Entre as máis de mil sinaturas recibidas desde que o pasado martes se fixese público o manifesto para a eliminación do monumento falanxista no lugar de Outeiro da Obra, en Celanova, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova continuou recollendo apoios entre o movemento memorialista galego, e tamén doutras partes do Estado. Así, desde o martes sumáronse ao manifesto investigadores Luis Lamela García, Anxo Serafín Porto Ucha, Xoán Carlos Garrido Couceiro, Adrián Presas Sobrado, Francisco Xavier Redondo Abal e Cecilio Gordillo, coordinador da web todoslosnombres.org. Tamén se adheriron o deputado do BNG e responsábel de Memoria Histórica do BNG, Luís Bará, e o expresidente do Ateneo Republicano A Coruña, Carlos Etcheverría Vázquez. Desde o Comité de Memoria Histórica do Val do Límia asinaron, entre outras, Iria Moreiras Santamaría e Lisardo Quintas Rodríguez. O xornalista Xosé Lois Carrión, dos Amigos da República de Ourense, e Mateo Martínez Torres, editor da Revista Mazarelos, tamén se adheriron.

Ademais, sumamos novas sinaturas de familiares e mesmo vítimas da represión franquista, como a de Xulio Pérez, catedrático de Bioloxía no ensino secundario, veciño de Ramirás e sobriño-neto de José Pérez, fusilado en 1938 no cárcere de El Hacho en Ceuta; e a de Celsa Diaz Cabanela, ex presa política e distinguida como republicana de Honra 2019 pola CRMH A Coruña. Esa mesma distinción recibiuna no 2020 Marco A. Santos Soto, militar expulsado do Exército español por facer públicas as súas críticas á institución, que tamén asina, igual que Manuel Ruiz Robles, capitán de navío, ex UMD. E María Beatriz Gómez Amigo, expresidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, sumouse estes días á iniciativa.

No plano local, o Comité destaca e agradece enormemente os apoios do exalcalde Gregorio Álvarez Medela, rexedor entre 1983 e 1985 ao fronte de Coalición Galega, o do artista plástico Baldomero Moreiras, e o do escritor, enxeñeiro e exdirector xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza.

Recibíronse ademais novas adhesións de entidades e colectivos culturais e veciñais e mesmo políticos, entre eles, os da Agrupación Cultural Auriense de Ourense, a Fundación 10 de Marzo, a Asociación Cultural Vagalumes de Tabeirós-Terra de Montes, a Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros, a da comunidade de montes de man común Fe de Paraños de Covelo, a CNT de Vigo, a comunidade dixital Orgullo Galego e a da Plataforma Antifascista Galega, entre outras.

Desde outros ámbitos, tamén asinaron destacados profesionais como o presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia, Paco Sarria, e os xornalistas como Gustavo Luca de Tena, Tino Lago Vargas, director de A Nova Peneira, ou Xesús M. Piñeiro, subdirector de Nós Diario; así como a psicóloga Chus Díaz Anca; a profesora de Filosofía, Mercedes Oliveira Malvar, e o profesor Rafael Martínez Castro; o catedrático de Pedagoxía da USC, Antón Costa; o profesor de Ciencias da Comunicación, Manuel Outeiriño, e tamén Xosé Cuns, empresario social e director da EAPN; o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Fernández Rei, e os avogados Guillermo Presa Suárez e Fernando Blanco Arce, ambos vinculados á defensa dos dereitos humanos. Tamén mostraron o seu apoio a sindicalista e activista feminista Laura Bugalho, ou produtores locais comprometidos co desenvolvemento rural como Santiago Rodríguez Cid, labrego de Cartelle, e o afinador de queixos, Julio José Alonso Feijoo.

No ámbito da cultura, continuaron chegando numerosos apoios, entre eles, os de Xosé Val Díaz, escultor e autor do memorial ás vítimas da comarca da Coruña, o gravador Xosé Poldras, o pintor e escultor Torres Cidre, a historiadoras da arte, Beatriz Liz de Cea, e Pepe Ballesta, director do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León; tamén, os escritores Darío Xohán Cabana, Henrique Rabuñal, Alberte Momán, Xosé Luís Santos Cabanas, Xesús Constenla, Francisco X. Fernández Naval, e o autor teatral Francisco Oti Ríos, entre outros. E os editores Xavier Paz e Paco Macías, fundador de Edicións Positivas; así como o colectivo da Revista Inviable, e o profesor e escritor Carlos Callón, ex presidente da Mesa pola Normalización. Os poetas Baldo Ramos e Xoán Carlos Domínguez Alberte –membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova–, e o xestor cultural Carlos Lorenzo Pérez tamén se sumaron á lista de adhesións, como a cineasta Xudit Casas, o xornalista e cineasta Aser Álvarez –membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e fundador de Arraianos, colectivo pioneiro na recuperación da memoria nesta comarcas do Limia e do Arnoia–. Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, o grupo A Quenlla, e Xosé Lóis O Carrabouxo, son outros destacados asinantes do manifesto que este domingo alcanzou os 1.300 apoios.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario