Dous membros do grupo de investigación e exhumación de fosas de Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, visitaron o pasado venres Celanova e o Furriolo e mantiveron unha entrevista con membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova en relación á exhumación da fosa do cemiterio parroquial da vila, onde están documentadas a data e o lugar de soterramento dos corpos de 7 republicanos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos.

O xestor do grupo, Gustavo Hervella, e o historiador e documentalista, Rafael García Ferreira, visitaron a fosa, tomaron fotografías e recibiron noticia das últimas investigacións do Comité en relación coa fosa. Tamén visitaron o memorial do Furriolo, obra de Xosé Vizoso, que o Comité se encarga de restaurar, así como o claustro barroco, a parte do mosteiro aberta ás visitas.

Histagra é o grupo encargado pola Xunta de Galiza de investigar e exhumar as fosas de vítimas da violencia do golpe de Estado e da Guerra Civil. O ano pasado iniciou as exhumación en fosas de Vilagarcía e Crecente (Pontevedra), en dúas investigacións que aínda seguen en curso.

Para 2022, o Comité tiña o compromiso de Histagra de que comezarían os traballos para exhumar a fosa de Celanova. E xaneiro, Gustavo Hervella e Rafael García participaron da reunión con Viceconsejería de Justicia do Goberno de Asturias para coordinar as accións iniciais. A principios de febreiro, o forense Fernando Serrulla, tamén do grupo de exhumacións de Histagra, viaxou a Xixón e realizou as probas de ADN a Josefa, filla de Marcelino Fernández, e a Gracia, neta de Abelardo Suárez, dous dos asasinados aquel 22 de setembro.

Agora Histagra veu a Celanova para manter a segunda entrevista co Comité, a primeira foi en 2021 en Crecente. O equipo da USC reiterou o seu compromiso co Comité e explicou os trámites administrativos a seguir nos próximos meses. En canto a Xunta de Galiza asine a partida orzamentaria para 2022, a intención de Histagra é centrarse na fosa de Celanova.

Pola súa parte, o Comité tamén achegou o resultado dalgunhas pesquisas recentes ao redor dos asasinados seguindo as indicacións que achegaron tanto o investigador Marcelino Laruelo como o cineasta e escritor Ramón Lluis Bande, que visitaron Celanova durante o último trimestre de 2021.

Categorías: Comunicados

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario