O Comité rematou a rolda de entrevistas cos grupos políticos da corporación municipal de Celanova falando coas concelleiras do PSdeG-PSOE, Tere Barge e Julio Vázquez, e con Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG. O Comité presentou aos grupos o informe histórico no que se demostra o carácter de símbolo de exaltación do golpe, a ditadura e o franquismo do monumento falanxista. Cabe lembrar que tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, avanzaron o apoio á retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra xusto ao comezo da campaña pública lanzada por este Comité hai un mes. Leopoldo Rodríguez reafirmou o compromiso do BNG de Celanova de facilitar o debate no pleno da moción rexistrada polo Comité e a posición favorábel das nacionalistas a dar cumprimento á lei estatal de memoria de 2007 impulsada polo goberno Zapatero.

O Comité que tamén -como informamos hai uns días- se entrevistou co alcalde, Antonio Puga, de Celanova Decide, quen asumiu a petición de que a demanda de retirada da cruz se escoitase no pleno, non recibiu resposta do PP de Celanova, que despachou o asunto por medio dunha publicación en Facebook do seu portavoz municipal na que afirmaba que “a historia temos que contala toda, sen ocultar unha parte” e que para “contar ben a historia” débense utilizar “canais éticos nos que todos estamos de acordo”.

O informe elaborado durante máis de dous meses polo Comité cun traballo de documentación en arquivos e outras fontes en Celanova, Ourense, Ferrol, Madrid e Figueres conta por primeira vez en oitenta anos unha parte significativa da historia de Celanova, a que transcorre nos meses de verán do 39, co triste protagonismo dunha unidade militar, a Bandera da Falange de Marruecos, mandada por un militar fillo dun celanovés, Joaquín Ríos Capapé, que como ben anotou Suso de Toro hai unhas semanas empezou a guerra sendo dos primeiros sublevados e rematouna chantando un monumento fascista na terra de seu pai. Este Comité descoñece cales son os canais que pretende utilizar o PP para “contar ben a historia” e afirma que só hai unha posición “ética” a respecto do que aconteceu: a verdade, unha verdade que permaneceu silenciada durante varias xeracións e que hoxe é pública grazas ao esforzo deste Comité.

Esperamos pois que os representantes políticos democráticos das veciñas e veciños de Celanova debatan, acorden e cumpran de vez a lei de 2007 e rematen co esquecemento, a humillación e o medo das vítimas segundo os principios sancionados polas Nacións Unidas de verdade, xustiza e reparación.

Moitas grazas a Celanova Decide por ternos escoitado e moitas grazas ao PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego por ter escoitado e animado esta iniciativa. Estas tres formacións dispoñen dos votos necesarios para deixar que o pasado saía, democraticamente, pola porta do presente oitenta anos despois daquel verán do 39.

EN PRENSA

BADALNOVAS

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/03/20/piden-celanova-cumpla-ley-memoria-43575748.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2021/03/20/celanova-retira-cruz-outeiro-da-obra-sera-debatida-pleno/0003_202103O20C6994.htm

Leopoldo Rodríguez, do BNG, co informe do Comité este xoves.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario