O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixo este anuncio na presentación pública na vila do Informe nº 1: Monumento do Outeiro da Obra. Fin dun legado imposto, que se desenvolveu no Refectorio do claustro barroco, un espazo que o colectivo reivindica como lugar de memoria dado que foi o primeiro cárcere habilitado polos sublevados contra a República no verán do 36.

Na fosa, que o Comité vén documentando desde hai uns meses con pescudas en arquivos civís e militares, poderían estar os restos de Baldomero Vigil-Escalera Vallejo (pintor de 19 anos); Marcelino Fernández García (mecánico, de 21); Guillermo de Diego Álvarez (chofer, de 25); Alfonso Moreno Gayol (chofer, de 26); Abelardo Suárez del Busto (albanel, de 28); Belarmino Álvarez García (mineiro, de 29) e Mariano Blanco González (litógrafo, de 36). Son os sete veciños de Xixón apresados pola armada sublevada cando fuxían en barcos despois da caída da fronte de Asturias no outono de 1937.

Os sete foron sometidos a consellos de guerra en Camposancos (A Guarda) en 1938 e condenados a pena de morte. A comezos do ano seguinte foron trasladados a Celanova. E as súas execucións tiveron lugar o día 22 de setembro de 1939 a cargo da Bandera de Marruecos, a mesma unidade que mes e medio antes tiña levantado o símbolo franquista que o Comité rexistrou no seu Informe nº1.

Agora, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova porá toda a documentación sobre estas vítimas da barbarie fascista a disposición do Instituto de la Memoria Democrática de Asturias, integrado naquela dirección xeral.

HOMENAXE NO CEMITERIO

Despois do acto no Refectorio, a directiva do Comité e asistentes á presentación visitaron o lugar no que foron soterrados os sete asturianos e depositaron un ramo de flores en lembranza das vítimas. A fosa quedou así simbolicamente sinalizada, nun primeiro paso para a recuperación da memoria daqueles sete republicanos e, con eles, doutras vítimas do terror fascista no cárcere de Celanova, polo que pasaron unhas 6.000 persoas represaliadas entre 1936 e 1943.

A CAMPAÑA POLA ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova volveu poñer sobre a mesa a súa demanda de eliminación do monumento falanxista do Outeiro da Obra e reclamou o cumprimento da lei estatal de memoria que contempla a retirada desta simboloxía.

O Comité subliñou que o carácter do monumento como elemento de exaltación do golpe de Estado do 36, da guerra e da represión franquista está perfectamente documentado no Informe nº1 que ningunha autoridade académica, civil nin eclesiástica discutiu até hoxe; e que para facer valer a lei e as recomendacións das Nacións Unidas, non hai outra solución que a retirada do símbolo, unha competencia que habitualmente asumen os concellos, mais no caso de Celanova aínda non se levou adiante pola negativa da maioría da corporación.

O Comité abriu unha nova vía para que as institucións democráticas do Reino de España atendan a demanda de cumprimento da lei en Celanova cunha reunión a principios de maio co Subdelegado do Goberno en Ourense, quen se comprometeu a estudar o informe e, se fose preciso, elevalo á Secretaría de Estado de Memoria Democrática, dependente do Ministerio de Presidencia.

O Comité dá por fechada a vía política na corporación de Celanova, dada a oposición do PP (6 concelleiros) e do partido que sostén ao alcalde, Celanova Decide (4 concelleiros), que encargou un contra-informe para poñer en dúbida as conclusións da investigación do Comité, mais non o fixo público nin o trasladou a este Comité.

A DIRECTIVA E A RESTAURACIÓN PENDENTE DO MEMORIAL DO FURRIOLO

No acto deste sábado presentouse a directiva do Comité, encabezada por Celia Inés Feijoo Soto, en calidade de presidenta; Hixinio Araúxo, secretario; Pablo Sánchez, tesoureiro; e Dores García e Nuria Rodríguez, como vogais. O Comité está formado por un colectivo de 30 persoas e nas próximas semanas comezará unha campaña de captación de socios e de fondos. Os fondos son necesarios para afrontar a que ía ser a primeira misión do Comité: a restauración do Memorial do Furriolo, obra de Xosé Vizoso.

A restauración non se puido levar adiante a finais do 2020 como estaba previsto, a causa duns problemas de saúde do autor. A intención do Comité é que os traballos poidan realizarse este verán e dar continuidade así ao labor do colectivo Arraianos, o verdadeiro impulsor da recuperación da memoria histórica en Celanova e na súa comarca desde principios deste século.

O Comité quere agradecer especialmente a asistencia de membros do Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e dos Amigos da República de Ourense.

Categorías: Espazos da memoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario