Ricardo Feijóo Varela, Maus, naceu en Moreiras (Celanova) en 1875. Estudou cos pais escolapios no mosteiro de Celanova ata o bacharelato, renunciando logo a proseguir a carreira para facerse sacerdote.
✍️ Autor: Hixinio Araúxo
Ao rematar o servizo militar en Vitoria dirixiuse a Bilbao para traballar como carpinteiro e cursar estudos na prestixiosa Escola de Artes e Oficios, destacando como debuxante. Foi en Bilbao onde entrou en contacto cos ideais socialistas que irromperan nas zonas máis industrializadas da península e trabou amizade coa familia de Alexandre Bóveda, cuxo pai era tamén emigrante e carpinteiro, relación que perduraría no tempo.
Retornou a Ourense por un período breve, pois elixiu de novo o camiño da emigración. O seu primeiro destino foi a illa de Cuba, despois Bos Aires e de novo Cuba. Co estalido da Iª Guerra Mundial, os EE.UU. abriron as fronteiras aos inmigrantes, unha oportunidade que aproveitou Ricardo para desembarcar en Nova York, sempre traballando no seu oficio e adquirindo novos coñecementos. Por fin, a comezos dos anos vinte, regresou a Celanova, casouse con Carmen Montes e tivo dous fillos: M.ª Rosa e Raimundo.
O país estaba en plena ebulición política pola degradación da ditadura de Primo de Rivera. Con outros compañeiros alugou un local na rúa Pardo Bazán e fundou a Casa do Pobo de Celanova. Foron anos de intensa actividade política que desembocaron na proclamación da IIª República e posteriormente no triunfo electoral da Fronte Popular. Mais todo se truncou coa sublevación de Franco, que a Ricardo lle arrebatou compañeiros máis novos, encarcerados e asasinados pola barbarie fascista.
A ameaza da cadea penduraba sobre el, e fóronlle confiscados todos os seus bens mentres non pagara a multa que se lle impuxo por ser socialista e demócrata. Foi obrigado polas autoridades municipais a facer os marcos para os retratos dos sublevados, e por precaución queimou os libros que o puideran significar como non afecto ao réxime.
Malia súa condición de represaliado e do seu delicado estado de saúde, deulle refuxio a Mariano Otero Castelao (sobriño do líder galeguista) e a Xosé Velo Mosquera antes de cruzaren a fronteira cara ao exilio, amosando valor e solidariedade con outros perseguidos pola besta fascista.
No momento da morte foi fiel aos seus principios renunciou ao “consuelo espiritual” do crego da parroquia (os funerais civís eran unha institución no PSOE para remarcar o seu laicismo militante).
Faleceu o 22 de abril de 1949 sen imaxinar o grao de perversión a que podían chegar os seus represores. Primeiro foi declarado apóstata pola Igrexa e despois non se lle permitiu á familia enterralo na sepultura que el mesmo fixera e pagara no cemiterio da súa parroquia (Cañón). Así pois, o concello tomou a iniciativa e elixiu como lugar de enterramento un camiño extramuros do cemiterio de Celanova, a dous quilómetros da súa parroquia, e incumprindo o documento xudicial onde consta que sería enterrado en Cañón. Anularon o enterro pola mañá (era o costume naquela época) e pola tarde fixeron encabezar a comitiva fúnebre con vixilancia policial. De nada valeron os rogos da familia e a rabia contida dos amigos, íase dar un escarmento público. Tal era a sede de morte das autoridades que había que reprimir a morte mesma, espallando o temor sobre os veciños e estigmatizando a todo aquel que non renegara do falecido.
A ilegalidade do enterramento era manifesta e escandalosa até para un réxime que se proclamaba nacional-católico, pois dende o século XIX estaban prohibidos por Sanidade os enterramentos fóra dos cemiterios. Ademais, o dereito canónico establece que a apostasía non supón impedimento para enterrar ao defunto nun cemiterio católico, negándolle, iso si, os rituais e a igrexa para os funerais.
En memoria de Ricardo Feijoo Varela (Moreiras-Celanova 1875-Celanova, 1949).
[continuará]
Hixinio Araúxo é neto de Ricardo Feijoo e membro do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
0 comentarios