Os resultados das eleccións locais do 12 de abril de 1931 foron o derradeiro golpe de morte ao réxime de corrupción representado pola monarquía de Afonso XIII.

A vitoria das candidaturas republicanas na maioría das capitais de provincia e a presión pública obrigaron ao rei a marcharse de España ante o desconcerto das elites tradicionais, o abandono da pequena e mediana burguesía e a pasividade do exército que desistiu, inicialmente, de manter as prerrogativas rexias pola forza das armas, como pretendía o monarca.

Co gallo do 90º aniversario da proclamación da II República publicaremos unha serie de artigos relacionados co ocorrido en Celanova en 1931.

Entre os atrancos do caciquismo e os anhelos frusrados de socialistas e republicanos

A proclamación da República atopou todo tipo de atrancos en Celanova. As artimañas dos caciques, por un lado, e o transformismo de antigos monárquicos en “republicanos de novo cuño”, por outro, acabarán nun Concello formado practicamente polos mesmos representantes do réxime anterior, polo que non será ata a chegada dos concelleiros da Fronte Popular en marzo 1936 cando se debatan, aínda timidamente, as principais e máis básicas demandas do proxecto republicano.

Tralas eleccións, o derradeiro alcalde da ditadura, Casto Álvarez Vázquez, ordenou a detención do director da Banda de Música municipal, Anastasio Hernández, por non terse pregado ás súas coaccións caciquís. Ante este atropelo, tivo que ser o gobernador civil o encargado de ordenar a súa posta en liberdade despois da visita dunha comisión formada por varios veciños, como recolle o xornal El Pueblo Gallego:

“Hemos hablado con los señores que formaban la comisión que visitó al gobernador, y nos ha dicho la tamaña arbitrariedad cometida por el alcalde de Celanova, don Casto Álvarez, quien creyéndose que todavía prevalecían fueros y privilegios, ha ordenado el encarcelamiento del director de la banda municipal, por el sólo hecho de haber coaccionado a los músicos para que votasen la candidatura que él apoyaba” (El Pueblo Gallego, 15 de abril de 1931, p. 9)

O día 17 tomaron posesión do seu cargo os novos concelleiros, sendo posible apreciar varias irregularidades no proceso. A pesar de ser necesarios 15 membros, na Acta de Constitución do Concello só se rexistra a presenza de 14, sen que se faga ningunha mención á falla dun concelleiro para constituírse. Tampouco sabemos cal é a razón pola que toman posesión concelleiros con menos votos que outros que teñen máis segundo o Boletín Oficial da Provincia ou por que hai certas diferenzas no número de votos que reflicten a Acta e o Boletín para algúns concelleiros. Para maior desconcerto, un dos novos concelleiros, Nicolás Gullón Gullón, nin sequera aparece no listado do Boletín Oficial da Provincia, teoricamente o único legal.
O historiador Domingo Rodríguez Teijeiro no libro A Segunda República no Concello de Celanova afirma que “a corporación que toma posesión do seu cargo o 17 de abril vai representar unha total continuidade co anterior réxime, non só coa Ditadura do Xeneral Primo de Rivera, senón coa política da Restauración previa á implantación desta”.

Efectivamente, o novo alcalde elexido pola corporación, Celestino Noriega, xa fora segundo tenente alcalde no primeiro concello da ditadura de Primo de Rivera e novamente concelleiro en 1927. O último alcalde da ditadura, Casto Álvarez Vázquez, tamén acada presenza no novo Concello, a pesar do seu escaso número de votos (79) facendo constar rapidamente a súa rotunda oposición ao novo réxime declarando na sesión inaugural que “desde la proclamación de la República se siente más monárquico que antes”. O candidato máis votado, José Meleiro, teóricamente “candidato republicano”, xa fora alcalde en 1926 e 1927. Ningún dos concelleiros da mostras de entusiasmo republicano.

O feito de quedar o Concello baixo o mando das mesmas persoas que gobernaban coa monarquía orixinaría non poucas protestas por parte de republicanos e socialistas como iremos vendo e que provocarán que o 21 de abril un delegado gobernativo se presente en Celanova coa misión de proceder á destitución do Concello e nomear unha xestora provisional.
O alcalde saínte intentará entorpecer as ordes do gobernador civil ata o último momento, esixindo a presenza do tenente da garda civil “a fin de evitar dudas sobre la autenticidad de las funciones del delegado”.

Unha vez aclarado, constituíuse inmediatamente unha Xunta Administrativa verdadeiramente representativa do goberno de coalición republicano-socialista. Esta xestora estaba composta por Ricardo Feijóo Varela (presidente), Remigio Gómez Posada, Manuel Álvarez Rodríguez e Luís Rodríguez Fernández (vogais). Porén, a vida desta xestora sería curta, pois tan só un día despois do seu nomeamento será traizoada polo gobernador, que revocará a súa decisión repoñendo aos concelleiros depostos, que volverán tomar posesión o día 24.

Categorías: Anacos da historia

1 comentario

Os sucesos do Primeiro de Maio de 1931 en Celanova – memoriacelanova · 10 Maio, 2021 ás 3:29 a.m.

[…] xa vimos, as manobras dos caciques locais e a falta de coraxe das autoridades gobernamentais coartaron os intentos de constituír unha corporación verdadeiramente republicana e socialista no Concello de Celanova trala proclamación da II […]

Deixa una resposta a Os sucesos do Primeiro de Maio de 1931 en Celanova – memoriacelanova Cancelar a resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario