A esquerda política galega apoia categórica e totalmente a retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra, unha demanda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova feita pública a través dun Manifesto que este xoves xa suma máis de 650 adhesións.

Entre os asinantes, están o portavoz do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez, e o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. Tamén asinaron xa os parlamentarios nacionalistas por Ourense, Iago Tabarés e Noa Presas, así como o socialista Juan Carlos Francisco Rivera e o propio Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

Caballero fixo chegar onte mércores unha carta dirixida á presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, na que ratifica o apoio dos socialistas galegos a “unha reivindicación necesaria porque como dicides no voso manifesto, a eliminación do símbolo fascista que alimentou o medo durante máis de oitenta anos é unha oportunidade para dialogar co pasado, sobre todo con ese pasado que se negou: o das vítimas do franquismo que foron borradas da historia e que siguen precisando reparación e memoria”.

Iago Tabarés, Rodríguez Villarino, Leopoldo Rodríguez e Gonzalo Caballero.

Tamén líderes provinciais socialistas, como Zaida Rodríguez, concelleira en Allariz e secretaria de Igualdade do partido de Ourense, ou Jorge Luis María López, entre varios militantes das Xuventudes Socialistas, véñense adherindo o Manifesto estes días.

Desde o BNG, Leopoldo Rodríguez e o o responsábel comarcal do BNG Comarca Terra de Celanova-Baixa Limia, Manuel Ferro, emitiron tamén onte un comunicado no que ratificaban o apoio nacionalista expresado nas redes sociais en canto se fixo público o Manifesto. Os nacionalistas lembran que a eliminación do símbolo, “afectado pola Lei estatal de Memoria de 2007, figurou no programa electoral nacionalista para as municipais de maio de 2019, e foi incluído nos acordos de xuño desde mesmo ano con Celanova Decide para a investidura do actual alcalde”, e comprométense a impulsar tanto a elaboración dun catálogo municipal de símbolos franquistas como a sinalización dos lugares de memoria, ademais de pedir que a actual corporación emita “unha declaración de honorabilidade da última corporación republicana e dos funcionarios que foron represaliados tal e como aconsella o Comité”.

Os parlamentarios nacionalistas Xosé Luís Rivas e Mercedes Queixas e o portavoz municipal do BNG en Ourense, Luís Seara, son outros líderes nacionalistas que tamén asinan o Manifesto.

Categorías: Comunicados

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario