Presentamos a acta de defunción da que puidera ser a primeira vítima mortal entre os presos de Celanova da Bandera de Marruecos en agosto de 1939.
No Informe nº1 do Comité, o historiador Pablo Sánchez escribe:
“A presenza da Bandera na vila tamén coincide cun aumento de metrallamentos indiscriminados contra os presos polo suposto feito de estar asomados ás fiestras, extremo desmentido polas propias autoridades da prisión que imputan estes incidentes ao exceso de celo das sentinelas. O caso máis escandaloso tivo lugar o 1 de agosto cando foron feridos 10 presos a primeira hora da mañá (7:30) mentres se aseaban. [Rodriguez Teijeiro, Domingo (2007): El sistema penitenciario franquista y los espacios de reclusión en Galicia (1936-1945), tese doutoral lida na Universidade de Vigo: 446-448]. Os ‘moros’ tamén serían responsables de realizar disparos aleatorios a través do piso de madeira do mosteiro-prisión. Pódese atopar unha referencia no documental “Escoréu, 24 d’advientu de 1937” de Ramón Lluís Bande, realizado en 2017”.
Entre os feridos por disparos aquela mañá do 1 de agosto de 1939 está a que podería ser a primeira vítima mortal da brutalidade da unidade falanxista que chegou a Celanova semanas despois de ter entrado en Madrid para render o Exército republicano. Catro meses despois de rematada oficialmente a guerra, a represión en Celanova volvía entrar nunha espiral de sangue e terror, coma no verán do 36.
Cándido Alfonso Escudero tiña 33 anos cando se aseaba aquela mañá na Prisión Central de Celanova. Nacera en Zamora o 29 de setembro de 1905, mais tiña domicilio no barrio de Zorroza, en Bilbao, e estaba casado. A profesión que figura no rexistro é a de “xonaleiro”.
A acta de defunción está asinada o 3 de agosto (xoves) polo xuíz Bernardino Montenegro González e constata que o recluso “falleció en la Prisión Central de esta villa el día primero del actual a las siete y media de la mañana, a consecuencia de anemia hemorrágica, según resulta de la certificación facultativa y reconocimiento practicado y su cadáver habrá de recibir sepultura en el cementerio de esta villa”.
Asinan como testemuñas, o empleado Rafael Seijo e Mateo Cervantes Otón, “vecinos de esta villa”.
Na memoria de Celanova ficou gravado aquel verán do 39 polo paso da Bandera de Falange de Marruecos. Os disparos desde as garitas da rúa cara as fiestras polas que asomaban os presos son unha lembranza recorrente nos testemuños que se transmitiron. Os chamados ‘moros’ -máis polo uniforme que polo compoñente étnico da tropa, porque os africanos foran as primeiras baixas no recorrido da Bandera durante a guerra entre Andalucía e Madrid- permaneceron no imaxinario colectivo da vila durante décadas. Ademais, a Bandera foi tamén a protagonista de dúas celebracións singulares.
A primeira tivo lugar no Outeiro da Obra apenas uns días despois daqueles disparos asasinos do 1 de agosto. A Bandera levantou un monumento de homenaxe aos seus mortos que legou a Celanova. Así narra o acto o xornal La Vanguardia na edición do 9 de agosto:
🔘
“Se celebró Misa de campaña y seguidamente se inauguró un monumento a los héroes de la Santa Cruzada. Luego las fuerzas que asistieron al acto desfilaron al mando del teniente coronel Fernández Cuesta. Para asistir a estos actos, llegó de Orense el coronel Ríos Capapé, héroe de la Ciudad Universitaria, acompañado del teniente coronel Pemán (léxase: Peirán). El coronel Ríos Capapé pronunció un elocuente discurso ensalzando el heroico comportamiento de la Bandera de la Falange de Marruecos. Se vitoreó a España y al Caudillo y finalmente se cantó el ‘Cara al Sol”. [recollido no Informe nº1 deste Comité]
A segunda foi o 24 de setembro, cando a Bandera abandonou Celanova despois de celebrar actos na prisión e no Outeiro da Obra. O mando militar ao cargo (cabe supor que Nemesio Fernández-Cuesta) presidiu as ceremonias.
🔘
“A las once y media estaba señalada la celebración de una misa que ante la cruz de los Caídos, erigida en un montículo que domina la villa había de ser aplicada por todos los camaradas de la Bandera de Marruecos que durante los tres años de campaña regaron con su sangre la tierra española. El señor comandante con su alocución dijo: ‘Señor alcalde, yo espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos”, di a crónica en La Región, do día 30. [recollida tamén no Informe nº1]
Perpetuar aquela cruz, aquel legado, significaba perpetuar o odio, a vesania e a brutalidade fascista que arrasaron os soños e as esperanzas da maioría daquelas xentes ás que se lles impuxo polas armas e pola morte unha ditadura de corenta anos. O legado perpetúase máis alá da fin da ditadura.
Mais a memoria, que tamén é mirar de fronte ao horror, axudará á reparación das vítimas.
Cándido Alfonso Escudero tiña 33 anos cando se aseaba aquela mañá na Prisión Central de Celanova. Puidera ser a primeira das vítimas mortais, entre os presos, das bestas falanxistas da Bandera, que se despediu de Celanova executando 7 sentenzas de morte.
Dous días antes de partir, o 22 de setembro de 1939, contra os muros do cemiterio, un pelotón da Bandera fusilou a Abelardo Suárez del Busto, 28 anos; Alfonso Moreno Gayol, 26 anos; Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos; Belarmino Álvarez García, 29 anos; Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos; Marcelino Fernández García, 21 anos; Mariano Blanco González, 36 anos.
Na homenaxe que este Comité ten previsto celebrar o próximo 22 de setembro en Celanova tamén se honrará a memoria de Cándido Escudero e todas aquelas vítimas do terror fascista na prisión de Celanova ás que aínda non se lle puxo nome.
0 comentarios