ENTREVISTA | Celia Inés Feijóo Soto
Presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Escribe Celia Inés:

Nacín en Vilanova dos Infantes. Son filla de Inés Soto Fernández e Constantino Feijóo Álvarez. Sendo nena meu pai emigrou a Guinea Ecuatorial. Recordo que lle metín na maleta unha florciña de Pascua que collín na horta da avoa mentres miña nai choraba na cociña.

Crieime ao acubillo de miña avoa, mestra en Vilanova, de miña nai e de meu tío Julio que tiña unha academia en Celanova. Aínda que meu pai viña cada ano e medio, notei moito esa falta, pero nunca nos faltou de nada.

Teño unha irmá maior, tamén mestra. Comecei os meus estudos no colexio das Madres Franciscanas de Celanova, alí estiven os catro primeiros anos. Logo de facer a reválida fun para Ourense para estudar o Bacharelato Superior e Maxisterio. Xa de nena me gustaba ser mestra, porque viña dunha familia de mestres: miña avoa, meu avó, miña tía avoa, meus tíos… e recordo con moito cariño cando de pequena escoitaba os nenos chegar á escola da miña avoa. Cincuenta nenos coas chancas, pisando e cantando a táboa e a min gustábame escoitalos.

Nacín na casa escola e crieime na casa de meus pais, na praza. Saín de mestra moi nova e incorporeime á miña primeira escola, en Santa Eufemia de Milmanda, a sete quilómetros de Celanova, un mes de febreiro de frío e de neve. Alí estaba toda a semana e volvía o sábado a casa. O señor da casa na que paraba mesmo me poñía un grilo debaixo da cama para que me cantara de noite. Coidábanme moito. Alí recibín o primeiro voto de graza da inspectora de zona. A segunda escola foi Rabal, tamén en Celanova. Estiven tres anos e alí recibín o segundo voto de graza.

Casei, e cambiou a miña vida. Pasei por Sabucedo, en Verea, antes de marchar para Pontevedra porque non entrei na concentración de Bande. Fun para Sanxenxo e despois para Dena en propiedade provisional. Quedou unha praza en Bande, chamáronme e vin vivir a Celanova, que tanto quero. Estiven doce anos. Teño moi bos recordos e deixei moitas amizades. Era a secretaria do colexio. Téñolle moito cariño a Bande.

Despois viñemos para Vigo, polo traballo de meu home. Sufrín ao principio porque estrañaba aqueles nenos cos que falaba galego. Aquí na cidade eran máis desconfiados e o galego non lles gustaba. Estiven nun colexio no centro de Vigo, Picacho, cinco anos. Suprimiron a praza de galego e morre meu home. Quedei viúva moi nova e trouxen a niña nai comigo, aquí finou. Avisaron dunha vacante na escola de adultos da universidade popular. Era para dar galego que era o que quería. Alí tiven moitísimos alumnas e alumnos. Foi unha experiencia marabillosa. Moitos graduados escolares dimos! Foron cinco anos moi bos. Foi xusto despois da morte de meu home, valéronme a vida… logo pasei por tres institutos: Santa Irene, Santo Tomé de Freixeiro e Alexandre Bóveda. Impartía galego na ESO. Xubileime en Primaria no Chouso, aquí diante da casa.

Esa foi parte da niña vida profesional. Teño tres fillos, un tamén é mestre e licenciado en Arte, outro está en Melilla. Alí teño unha neta que se chama Inés e falamos galego: avoa, bicos, grazas… o fillo máis novo fixo Turismo, traballa aquí en Vigo e está comigo.

Cando viñemos para Vigo afilieime a sindicato. Meu tío Luís, que foi fundador de ATEO, sempre dicía que había que afiliarse a un sindicato. Así empecei na FETE-UXT. El fora secretario de relacións internacionais do mesmo sindicato. Estiven na executiva e no comité nacional, levei a secretaría de Primaria. Despois entrei no PSOE.

