✍️ Autor: Pablo Sánchez
A vitoria da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro de 1936 trouxo consigo o nomeamento de novas autoridades provinciais. A principios de marzo o novo gobernador civil de Ourense, Agustín Carrascosa, visitou diferentes vilas, entre elas Celanova, onde o Concello estaba en mans dunha corporación conservadora e continuísta, con varios concelleiros procedentes da Ditadura de Primo de Rivera.
O 14 de marzo de 1936 o gobernador civil de Ourense tomou a decisión de substituír á corporación municipal, ante a denuncia de varios veciños, alegando que os seus membros “no responden a los deseos de la opinión pública, hallándose en pugna y en abierta contradicción con la voluntad nacional manifestada de un modo ostensible en las pasadas elecciones”. Consideraba, ademais, “que la continuación en sus cargos de los referidos Concejales, originaría graves desordenes públicos en ese término municipal”
O día 15 de marzo, ás once da mañá, reuníronse na alcaldía os novos concelleiros in pectore para cumprir as ordes do gobernador civil e constituíren o novo grupo de goberno formado por:
▪️Benito Cancela, comerciante e masón, dono do Hotel Cuba en Celanova. Izquierda Republicana (IR)
▪️Enrique López Molina, mestre de Castromao. (IR)
▪️José Borrajo Nogueira, mestre de Viveiro. (IR)
▪️Abel Carvajales Gutiérrez, mestre de Ansemil, presidente da Asociación de Maestros Nacionales de Celanova. (IR)
▪️Luis Pérez Rodríguez, labrador, de Mourillós. Partido Galeguista (PG)
▪️(Celso) Emilio Ferreiro Míguez. (PG)
▪️José Feijoo Álvarez. PCE
▪️Francisco Díaz Díaz, chofer, de Vilanova dos Infantes. PCE
▪️Constantino Feijoo Álvarez, carpinteiro, de Vilanova dos Infantes. UGT
▪️Francisco Martínez Núñez. UGT
▪️Manuel Álvarez Rodríguez, panadeiro. Celanova. PSOE
▪️José Abraldes Corral. PSOE
Da nova corporación podemos destacar a gran representatividade de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña, con 4 concelleiros. Chama a atención a diversidade de profesións, a presenza de varios mestres, e a procedencia de fóra do núcleo da vila de boa parte dos cocelleiros.
Unha vez tomaron posesión dos seus cargos os concelleiros nomeados polo gobernador, presididos polo de máis idade, que resultou ser José Abraldes, procederon a elixir alcalde, resultando vencedor Benito Cancela que pasou a ser investido “en medio de aplausos del público concurrente a este acto”, segundo a acta da sesión do pleno. Acta que o concelleiro Celso Emilio Ferreiro non firmará, renunciando ao día seguinte por “incompatibilidad con el organismo al que pertenece”, a Federación de Mocedades Galeguistas.
Despois de elixir aos tres tenentes de alcalde, ao síndico, e formar as diferentes comisións (Facenda, Fomento, Abastos e Ensinanza), o novo goberno fixou a tarde dos xoves para celebrar tódalas semanas unha sesión oficial. O acto rematou co izado das bandeiras nacional e galega na fachada do Concello e a interpretación dos himnos español (o Himno de Riego, naqueles momentos) e galego por parte da banda municipal.
A chegada da Fronte Popular, unha amalgama de partidos políticos de esquerdas con sensibilidades distintas pero converxentes, trouxo consigo cambios notables na actividade dos plenos con respecto á corporación anterior, que se traducirían nunha maior preocupación polos asuntos clave da política republicana (democracia, laicismo, educación, cuestión social…) atendendo tanto aos problemas da vila como dos núcleos rurais. Un dos acordos máis notables foi a instalación das escolas nos baixos do mosteiro e a campaña a prol da consecución dun Instituto para a vila.
A corporación frentepopulista de Celanova estaba cargada de ideas e ganas de traballar. Porén, a súa estancia á fronte do Concello de Celanova só durou uns catro meses, posto que se viu truncada definitivamente coa cuartelada de xullo de 1936, acabando boa parte dos seus membros entre os muros do mosteiro-prisión, desterrados, encarcerados, sancionados, expropiados e exiliados.
0 comentarios