O 29 de xullo do 1953 nacería con trinta e tres asociados o Padroado da Cultura Galega de México no marco dunha xuntanza desenvolvida no Hotel Majestic de México D.F., baixo a presidencia de Xesús Dopico Barreiro, violinista de Ferrol. Entre outras actividades impulsaría programas radiofónicos, caso de Hora da Cultura Galega, guiado por Elixio Rodríguez e Roxelio Rodríguez da Bretaña e conducido, fundamentalmente, por Luísa Viqueira Landa e Luís Soto, emitíndose os domingos. Aquel grupo tiña capacidade radiofónica para irradiar a Bos Aires, Nova Iorque, Caracas e La Habana, mercé á xenerosidade e compromiso coa causa patriótica galega e democrática do propietario da estación radiofónica XEMC-XESC, o galeguista Ramón Ferreiro. Aqueles galeguistas emitían desde a devandita emisora tratando arredor da realidade nacional da Galiza, así como a cuestión autodeterminista no marco da Península Ibérica, nomeadamente referida a Euskadi, Catalanya e Galiza, dando lugar a diversas entrevistas.

Debemos tamén computar a este grupo a edición da revista Vieiros, nacida no 1959 a partir do substrato que deixara Saudade, unha publicación aquela que tería unha amplísima nómina de colaboradores, salientando galeguistas do interior e de alén mar, caso de Xosé Núñez Búa, Albino Núñez, Elixio Rodríguez, Ramón Piñeiro, Ramón Cabanillas, Florentino López Cuevillas, Otero Pedrayo, Manuel García Barros, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero, Xosé Ramón Fernández Oxea, Bernardino Graña, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Dora Vázquez, César Arias e Arcadio López Casanova, entre outros, para alén das ricas achegas que ao apartado gráfico realizarían Arturo e Uxío Souto, Carlos Maside, Isaac Díaz Pardo, Acisclo Manzano, Xaime Quesada, Manuel Prego, Conde Corbal ou Reimundo Patiño. A publicación tería en Luis Soto, Carlos Velo, Luisa Viqueira Landa, Florencio Delgado Gurriarán e a parella exiliada procedente de Cuba composta por Francisco Comesaña Rendo e Ascensión, ‘Choncha’ ou ‘Chonchiña’, Concheiro García, os seus principais sostedores a efectos práticos e ideolóxicos, nucleadores do conxunto daquel grupo que impulsaban Vieiros, afirmaban no inicio:

“Saímos as soalleiras da cultura universal co espello limpo da nosa língoa, única axeitada pra esprimir a literatura e o arte, e cencia e mais a filosofía e limiarmente a vida espritual e material do povo galego, que endexameis renunciou a sua fala.
(…)
Por iso arelamos ser unha pubricazón da Galiza única, co pensamento co curazón, cos pés e coa vida na Terra, pra sinalar os VIEIROS da nosa cultura diferenzada, do noso xeito de ser e de vivir, da nosa economía pegullal, do noso devir na laboura civilizadora do universo, adaitada as nosas caraiterísticas, as cales fixan, sen dúbida algunha, que somos unha Nazón”
.

A publicación tentaría ampliar o círculo de colaboradores que de inicio estiveran ligados a Saudade e ao Padroado, mantendo enorme relación con exiliados galegos que de inicio non tiñan militancia nacionalista, mais que se irían decantando polo galeguismo de tendencia comunista, caso do pediatra ourensán Antonio Fernández Carnicero e a súa compañeira, a mestra María Bouzas Pérez, exiliados desde 1939 en México. Estes serían un dos sostedores económicos da publicación, xunto Luís Soto e Rodríguez da Bretaña.

Naquela etapa na que, após a morte de Castelao, perdera fol o grupo radicado na capital arxentina, o Padroado da Cultura Galega, empregando Vieiros como canle de comunicación, procurará ser o acicate do galeguismo expatriado, e da comunidade galega emigrada no seu conxunto, dándolle especial importancia á relación co interior. Entendía este grupo que era na Galiza aquén terra onde había que procurar novas xeracións de nacionalistas, algo que tamén opinaban firmemente desde o Consello de Galiza en Bos Aires.

Mais non todo serían eloxios para o traballo realizado por aquel grupo, nomeadamente polo traballo desenvolvido polos promotores da revista Vieiros. Habería tamén críticas, nomeadamente centradas no ‘luxo’ daquela publicación, como a realizada polo escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, fundador e activo do grupo Brais Pinto, a partir da publicación compostelá La Noche.

En resposta a esta crítica relativa á revista galega editada en México, aseveraría Luís Soto, nunha longa exposición:

“O ‘luxo’ de Vieiros foi inevitábel coa tenzón de esmoer o comprexo de inferioridade dos galegos emigrados, que mercan sanatorios, criptas marmóreas, cimeterios, tabernas, bandas de gaitas ou ramos de lacós –pra apracar os vermes das suas boas concencias- e que non invirten –polo xeral- nin un soio can no inzamento da cultura da sua terra, a cal en definitiva é a súa propia raigame, io seu único ‘ser’.

