A web Debería Desaparecer é un espazo virtual de datos abertos que “nace co propósito de visualizar e identificar o panorama sobre os vestixios e símbolos que conforman unha paisaxe contraria á memoria democrática”, segundo se informa no sitio, creado hai uns meses e que desde esta semana incorpora o símbolo falanxista do Outeiro da Obra en Celanova, sobre o que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicitou que se aplique a Lei de Memoria estatal en vigor, primeiro ao Concello de Celanova por medio dunha moción a pleno (abril de 2021), despois ao Estado (maio de 2021) e de novo nun escrito ao Concello de Celanova (febreiro de 2022).
O símbolo segue en pé máis de oitenta anos despois de que se erixise (agosto de 1939) por unha unidade militar falanxista dos sublevados instalada na vila aquel verán.
A mediados do ano pasado, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova pediu aos autores da web que incluísen o símbolo falanxista do Outeiro da Obra no mapa dos máis de 5.500 símbolos da guerra e da ditadura que de forma ilegal seguen ocupando espazos públicos e privados no Estado.
A web recolle a día de hoxe 5.596 símbolos, e 228 deles están na categoría de monumentos e conxuntos monumentais. Do total, 982 símbolos están en espazos públicos, como acontece no caso de Celanova.
A web serve tamén para denunciar o feito de que 15 anos despois de aprobada a Lei de Memoria estatal aínda non se teña elaborado o catálogo de vestixios relativos á guerra e á ditadura que contempla o artigo 15.3.
INFO EN PRENSA:
1 comentario
POLA RETIRADA INMEDIATA DO SÍMBOLO FRANQUISTA – memoriacelanova · 9 Agosto, 2024 ás 11:10 a.m.
[…] do Comité sobre o símbolo fascista do Outeiro da Obra A web Debería Desaparecer xa recolle o símbolo falanxista do Outeiro da Obra en Celanova Apareceu un oficio da Bandera de Falange que confirma as teses do Comité sobre o símbolo […]