Na miña época en Bande, eu xa era simpatizante do partido. Cando veu Felipe González, que aínda non era presidente, leveino visitar a tumba de Celso Emilio. Estiven na executiva aquí en Vigo con Carlos Príncipe. Levei a secretaría de Educación. Fun a número 14 na primeira lista de Abel Caballero no 2007. O 14 marcaba a maioría absoluta, pero non saín. Sigo no Comité Nacional galego con Gonzalo Caballero. Sempre tiven cargos orgánicos, de traballar; nunca tiven cargos de cobrar.

A Xunta de Galicia recoñeceu a carreira docente de Celia Inés Feijóo Soto en outubro do 2012.

Quen foi Camilo Soto Losada?

Meu avó. Era un mestre distinguido. El era tenedor de libros en Celanova, e cando casou coa miña avoa ela fixo que estudara para mestre. Pero el nunca tivo escola onde a miña avoa. Ela estivo en Podentes, onde naceu meu tío Luís, despois en Veiga, onde naceu miña nai, e despois xa se veu para Vilanova e alí botou corenta e tantos anos. El, o avó, tivo escola en Penosiños, Taboadela, Tamallancos. Os inspectores dicían que as escolas polas que pasou meu avó eran un exemplo, cando daba clases de ciencias naturais levaba os rapaces ao monte. Era un mestre freinetiano. Detivérono precisamente estando en Tamallancos. Detivérono porque el escribía nos xornais sinalando as cacicadas do gobernador, e porque querían que dixera onde estaba agochado meu tío Luís. Teño un escrito del no que conta un lance: “Un guardia civil me llamó viejo chulo, ‘¡anda p’adelante!’. Yo le dije: Yo no soy chulo que no vivo de las mujeres. Pues dígame dónde está su hijo? No sé dónde está, y aunque lo supiera no se lo iba a decir a usted, máteme si quiere pero no se lo voy a decir”. Detivérono e ingresou na prisión de Ourense. Despois trouxérono para Celanova. Non quería vir, porque dicía que os que chegaban a Celanova morrían todos. Tiña esa fama. A miña nai leváballe todos os días a comida da casa de Mama Sara, a avoa. El non comía. Púxose como mal da cabeza. O día que o ían fusilar miña avoa mandou miña nai falar con el. Despedirse… Topouno cunha toalla tapando a cabeza e estaba como tolo. O home que estaba con el na cela dicíalle: “Non se preocupe don Camilo que eu teño aquí unha navalliña e o que veña por vostede, a navallazo limpo”. Iso escribiuno nuns caderniños, que gardamos. Aquel fatídico día estaba tan nervioso que un dos carcereiros, que o coñecía, aconselloulle cambiar de cela. Cando chegou á porta da nova cela e viu o número 13, non quixo. Aquela noite fusilaron a Jacinto Santiago e a outros. A meu avó salvouno un policía honorario que mandaba o pelotón de execución. Fora algo mozo de miña nai, tiña cariño pola nosa familia. E dixo: “A don Camilo no lo saco yo”. Ao día seguinte Mamá Sara vestiuse cun mantón negro e, cun parente que era coronel castrense, presentouse en Ourense diante do Gobernador Civil. Pediu clemencia e salvouno da morte.

Que foi do avó a partir dese momento?

Destituírono de mestre. Foi vivir para a Calle Abaixo, en Celanova, onde un sobriño, o Manolo Soto, tiña unha casiña que hai alí onde as Tinocas. Aínda este ano funlle pedir á Tinoca que ma ensinara cal era, que xa non me lembraba… El esperaba a volta, a volta de democracia, que non chegou a ver. Era alto e delgado, orgulloso, ía sempre moi elegante cun traxe negro e cun bastón de puño de prata. Dicía que descendía dos condes de Losada… parecía Valle Inclán. A familia era de Maside, e o pai viñera de militar para Celanova. Subía todos os días á Gandarela onde un amigo comunista que tiña unha radio para escoitar Radio España Independiente: “aquí Estación Pirenaica, les habla la Pasionaria”… Dicía que non era nin comunista nin socialista, que era libre pensador pero simpatizaba coa esquerda. Tivo esperanzas pero a volta non a viu. Morreu a principios dos cincuenta. Veu morrer a Vilanova. A miña avoa tiña medo que non o enterraran en terra sagrada. Confesou recibiu o viático unha noite fría do mes da xaneiro para que se vira que don Camilio morrera cos santos sacramentos. Aquilo parecía a santa compaña. Está enterrado en Vilanova.

