☑ Quen levantou o monumento falanxista no Outeiro da Obra?

🔳 Foi unha iniciativa da Bandera de Falange de Marruecos, que era unha unidade paramilitar, integrada no exército franquista, formada por voluntarios falanxistas de Ceuta, Melilla e o Protectorado marroquí. Na composición da Falanxe de Marrocos predominaban os exlexionarios, acostumados a un estilo de guerra colonial. Aínda que tamén houbo falanxistas rifeños, eran unha minoría. A Bandera de Falange de Marruecos chegou a Celanova rematada a guerra, no verán de 1939. No 36, ao cruzar á Península foi trasladada a primeira liña, participando na conquista de Toledo e Estremadura e, finalmente, no asedio a Madrid. De feito, foi as primeiras unidade dos sublevados en entrar na capital, ao fronte da 18ª División ao mando do coronel Ríos Capapé -quen terá o seu propio capítulo nesta infame historia da rebelión contra a República, a guerra e a represión-.

«Otra vez rehecha la Bandera, se vio mandada por el comandante don Nemesio Fernández Cuesta y bajo sus órdenes formando parte de la Columna Yagüe y mezcladas ya en sus filas los falangistas marroquíes con los restos de las Banderas canarias, actuaron en toda la campaña durísima del Jarama, y después en la célebre batalla de Brunete donde al lado de la Legión, se cubrió nuevamente de gloria, así como durante largos meses en la poco brillante pero muy expuesta guerra de minas y aguante en los Carabancheles, Barrio de Usera, Carretera de Extremadura y más tarde ya bajo las órdenes superiores del heroico general Ríos Capapé en la epopeya de defensa de la Ciudad Universitaria» [Semanario Fotos, 13 de maio de 1939]

🔳 As baixas que sufriu a Bandera fóranse cubrindo con milicianos falanxistas doutras unidades peninsulares e un grupo de canarios. Porén, no recordo dos celanoveses e dos presos quedaron identificados, sen distinción, como “moros”, se cadra pola súa indumentaria que incluía o sombreiro árabe que tamén utilizaban os regulares, coñecido como fez ou tarbush.

🔳 Nemesio Fernández-Cuesta era un dos irmáns do secretario nacional do Movemento, Raimundo. Cando chega a celanova, a Bandera vén mandada por Sánchez Ocaña, consta a presenza de Fernández-Cuesta con posterioridade na vila en actos da unidade, entre eles, o da na inauguración do memorial falanxista. Nemesio Fernández-Cuesta participou na División Azul e, á súa volta foi nomeado director de semanario Redención, destinado aos presos, e do xornal Marca, así como procurador a Cortes en varias lexislaturas durante o franquismo.

☑ Que pegada deixou a violencia desa tropa mandada por fascistas?

🔳 Rematados os fastos da vitoria, as unidades que compuñan a 18ª División foron despregadas pola provincia ourensá. Os falanxistas da Bandera de Marruecos chegaron a Ourense a tarde do domingo 16 de xullo de 1939. Desfilaron triunfais pola rúas da cidade ata o xardín do Posío, onde esperaban os automóbiles que os trasladarían a Celanova. O destacamento estaba composto por 700 homes, 18 oficiais e 27 suboficiais que mandaba o comandante Sánchez Ocaña. De acordo co diario Arco, unicamente permanecerían na capital de provincia os servizos de Sanidade e Automobilismo.

🔳 A Bandera de Falange de Marruecos deixou unha pegada de terror en Celanova. Apenas permaneceu dous meses. Nese período regaron de sangue o cárcere. Testemuñas orais lembraron os metrallamentos indiscriminados, no interior da prisión e desde as garitas de fóra, que provocaron feridos e mortos. Un caso que ficou na memoria colectiva da vila aconteceu o 1 de agosto. Resultaron feridos 10 presos a primeira hora da mañá mentres se aseaban. A vesania e a crueldade fascista foi a súa carta de despedida. O 22 de agosto de 1939 foron fusilados pola Bandera sete homes: Abelardo Suárez del Busto, 28 anos, albanel, natural de Xixón; Alfonso Moreno Gayol, 26 anos, chofer, natural de Salamanca; Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos, pintor, natural de Xixón; Belarmino Álvarez García, 29 anos, mineiro, natural de Sama de Langreo; Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos, chofer, natural de Mieres; Marcelino Fernández García, 21 anos, mecánico, natural de Mieres; e Mariano Blanco González, 36 anos, litógrafo, natural de Xixón.

