O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lembra que a demanda engade unha petición para honrar á última corporación municipal republicana antes do golpe do 36 e da que facían parte concelleiros do PSOE.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova recibiu con pesar o pasado venres a negativa do goberno municipal a incluír na orde do día da próxima sesión do pleno municipal (prevista para o día 7) o debate da moción que rexistrou a principios de marzos solicitando a toma en consideración da retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra, levantado alí en agosto de 1939 por unha unidade falanxista do exército sublevado e que está afectado pola Lei de Memoria Histórica dado o seu carácter de símbolo de exaltación do golpe de Estado, a guerra e o franquismo.

Este Comité solicitou de todos os grupos municipais unha entrevista para presentar o informe histórico e a moción que recolle a demanda; e reuniuse cos representantes de Celanova Decide e do PSOE, que conforman o goberno local, e co grupo municipal do BNG. Só o BNG asumiu a moción. Mais o alcalde ten a potestade de elevala a pleno. O venres pasado, na reunión das comisións previas á sesión do próximo día 7, non o fixo. Aínda dispón de varios días até a celebración do pleno para rectificar e propiciar o debate da iniciativa memorialista, nun momento no que as demandas de xustiza e reparación ao abeiro da lei e a retirada de simboloxía franquista, en particular, volven estar sobre a mesa das corporacións municipais democráticas como demostran os recentes debates e acordos plenarios en Vilagarcía de Arousa e Tui, así como toda a actividade institucional, a nivel de Estado, Comunidade Autónoma, Deputacións e Concellos que se está a desenvolver na Coruña, Sada e Santiago de Compostela ao redor do espolio franquista.

O Comité lembra que a Lei de Memoria Histórica de 2007 segue a infrinxirse en Celanova e que esta anomalía democrática debe rematar xa.

A investigación levada a cabo por este Comité avala a retirada do símbolo falanxista conforme a lei, mais debe ser o Concello de Celanova quen tome a medida. Ademais de agradecer a oportunidade de falar no salón de plenos diante da corporación unha vez rematado o pleno e fóra de acta, o Comité advirte que na moción, xunto coa demanda de retirada do monumento, pídense tamén a catalogación da simboloxía franquista que persiste no Concello (tal e como establece a Ley) e unha declaración de honorabilidade da última corporación republicana e dos funcionarios públicos de 1936. Naquela corporación participaron concelleiros de Izquierda Republicana, do Partido Galeguista, da UGT, do PCE e do PSOE.


0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *