Por que o monumento está afectado pola Ley de Memoria Histórica?
O monumento falanxista aos caídos “por Dios y por España”, considerados mártires polo bando sublevado contra a Segunda República, está situado a 595 metros da praza Maior de Celanova. O lugar era coñecido tradicionalmente como Monte da Obra, cunha cota de 614, algo máis de 80 metros sobre a cota da vila. Orientado cara o nacente, é visíbel desde moitos puntos do casco urbano; e nunha distancia de máis de 3 quilómetros nun arco de noroeste a sur.
A parte principal do monumento contén os seguintes elementos: unha plataforma de dous chanzos sobre unha gran rocha natural; un pedestal de dous corpos. Un corpo baixo troncopiramidal de catro caras, co escudo oficial do bando sublevado en versión simplificada gravado na cara oeste, e na cara oposta, a lenda: “A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y España”. E un corpo alto de forma cúbica, de menor tamaño, co emblema de Falange Española, formado polo xugo e as frechas, labrado por enriba do escudo franquista; e a cruz latina de pedra, coa firma do escultor o canteiro, que asinou como Iglesias.
A rocha foi desbastada para facer unha pequena escalinata, polo que se pode rodear a cruz de preto. Ao pé do monumento sitúase un altar de cachotería irregular, en parte labrado na rocha.
Ladeira abaixo, aínda se pode ver o espazo que ocupou unha placa de cemento onde, segundo varios testemuños, existía unha inscrición en tributo da Bandera de Marruecos, a unidade militar que impulsou o monumento.
Por que permaneceu oculto o carácter fascista do símbolo?
O monumento foi levantado en 1939, mais desde a aprobación da Constitución en 1978 -é dicir, hai máis de 42 anos- a investigación completada por este Comité é a primeira pescuda histórica que se leva a cabo sobre o monumento. Ningunha das corporacións municipais democráticas no lapso de trinta anos, entre 1977 e 2007; nin ningunha das seguintes desde ese último ano no que se aprobou a Ley de Memoria Histórica iniciou traballo ningún para desvelar o carácter do memorial. Tampouco o fixo ningunha outra institución académica ou privada.
Nestas catro décadas en democracia tivo que ser a iniciativa veciñal dun grupo de persoas da vila e da comarca, cos seus propios medios, sen axuda institucional, mais cun amplo apoio por parte do movemento memorialista galego, a que acometese o traballo e documentase o carácter do símbolo como elemento de exaltación do golpe de Estado do 36, a represión e a ditadura franquista.
Atópase nun entorno natural acondicionado durante os anos oitenta como área recreativa, encargándose o Concello da súa conservación, polo que entendemos que a titularidade do emprazamento é de propiedade municipal. O acondicionamento non eliminou o símbolo franquista.
Este Comité considera que situar ese monumento nun lugar elevado, en posición dominante sobre a vila de Celanova, responde a unha decisión deliberada polos promotores -a Bandera de Falange de Marruecos, co visto bo da corporación franquista.
Como aplicar a lei e reconverter o lugar nun espazo de memoria?
Entre os fins deste Comité figura o de impulsar a retirada de todos aqueles símbolos que impliquen unha exaltación pública do franquismo de acordo co establecido no artigo 15.1 da Ley de Memoria Histórica de 2007 sobre “símbolos e monumentos públicos”, que di: “As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Entre estas medidas poderase incluír a retirada de subvencións ou axudas públicas”. Nun traballo recente o avogado Eduardo Ranz, que no 2015 denunciou o Concello de Celanova pola persistencia de simboloxía franquista, sinala: “O uso da norma [a Lei de Memoria], así como a xurisprudencia, estableceu que a retirada de vestixios e obriga municipal”.
O movemento memorialista en todo o Estado e a xurisprudencia que nestes trece anos foi asentando propoñen unha interpretación ampla da lei. Non é suficiente coa simple retirada do símbolo, xa que sería como decretar unha sorte de ‘damnatio memoriae’, unha condena ao esquecemento, cando o que se realmente se pretende non é nin borrar nin cambiar a historia. O que se pretende e coñecela e divulgala entre as xeracións coetáneas, e que os espazos que noutrora foron exaltación da violencia e da ditadura se convertan en lugares de memoria nos que se fomente a defensa dos dereitos humanos e os valores cívicos da democracia.
0 comentarios