🔳 Estes fusilamentos son os únicos que tiveron lugar, oficialmente, na Prisión Central de Celanova, xa que os condenados a morte eran xeralmente trasladados a Ourense para a súa execución. Correron a cargo da Bandera de Marrocos. Este Comité mantén aberta unha liña de investigación para rescatar a memoria daquelas vítimas coa colaboración de asociacións memorialistas de Asturias e Castela.

🔳 O día 24 de setembro, coincidindo cos actos da Mercé, a Bandera de Marruecos abandonou Celanova, non sen antes participar nos preceptivos actos militares e relixiosos que tiveron como centros a Prisión e o lugar de Outeiro da Obra, onde xa se erguía o monumento á barbarie, perenne ameaza daquelas semanas de medo e sangue. Aí segue para vergoña das institucións democráticas e das xeracións actuais.

ASINA O MANIFESTO PARA RETIRAR DE CELANOVA O SÍMBOLO FASCISTA

➡️ https://forms.gle/a2v7c8G4M5Mhf4HH7 ⬅️

☑ As 500 pesetas

🔳 Días despois do golpe de Estado do 36, a corporación republicana foi apartada das súas funcións. Nos primeiros meses, un mando militar ocupou a alcaldía. E a continuación o mando militar nomeou unha xestora que se foi renovando. A corporación consignou unha partida de 500 pesetas para os actos da homenaxe de despedida da Bandera.

🔳 O acordo para esta partida tivo lugar na sesión extraordinaria do 11 de agosto de 1939, e rexistrouse na acta do seguinte modo: “A continuación por unanimidad de los concurrentes se acuerda que este Ayuntamiento contribuya con la suma de quinientas pesetas como suscripción al homenaje de que se hará objeto a la Bandera de Marruecos, que guarnece esta plaza de Celanova, y que como no existe en el presupuesto cantidad alguna para tal objeto, que dicha suma sea anticipada por el Depositario de fondos municipales, reconociéndosele tal crédito a su favor y a percibir con cargo al presupuesto de mil novecientos cuarenta”.

🔳 A débeda co Depositario saldouse por acordo na sesión do 15 de novembro de 1939. No apartado de “gastos” do orzamento municipal, anótase a débeda con Juan Vázquez, o depositario: “a Don Juan Vázquez anticipado para homenaje a Bandera de F.E.J. de Marruecos: 500 ptas.” Na mesma acta e no mesmo capítulo de gastos do orzamento consígnase o salario do médico (“Sr. Meixengo”). O salario do Médico municipal nesa altura era de 4.000 pesetas/ano máis trienios. A subvención anual para “Organizaciones Juveniles” era de 500 pesetas. A información aparece na acta do 17 de setembro de 1938, na que se recolle o debate suscitado pola petición de Manuel Gago Justo, delegado local de Organizaciones Juveniles, solicitando un aumento da subvención municipal que se lle nega indicando que recibe outras axudas provinciais.


1 comentario

A Memoria de Celanova, da man do Goberno de Asturias na investigación dunha fosa común no cemiterio de Celanova – Vía Lethes · 31 Maio, 2021 ás 12:06 p.m.

[…] en 1938 e condenados a pena de morte. A comezos do ano seguinte foron trasladados a Celanova. E as súas execucións tiveron lugar o día 22 de setembro de 1939 a cargo da Bandera de Marruecos, a mesma unidade que mes e medio antes tiña levantado o símbolo franquista que o Comité […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario