Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto, visitou a tumba e entrevistouse con membros do Comité. Gracia, un dos tres familiares directos vivos de Abelardo, mostrou a disposición da familia a colaborar co Comité, co Goberno de Asturias e cos memorialistas asturianos na procura doutras familias, así como na investigación e nunha posíbel exhumación da fosa.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova púxose en contacto co Goberno de Asturias para informar da aparición desta familiar e pedir que as autoridades asturianas activen o protocolo para atender estas vítimas. O Comité continuará realizando as xestións previstas para que as administracións públicas competentes faciliten os traballos de documentación de fosa e os trámites que sexan necesarios antes de proceder á exhumación.

Abelardo Suárez Del Busto tiña 28 anos cando foi fusilado en Celanova o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos. Fora capturado pola Armada sublevada trala caída de Xixón a bordo do ‘Gaviota’ o 20 de outubro de 1937. Trasladado despois a Camposancos (A Guarda) foi condenado a morte o 29 de xullo de 1938. Foi xulgado xunto a outros dez presos. Entre eles, Baldomero Vigil-Escalera Vallejo e Mariano Blanco González, que como Abelardo recibiron condena a morte e terminaron sendo executados en Celanova aquel 22 de setembro.

A Bandera de Falange de Marruecos era unha unidade paramilitar, integrada no exército franquista, formada por voluntarios falanxistas de Ceuta, Melilla e o Protectorado marroquí. Esta unidade promoveu e inaugurou o monumento fascista do Outeiro da Obra (que aínda permanece en pé) o 8 de agosto 1939. Así o recolleu o diario falanxista ‘Arco’ ao día seguinte baixo o seguinte titular: Gran acto patriótico ayer en Celanova. La Bandera de Marruecos inaugura la Cruz de los Caídos.

Os dous meses que a Bandera estivo na vila, entre xullo e setembro de 1939, foron un alarde de ostentación e violencia. Unha proba son os sete presos fusilados na Prisión Central de Celanova o 22 de setembro de 1939:

  • Abelardo Suárez del Busto, 28 anos, albanel, natural de Xixón.
  • Alfonso Moreno Gayol, 26 anos, chofer, natural de Salamanca.
  • Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos, pintor, natural de Xixón.
  • Belarmino Álvarez García, 29 anos, mineiro, natural de Sama de Langreo.
  • Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos, chofer, natural de Mieres.
  • Marcelino Fernández García, 21 anos, mecánico, natural de Mieres.
  • Mariano Blanco González, 36 anos, litógrafo, natural de Xixón.

TESTEMUÑO DE GRACIA

Recollido en Celanova o 5 de outubro de 2021.

“Abelardo era hijo de un carretero. Era albañil. En casa eran muy pobres. No sabía leer ni escribir, por eso en los escritos de la causa aparece su firma con el dedo. Abelardo y Emilia tuvieron un hijo, Enrique, y una hija, María del Carmen, mi madre. Emilia, mi abuela, sabía que había estado preso en Celanova. Nunca supimos que había pasado por Camposancos. Ni que había sido sometido a consejo de guerra. El hijo mayor, Enrique, murió. Fue otro mazazo para mi abuela. Mi abuela se casó después por segunda vez. Yo me crié con mi abuela y ese abuelo. Mis padres emigraron a Francia y quedamos mi hermana y yo con ellos. Mi abuela cobró la pensión como viuda de guerra. Mi madre se murió hace tres años, justo un 3 de octubre. Este domingo, durante el aniversario, se me dio por buscar en Facebook cosas sobre Celanova. Encontré la página del Comité, la información sobre el acto de la semana anterior en el patio del Instituto, donde había estado la cárcel, con el Gobierno asturiano. Y apareció el nombre de mi abuelo… En seguida se lo dije a la familia, y mi sobrina Irene decidió escribir al Comité. Por eso estamos aquí, en Celanova, hoy.”

O FUTURO DA FOSA

O Comité iniciou a investigación sobre la fosa a finais de 2020. As publicacións do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, e as fontes orais achegaron as primeiras pistas. O Comité publicou as actas de defunción dos 7 homes e, a continuación, fixo públicas as causas que permanecen no Arquivo Militar de Ferrol. Esa documentación enviouse tamén á Dirección General de Memoria Democrática, da Consejería de Presidencia del Gobierno de Asturias. A directora general de Memoria, Begoña Serrano, mostrou a disposición do seu departamento a colaborar co Comité. E esa colaboración concretouse na participación do Gobierno asturiano na primeira homenaxe os 7 asturianos celebrada en Celanova o 25 de setembro.

O Comité é partidario de que se proceda á exhumación dos restos que poidan estar na fosa. Iniciativa que, ao abeiro da nova lei estatal de memoria, en trámite parlamentar, poderá emprender calquera Administración Pública.

Mentres o Comité está a espera de coñecer cales son as intencións do Goberno de Asturias, que quedou en remitir unha comunicación antes de final de mes, o equipo de investigación Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, púxose en contacto co Comité para facer unha proposta a respecto do futuro da fosa.

NÓS DIARIO https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/localizada-primeira-familiar-dun-7-asturianos-fusliados-celanova-polos-franquis-tas/20211007122116130177.html

FARO DE VIGO https://www.farodevigo.es/ourense/2021/10/08/primera-visita-abuelo-abelardo-7-58133224.html

20 MINUTOS (Europa Press) https://www.20minutos.es/noticia/4848383/0/localizan-a-la-primera-familiar-de-uno-de-los-siete-asturianos-fusilados-en-1939-por-los-falangistas-en-celanova/

LA REGIÓN https://www.laregion.es/articulo/celanova/reencuentro-asturiano-abuelo-felix/202110072158081070129.html

PÚBLICO https://www.publico.es/sociedad/localizan-familia-republicanos-asturianos-tropas-franco-fusilaron-galicia-celebrar-toma-madrid.html

LA VOZ DE GALICIA https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2021/10/08/celanova-localizan-familia-asturianos-enterrados-fosa/0003_202110O8C5996.htm

GALICIA PRESS https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/3225703/proteccion-civil-cambre-recoge-material-tecnico-productos-aseo-afectados-erupcion-palma


0 Comments

Deixa unha resposta

Avatar placeholder

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *