Membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova mantieveron o martes 4 de maio unha reunión en Ourense co Subdelegado do Goberno para presentarlle o informe sobre o símbolo falanxista do Outeiro da Obra. O sábado, día 8, o Comité tamén tomou a palabra nunha homenaxe a veciños de Entrimo que foron deportados a campos nazis.
Varios membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova participaron na homenaxe que o Concello de Entrimo e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) renderon o sábado 8 de maio a veciños daquel termo municipal que foron deportados a campos nazis. Na memoria de Abilio, Avelino, Higinio e Jaime reuníronse máis dun cento de persoas e inaugurouse un memorial.
Rafael Adán Rodríguez, familiar dun dos homenaxeados, docente no IES de Celanova e que participa deste Comité, foi un dos participantes no acto. Tamén estivo Xoán Carlos Domínguez Alberte, que deu lectura a un poema. E, en representación do Comité, falou o historiador Pablo Sánchez, quen reclamou que os demais concellos do país tomen exemplo de Entrimo e organicen homenaxes ás vítimas dunha “macabra estratexia para organizar un asasinato colectivo”. Sánchez tamén fixo referencia aos cinco veciños da comarca de Celanova que correron a mesma sorte, historia das que se dá conta en Nos campos de Hitler. Notas biográficas de 5 deportados da comarca de Celanova, un artigo de Nuria Rodríguez, que participou da investigación da ARMH, publicado o 30 de setembro.
O martes día 4 de maio, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alonso, recibiu a unha representación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que lle entregou o informe histórico sobre o símbolo falanxista de Celanova.
O Comité emitiu despois este comunicado:
“O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, recibiu esta mañá na sede da Subdelegación a unha representación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. A reunión serviu para que o Comité detallase a demanda de aplicación da Ley de Memoria Histórica de 2007 sobre o símbolo falanxista situado no Outeiro da Obra, en Celanova.
O Comité fixo entrega do informe no que se documenta por primeira vez o carácter de simboloxía fascista dese monumento, e o subdelegado comprometeuse a que sería revisado polo seu gabinete xurídico, así como toda a nova información ao respecto que poida ir achegando o Comité. Tamén avanzou que, de ser pertinente, elevará unha consulta á Secretaría de Estado de Memoria Democrática que dirixe Fernando Martínez López e que se integra no Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática.
González Afonso tamén se comprometeu a facilitar o Comité todo o apoio que poida nas novas liñas de traballo abertas, empezando pola investigación sobre a foxa común na que poderían estar soterrados os 7 últimos presos fusilados dos que hai constancia no cárcere de Celanova en 1939 e na procura de familiares destas vítimas.”
1 comentario
A Memoria de Celanova, da man do Goberno de Asturias na investigación dunha fosa común no cemiterio de Celanova – Vía Lethes · 30 Maio, 2022 ás 10:55 a.m.
[…] O Comité abriu unha nova vía para que as institucións democráticas do Reino de España atendan a demanda de cumprimento da lei en Celanova cunha reunión a principios de maio co Subdelegado do Goberno en Ourense, quen se comprometeu a estudar o informe e, se fose preciso, elev…. […]