilite “de maneira urxente e inmediata un elemento de disuasión permanente e eficaz contra calquera actividade que dane a fachada do Mosteiro no punto no que se localiza a pintada ‘Adiante Semanario’, en canto elemento de singular valor histórico e cultural para a vila de Celanova”.
Na moción, o Comité lembra que xa “chamou a atención da Alcaldía diante do rápido deterioro que está a sufrir a pintada a causa dos xogos de pelota infantís contra a fachada do Mosteiro. A solución adoptada, colocar un cartel recomendando non “golpear a fachada”, está a resultar a todas luces ineficaz: os xogos persisten e o cartel non se repón coa dilixencia necesaria cada vez que alguén o retira”.
TRÁMITES PARA A EXHUMACIÓN
Na última asemblea de socias e socios, o Comité decidiu incorporar á moción unha segunda demanda, tendo en conta a evolución dos acontecementos no que respecta aos trámites previos á exhumación da fosa dos 7 asturianos no cemiterio de Celanova. O Comité conta co compromiso do Grupo Histagra, da USC, encargado pola Xunta de Galiza de levar adiante as campañas de exhumacións, que se iniciaron o ano pasado con dúas intervencións na provincia de Pontevedra (en Vilagarcía de Arousa e Crecente), de que fosa de Celanova entraría na campaña deste 2022. Mais pasou o verán e a USC e a Xunta de Galiza continúan sen asinar o convenio, malia que no BOE do pasado 21 de setembro xa aparece publicada a distribución de fondos estatais para levar adiante a campaña deste ano e nese acordo especifícanse as fosas que se intervirán en cada comunidade autónoma: Celanova (Ourense), A Capela e Lousame (A Coruña), no caso de Galiza.
Á espera de que a USC e a Xunta de Galiza asinen o convenio que permita iniciar os trámites, e co fin de mostrar o apoio institucional por parte do Concello de Celanova, o Comité solicita na moción que se debaterá no pleno do próximo mércores que a corporación emita a seguinte declaración: “O Concello de Celanova, reunida a corporación municipal en sesión ordinaria da data, solicita da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela que axilicen os trámites para a posta en marcha, no prazo máis breve posíbel, e prioricen, atendendo a idade da única descendente directa das persoas represariadas que se intentan localizar, os trámites e traballos necesarios para a exhumación da fosa documentada no cemiterio de Celanova e que está dentro da programación do plan de exhumación 2022 acordado entre ambas institucións. E comprométese, pola súa banda, a axilizar os trámites que dependan deste Concello e colaborar naquilo que estea da súa man para levar adiante a exhumación, como parte da política estatal de memoria deseñada no Plan Cuatrienal 2020/2024”.
0 comentarios