Quen foi Constantino Feijóo Álvarez?

Meu pai. El era de Vilanova dos Infantes. De solteiro foi emigrante. Foi a Bos Aires, foi a Cuba. A miña tía Candita, a irmá del, dicía que traía a maleta chea de revistas e libros. Ía moito á casa dos meus e alí fíxose comunista. Meu tío Luís fixo comunista a moitos en Vilanova. Meu pai tiña carné do partido. Na familia eran ebanistas. Fixeran algunhas obras en Celanova, e tivo o bar Administración. Despois da vitoria da Fronte Popular, no 36, foi tenente de alcalde de Celanova con Benito Cancela como alcalde. Foi a última corporación democrática antes do golpe de Estado. No último pleno meu pai pedira que se fixeran vivendas para os pobres e un instituto de secundaria, e hoxe temos un… Despois do golpe metérono uns días na cadea. Soltárono. A familia del era moi de dereitas e sacárono enseguida. Mais a avoa e a miña nai non estaban tranquilas. El tiña un irmán en Guinea, pero non lle daban o pasaporte para saír. Tivemos que meter recomendación. Finalmente puido emigrar. Botou alá vinte anos. Acabou traballando para o Estado, primeiro dando clases nunha escola de artes e oficios e despois como administrador nun orfanato de fillos de leprosos en Micomeseng. Cando marchou eu tiña 3 anos; cando volveu eu xa era mestra. Era moi espléndido, sempre traía os últimos inventos que lle pediamos. Un pai marabilloso!

A miña familia era un matriarcado. Mamá Sara era o tronco. Despois estaban a miña tía Marina, que era a pequena das fillas, moi intelixente, que ordenaba, e a miña nai, que executaba.

De Luís Soto tes escrito neste mesmo blogue. É unha figura ben coñecida. Que recordos máis vivos tes del?

A primeira vez que o vin foi durante unha visita que lle fixemos a Portugal, cando veu traer a miña avoa de México. Fomos miña irmá, eu e os curmáns de Ourense. Escoiteino dicirlle a miña nai: ” Inés, que mágoa, as nenas falan castelán”. E a miña nai responderlle: “Que queres? No colexio tiñan que falalo, senón rínseme delas”. Tamén lembro cando me dixo que me afiliara a un sindicato. Comigo nunca falou do que sufrira. Eu sei todo del pola miña nai. Cando morreu a Mamá Sara el estaba alí, en Vilanova. Morreu en marzo do 76. Miña nai foi a que agochou a meu tío Luís no 36 e a que foi buscar os cartos a Ourense xunto o tío Isaac, párroco da Trinidad de Ourense, para llos levar a Tourem, onde estaban esperando para fuxir cara a Lisboa. O cura non quería, pero conseguiu que llos dera, xa que a Mamá Sara non tiña un peso e miña nai xa vendera o enxoval da voda. Aquel cura era moi intelixente, dicían que ía para bispo. Axudou a estudar todos os sobriños: miña nai, a tía Marina, o Julio… o Luís non, porque marchara moi novo para a Arxentina. Conseguiron os cartos e miña nai foi unha noite cun portugués, morta de medo polo camiño. O home dicíalle: “Non se preocupe señora que son un cabaleiro”. Chegaron a Tourem e toparon o Luís e o Manolo de Mugueimes, o da Rosita Tejada. O Manolo volveu despois. Pero o meu tío marchou. Sacouno o PCE por Lisboa cara a Francia. Alí entrou nun campo de concentración até que puido pasar á zona republicana e chegar a Valencia. En Valencia foi onde Castelao o elixiu para acompañalo a América. Co tío Luís coñecín a Líster. Era un 25 de xullo, viñeron a Dena desde Compostela onde despois da manifestación a policía foi detrás deles e estaban medio feridos. De Líster si falaba moito meu tío. Traíalle o gerovital de fóra.

Tamén Julio, o outro tío, sufriu represión…

Meu tío Julio tívose que incorporar a filas no bando nacional. Estivo no Ebro. Foi axudante de Camilo Alonso Vega, que sería ministro con Franco. Ao rematar a guerra fixo oposicións a prisións e foi traballar á prisión de Santoña. Dunha vez collérono deixando pasar unhas cartas con comunicacións políticas. Destituírono. Volveu para Celanova e puxo a academia porque tamén era mestre. Pasados uns anos, o propio Alonso Vega intercedeu por el e despois dun xuízo na Coruña reingresou no corpo de prisións. Traballou na Coruña e en Ourense.

Cal foi o fío que mantivo viva a memoria na túa familia?

A miña familia era un matriarcado. Mamá Sara era o tronco. Despois estaban a miña tía Marina, que era a pequena das fillas, moi intelixente, que ordenaba, e a miña nai, que executaba. A miña nai foi a que foi ver o pai cando o ían fusilar, a que coidou do Luís despois da sublevación militar. Dicían na familia, eran moi esaxerados cando contaban as cousas, dun dedo facían un brazo. Eu de pequena durmía con miña nai porque meu pai non estaba. Ela contábame. As mulleres da familia sufriron moito. Mesmo unha irmá de Mamá Sara, a tía María, que tamén era mestra e tiña escola en Tosende, destituírona por problemas políticos do home e tivo que marchar para Barcelona traballar como institutriz. Despois volveu exercer. Lembro tamén un paseo co tío Luís por Celanova. Cruzámonos coa que fora a súa muller na República, Consuelo, chamábanlle a ‘Pimpinela’. Non a recoñeceu. Despois, da guerra, casou con Carmen, que coñecera no campo de concentración en Francia. Casaron en México. Miña avoa foi alá e quería casalos pola igrexa. O día que morreu a Mamá Sara penso que o Luís tampouco recoñeceu á Consuelo. Lembro que estaban na segunda planta da casa de Vilanova el e a miña nai chorando moitísimo. Abaixo, a miña tía Marina mandoume buscar á muller que preparaba os mortos. Era Consuelo, a quen queríamos moito na casa. Ao final foi ben aceptada por todos. Ela tivera un fillo co Luís, Oscarito, pero o Luís marchara. O rapaz, contábame miña nai, era moi bonito e acabaron adorándoo todas. Sempre lle tiñan o chocolatiño gardado e miña nai levábao sempre con ela. O neno morreu de meninxite aos oito anos con grande desgusto de toda a familia.

Celia Inés Feijóo Soto.

Mañá, día 16 de febreiro, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova presentará un manifesto no que pide eliminar un símbolo franquista. Como foi a primeira fase de recollida de adhesións ao texto?

Moi ben. O manifesto está tendo moi boa acollida. Temos que agradecer o enorme respaldo do movemento memorialista galego e dos historiadores e activistas que investigan e difunden a memoria histórica do país. Tamén recibimos adhesións desde Asturias, Salamanca, Madrid ou Euskadi.

Por que o Comité pide retirar ese monumento levantado despois da guerra no Monte da Obra?

O monumento do Monte da Obra é un símbolo político, un símbolo franquista. Hai unha lei que obriga, que esixe retirar este tipo de símbolos.

Como mestra, que lles diría as mozas e mozas que hoxe estudan no Instituto de Celanova sobre esta decisión do Comité?

Diríalles que hai que estudar e aprender ben a historia. Diríalles que hai que facer xustiza ás vítimas. Diríalles que ese monumento rende tributo á vitoria nunha guerra inxusta contra o goberno lexítimo da República. E que esa cruz non é un símbolo relixioso, senón un símbolo político que debe ser desterrado do mesmo xeito que por exemplo Alemaña desterrou todos os símbolos do nazismo.

En opinión do Comité, unha vez retirado o símbolo, que se debería facer?

Ese ten que ser un espazo de memoria. Esa é unha demanda compartida por todo o movemento memorialista en Galicia e no resto do Estado. Pediremos que o espazo se resignifique para que sexa un espazo que rememore ás vítimas do franquismo.

***

Categorías: Espazos da memoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario