O domingo 13 de outubro de 1935 celebrouse en Celanova un gran acto nacionalista. O mitin da Federación de Mocedades Galegusitas, organizado pola Mocedade Galeguista de Celanova, tivo lugar no teatro Curros Enríquez, situado no centro da vila, preparado para a ocasión con bandeiras de Galiza e proclamas nacionalistas.
“A las cinco y con el teatro repleto dio comienzo el acto. El Coro de Chantada entonó el Himno Gallego, siendo coreado por todos los concurrentes puestos en pié”, comeza a crónica de La Región, publicada o 16. “Seguidamente hicieron uso de la palabra variso jóvenes de esta localidad, de Santiago de Compostela y Vigo y todos ellos con inusitada elocuencia hicieron resaltar la significación del acto que se estaba celebrando en medio de aquel indescritible entusiasmo y cantaron en párrafos brillantes la belleza sin igual de estar tierra meiga y saudosa tan olvidada de los gobernantes centralistas quienes siempre han tratado no como un pueblo civilizado, sino como una colonia y eso no puede consentirse. Fueron todos muy aplaudidos”.
Falaron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Nogueiras, Xaime Illa Couto, Vicente Bóveda, Pepe Velo e Francisco Fernández Del Riego.
Da fortaleza daquela agrupación celanovesa das Mocedades dá conta Arximiro Rojo no seu ensaio ‘As Mocidades Galeguistas‘ (Galaxia, 1987). “É esta unha das Mocedades con maior vitalidade e proxección, e cun cadro directivo dotado dun gran poder de convocatoria, como proba o feito de que algúns dos seus membros fosen chamados para rexe-los destinos da Federación. Con razón alguén chamou esta agrupación da vila de San Rosendo ‘centro neurálxico das Mocedades”. Rojo subliña algunha das características que definían o colectivo celanovés: a primeira, o seu labor de captación. “En xaneiro de 1934 xa conta con máis de 50 afiliados, sendo unha das súas realizacións características a posta en marcha dunha sección Infantil á que podían pertencer tódolos menores de 15 anos. Esta sección dispuña dun escollido equipo de ‘catequistas’, o cal ‘tera por fito a galeguización dos nenos’. Trátase efectivamente, dunha auténtica acción catequética, de conquista, a través da cal se pretende iniciar e transmitir ós nenos a doutrina e o credo galeguista”. Tamén salienta Rojo a actitude “sempre disposta a acción e ó práctico, nun desexo de obter resultados a curto prazo”. E refire un discurso do mozo Celso Emilo no que demanda “un movimiento autenticamente xuvenil, é decire, revolucionario, destructor, violento, capás de quitarlle o sono aos gobernadores das catro provincias e faguer vibrar os nervos, hoxe aletargados, disa gran parte da xuventude galega inda non enrolada nas nosas filas”.
Dun cariz semellante deberon ser os discursos daquel domingo 13 de outubro, data da que hoxe se cumpren 86 anos.
Terminado o acto, conta a prensa, os presentes dirixíronse á casa de Curros, onde colocaron dúas coroas de flores.
0 comentarios