Outra revista calquera, migratoria, con anuncios de ferreterías e funerarias, as fotos da boda da filla do Presidente do Centro, dúas poesías fanadas e catro [actos] de folklore resésego, non [cumpría] misión algunha, non no tempo nin no espacio. Nin tampouco se era bilingüe –non tiña ouxeto- ou si estaba escrita en castrapo. ¿Que sería, Fernández Ferreiro, da túa carta a Ulises, documento dramático, literariamente xenial, esmagada nunha revista (…) sin proieción, sin leitores e sin perspeitiva de telos?

(…) Vieiros non é unha revista da emigración, senón unha revista escrita e dibuxada na terra. A emigración [é] un accidente, unha doenza e polo tanto non pode, nin debe, aparecer como guieiro da cultura (…), entendéndose por cultura o polo da súa diferenciación en todol-os aspeitos da vida, a cal en derradeiro termo é a que conta.

É certo que a pagaron –moitos cartos- un fato cativo de xentes, que viven do seu traballo e que pra colmo nin xiquera saben cobrar. É certo que desvelaron o seu caletre algunhas persoas que moran fora do país, pra concebila, estroiturala e pra que servira de v[i]eiro adoitado os problemas ios anceios. Descasí, foi e será sempre unha manifestación cultural da Terra, meditada na Terra, e afincada na súa esencia e na sua persoalidade. (…) onde foi ergueu un esprito xeneroso e demostrou que ainda temos algo que decir na nosa lingua, que falan cen millóns de homes e que berrou con barileza que ainda somos nos.

(…) Si Ulises -Breogán- que a edita naufragara na súa barca de coiro, collerían os remos os escritores ou artistas das súas páxinas, un Brais Pinto, mellor ti mesmo, amigo Fernández Ferreiro, xustamente arrebatado diante a lagoa do silencio.

Ora ben, querido e ademirado amigo, antre os centos de loubanza – casique míticas- que recibiu Vieiros cecais ningunha coma túa, que con poucas verbas, deu no cravo da eficiencia, ainda que a min me doian as costas.

De contado, somentes che podo prometer –con Carlos Velo- que recibirás Vieiros ainda que sexa en papel de estraza, mais con unha calidade tan esplendente cos fitos ficarán engaiolados con alboroques inmarchitables”.

O ultimo número de Vieiros saíu na primavera de 1968, após case unha década de andaina. Segundo o seu máximo facedor, Luís Soto, o proxecto carecera dunha apoiatura colectiva que mantivera a publicación, mais tería sido un erro abandonar a súa edición, segundo afirmaría o ourensán anos despois:

“… dada a significación sociopolítica e literaria de Vieiros non debemos coutar esta tarefa no ano 1968. A cuestión foi de anguria, pois por circunstancias especiais fiquei practicamente só coa responsabilidade de editar sucesivos números de ‘Vieiros’. Logrei sacar o número tres e o número catro, pro como se botaban enriba cuestións políticas de limiar valencia, decidín abandonar ‘Vieiros’ por non poder atender tódolos ángulos do traballo galego e ademais do meu persoal. (…) recoñezo que foi un erro e que debín obter axuda e decisión para que a revista chegase coa luz explendente da súa galeguidade á Terra e a tódolos lugares da diáspora”.

Coa edición do último número de Vieiros pecharíase a historia do nacionalismo galego exiliado en México. Ora, isto non significaba que aqueles galeguistas non tiveran intención de seguir organizados politicamente. Este grupo sería central a partir do 1964 no relanzamento político-organizativo do nacionalismo galego aquén mar e esta realidade tamén tería a ver co propio cese de Vieiros, en canto que o seu axir reorientaríase xeograficamente.

O contexto socio-político dado na España dos anos finais da década dos sesenta do pasado século facían crer na posibilidade dunha democracia. O antifranquismo en España iría collendo un pulo de relevo, o que na Galiza visibilizaba unha nova xerazón de militantes nacionalistas que enlazaran anos atrás cos exiliados e que agora situaban o epicentro da loita en favor da autodeterminación do país na propia Terra, logo dunha resistencia especialmente militante alén mar.

Texto tomado de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Nacionalismo galego aquén e alén mar (1936-1975), Laiovento, 2015. 

(a respecto do orixinal, prescíndese aquí das notas ao pé).

Categorías: Anacos da historia

1 comentario

Lembrando Luís Soto, meu tío – memoriacelanova · 12 Novembro, 2021 ás 9:56 p.m.

[…] en España, viña tódolos anos. Acompañeino moitas veces recoller artigos para a súa revista Vieiros. Fomos á casa de don Ramón Otero Pedraio, estivemos con Díaz Pardo, con Manuel María… Eu […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario