“A liberdade non triunfou. A autoridade non triunfou.” (P. Valéry, 1942)
“En 1961, o exilio español rexeitaba a loita armada e a acción do Santa María non entraba na ortodoxia do PCE; así que ninguén tivo interese despois en explicar o que pasou” (Xavier Montanyà)
Pepe Velo, aquel poeta que fundou a Mocedade Galeguista en Celanova con Celso Emilio e outros, puxo o foco do mundo sobre a ditadura de Franco durante uns días hai agora 60 anos…
◾20.01.1961
O 20 de xaneiro de 1961 o Santa María parte do porto de La Guaira, en Caracas, con 650 pasaxeiros e 350 tripulantes a bordo.
“Acabada a II Guerra Mundial e comprobado que Franco non ía ser derrocado polos aliados, a maioría do exilio republicano resignouse, agás os impulsores do DRIL, moitos deles con cincuenta e pico anos, e que lonxe de se render, organizáronse militarmente”, di o historiador Xurxo Martiz Crespo.
“Non foi unha acción quixotesca, senón valente e arriscada, e puxo en evidencia o franquismo como unha ditadura e o antifranquismo republicano español como un exilio derrotado e conformista. Aparecen XoséVelo e o comandante Soutomaior [José Fernández], ambos os dous galegos de nación, como os últimos dos homes xustos para dicirlle ao mundo que no noso país non todos foron nin castrados nin domados”.
◾22.01.1961
O 22 de xaneiro, faltando un cuarto de hora para as dúas da madrugada un comando formado por 24 militantes do DRIL, dirixidos por un triunvirato formado por Pepe Velo, Galvão [Henrique] e Soutomaior toman a ponte de mando e fanse co control do barco. Na operación prodúcese un tiroteo debido ó que cae abatido o segundo contramestre e, ferido de gravidade, o segundo comandante.
Os compoñentes do comando nos que coinciden as fontes son: Henrique da Malta Galvão; José Fernández Vázquez Soutomaior; Xosé Velo Mosquera; Camilo Tavares Mortagua; Alfredo Yllanes Ferro; Francisco Manuel Rico Leal; Victor Velo Pérez (o fillo de Pepe Velo); Federico Fernández Ackermann; Jose F. de Oliveira; Julio Formoso; Basilio Losada; José Sesto; Sergio Álves e Luis Bello. Dispuñan, ao parecer de entre dez e catorce armas curtas.
A operación consistía en secuestrar un buque portugués o español de pasaxe, “desaparecer” un tempo e reaparecer nalgunha illa colonial das ditaduras (Fernando Poo, Príncipe ou São Tomé), tomar o control e, desde alí, organizar un grupo guerrilleiro en Angola para facer caer Salazar e finalmente, invadir España.
“Soutomaior, Galvão e Velo son o Estado Maior deste secuestro. Soutomaior, o estratega militar, Velo era a alma, ideoloxía e estratexia do DRIL, e Galvão o encargado de dar as declaracións aos medios”, explica Martiz.
Conta Manuel Mera nun artigo publicado estes días en La Región: “O día 22 pola noite o comando apropiouse do barco. A operación foi doada, agás algúns momentos de tensión, o que causou a morte dun oficial e que outro resultase ferido de gravidade. Segundo os plans iniciais o barco tería que se dirixir a Fernando Pó e despois a Luanda, co obxectivo de conseguir a sublevación das colonias. A rápida localización do Santa María, fixo mudar a estratexia, xa que deseguido o barco sería escoltado por naves de guerra norteamericanas.”
◾23.01.1961
O 23 de xaneiro o barco muda de nome e é bautizado como Santa Liberdade. O barco achégase ata a illa de Santa Lucía e por medio dun bote salvavidas, desembarcan ó ferido, así como a unha media ducia de pasaxeiros enfermos de menor gravidade.
A noticia da situación do buque espállase polo mundo moito antes do planificado polos asaltantes.
Para non ser acusados de piratería, evitaron tocar os 40.000 dólares da caixa forte do buque. Buscaban o recoñecemento internacional do “dereito ao acto insurreccional” contra un goberno ilexítimo nacional. Nunca arriaron a bandeira de Portugal para que o acto fose considerado un problema “interno” portugués. O goberno dos EUA, presidido por Kennedy, recén chegado á Casa Branca, tomou a iniciativa e responsabilizouse da busca do vapor.
◾24.01.1961
O 24 de xaneiro, primeiro a BBC e logo o resto dos principais medios informativos internacionais fanse eco das primeiras novas de alcance, nas que se informa de que “Un grupo de sesenta hombres capitaneados por Henrique Galvão se apoderan del transatlántico portugués Santa María”.
“O secuestro tivo unha repercusión internacional nos media nunca antes vista, e dúas ditaduras acomodadas e bendicidas polos Estados Unidos, debido ao anticomunismo dos seus ditadores e á Guerra Fría, volveron ser denunciadas ante o mundo por un feixe de valentes galegos e portugueses”, apunta Martiz.
◾25.01.1961
O 25 de xaneiro, o Goberno de Franco envía o Canarias e o goberno de Salazar ó buque de guerra Pero Escobar. Paralelamente o comando xeral do Santa Liberdade envía senllos comunicados á República de Ghana e a de Guinea, solicitando licencia para poder desembarcar, comunicados estes que non reciben contestación oficial de ningún dos dous gobernos.
O presidente de Estados Unidos, John Kennedy, comparece en rolda de prensa ese día para anunciar que un avión localizou o barco. Humberto Delgado asume a responsabilidade moral do secuestro desde Río de Janeiro e insiste en que a intención é política -conta o xornalista Henriqe Mariño nunha reportaxe de hai uns anos no diario Público-. “Kennedy, consciente diso, deixa claro que os seus navíos non van abordar o barco, senón escoltalo”.
☑ Nota: Humberto da Silva Delgado (1906, Brogueira, Torres Novas). Militar que apoia o golpe do 28 de maio de 1926. Ascende rapidamente na xerarquía do réxime de Salazar. Participa nas negociacións cos Estados Unidos de América para a instalación de bases nas Azores. En 1950, o seu amigo Henrique Galvão é encarcerado. E enviado como Agregado Militar a embaixada en Washington. En 1958 é nomeado xeneral, mais permanece nos EUA. Postúlase como candidato á presidencia de Portugal contra o almirante Américo Tomás, apoiado por Salazar. Foi derrotado e convértese nun símbolo de resistencia. Funda o Movemiento Nacional Independente. En xaneiro de 1959 é suspendido do servicio activo. Refúxiase na embaixada de Brasil e en abril obtén o asilo político e marcha para Río de Janeiro. Ese mesmo ano, funda en Venezuela o DRIL. Durante o secuestro, el permanece en Brasilia e Recife, negociando coas autoridades brasileiras. No 61 regresou clandestinamente a Portugal, acompañado pola súa secretaria, para participar no asalto ao cuartel de Beja. Acabou os seus días asasinado, xunto á súa secretaria, perto de Villanueva del Fresno, Badaxoz, en febreiro de 1965.
◾26.01.1961
O 26 de xaneiro os xornais de todo o mundo fanse eco de que o ideólogo de toda a operación e un galego de Celanova “que se hace llamar profesor Velo”.
Un motín dos pasaxeiros complicou o obxectivo, pero tamén deixou ás claras o papel que exercía cada un dos líderes no secuestro. Velo, galeguista e cunha oratoria espléndida tomou a palabra como estratega. Non lle fixeron caso. Galvão, máis enérxico e voceiro do grupo, intentouno a berros. Tampouco triunfou e o balbordo seguiu. Daquela apareceu Soutomaior e pegou varios tiros ao aire. Mandou calar e os amotinados calaron de vez. Así era el. (explica nunha reportaxe sobre Soutomaior o xornalista Miguel Pardo).
“Soutomaior era anarquista, comunista, galeguista, revolucionario… Era un idealista”, di Martiz nese texto. Sutomaior era da Pobra do Caramiñal, despois da guerra marchou a Francia, en 1948 abandonou Europa e foi Venezuela. Deixou o PCE e a finais dos 50 foi un dos fundadores do DRIL.
“Pepe Velo (de alcume Carlos Junqueira de Ambía), Xosé Fernández (Jorge de Sotomayor), e Henrique Galvao. Eran tres personalidades moi distintas, coas valías necesarias pra levar adiante unha tarefa tan arriscada, porén incapaces de manter o proxecto posteriormente, o que amosa que o DRIL tiña unha función moi especifica e conxuntural”, lembra Mera.
No Reino Unido, o Almirantado ordena que o buque de pasaxeiros portugués seguise sen uso da forza. Nunha declaración que fixo na Cámara dos Comúns, o Primeiro Lord do Almirantado di que o goberno da Súa Maxestade, en virtude da súa alianza tradicional con Portugal e baseado na lei internacional de piratería e no feito de que o secuestro se producira en augas internacionais, tiña pleno dereito a interceptar o barco de bandeira portuguesa.
A posición do Departamento de Estado dos EUA baseouse no xurista Green Haywood Hackworth, que guiado por unha opinión emitida en 1855 polo Tribunal Federal de Nova York concluíu: “un barco pertencente a rebeldes que non foron recoñecidos non se considerará un barco pirata dedicado á práctica da piratería se limita as súas actividades ao Estado de orixe”.
O almirante Smith da Armada dos Estados Unidos de América negociou por radio unha entrevista persoal con Galvão. El acepta e o Santa María dirixe a proa cara a Cabo San Roque (nordeste de Brasil). Mentres non se produza esta entrevista, o DRIL “acepta a protección dos barcos estadounidenses contra posibles ataques das flotas portuguesas e españolas”.
◾27.01.1961
A edición do 27 de xaneiro de 1961 do xornal falanxista Arriba informaba que só seis dos “setenta asaltantes” (seguían sendo 24 os membros do DRIL) eran portugueses, “máis non se informaba da nacionalidade do resto do comando, omitindo quizá voluntariamente a nacionalidade española de boa parte dos revolucionarios”, escrebe Armando Recio García. “Probablemente o xornal debía contar con dita información. É sintomático que constantemente destaque a conspiración comunista contra os países peninsulares, cando en ningunha das crónicas se menciona o nome de España, senón que concentra todas as noticias en Portugal, sen mencionarse sequera o nome do comando e moito menos o dos españois que, xunto a Galvão, dirixían a operación”.
Margarita Ledo dixo nunha entrevista en Página 12: “O franquismo converteu o feito histórico nunha fábula de piratas e alentou o silencio como se se tratase dunha cuestión soamente portuguesa”.
◾28.01.1961
O 28 de xaneiro o Santa Liberdade é localizado por un avión da Armada americana fronte as costas de Brasil, e navega custodiado polos destrutores Gearing e Domato, así como polo submarino nuclear Seawolf, así como por algún outro barco da Mariña brasileira.
“Procuramos levar unha vida o máis normal posible, polo que se mantiveron as comidas e as festas. Había que tratar de diminuír o impacto na xente, que estaba preocupada”, rememora Víctor Velo, fillo de Pepe Velo, no relato de Henrique Mariño.
◾29.01.1961
O 29 de xaneiro comezan as conversas do Almirante da VI Flota, Allen Smith, que derivaría nunha visita dunha delegación americano-brasileira ao barco. O capitán Maia é testemuña dunha acta de arqueo realizada na caixa forte do barco, co fin de que xuridicamente non puidese ser considerado un acto de piratería e si de sublevación política, como o DRIL pretendeu dende un principio
◾30.01.1961
O 30 de xaneiro o Estado Maior do DRIL reúnese no salón da biblioteca do Santa Liberdade para estudar a estratexia a seguir ante a inminente reunión abordo cos responsables da VI Frota da Mariña americana. Calquera acordo tería que pasar inexorablemente por recoller nun documento o carácter político da intervención.
“Desde o seu nacemento, o DRIL tivo uns principios profundamente democráticos, críticos e estivo orientado a estabelecer relacións con outras organizacións republicanas, nacionalistas vascas e catalás e antifranquistas republicanas españolas no exilio, malia o rexeitamento e a belixerancia do exilio republicano acomodado do PSOE e outras organizacións contra o propio DRIL” (Martiz)
◾31.01.1961
A bordo do Santa Liberdade ten lugar unha reunión con Velo, Soutomaior e Galvão, na que participan o segundo comandante da Flota do Atlántico, Allen Smith, o xefe do Estado Maior desa mesma Flota, Ebenezar Portes, así como outros mandos tanto americanos como brasileiros.
“Smith quedou firme durante os dez minutos que duraron o himno portugués, o himno americano, o himno galego e o da República, aínda que non entendeu nada”, recorda Víctor Velo no texto de Mariño.
No xornal Arriba, Alfonso Lizón, correspondente en Lisboa, laiábase: “El Santa María se encuentra a unas pocas millas de Recife, puerto del norte del Brasil, rodeado de navíos de guerra americanos, que inexplicablemente no le han abordado aún, (…) Parece increíble la morosidad de movimiento, la poca prisa y el poco interés que se pone en resolver la cuestión…”.
“Acordan desembarcar todos os pasaxeiros e tripulantes no porto de Recife. O DRIL consegue o recoñecemento internacional. Ás 12.00 horas en Brasilia Jânio Quadros toma posesión como presidente do Brasil. O xornalista francés Gil Delamare salta en paracaídas e consegue subir ao Santa María. A súa reportaxe dará a volta ao mundo. Serán as primeiras fotos dos membros do DRIL”, relata a páxina en Facebook Santa María/Santa Liberdade, e continúa; “Pasaxeiros, tripulantes e membros do DRIL, así como o mundo enteiro, agarda o telegrama do presidente brasileiro Jânio Quadros para que o Santa María atraque en Recife, e os revolucionarios reciban asilo político.
Nos días seguintes, o Arriba insistirá: “Ha sido realmente penoso ver al almirante Allen Smith escoltar modosamente el buque corsario y aceptar la invitación de Galvão para visitarle a bordo del Santa María, parlamentar con él y, tras cuatro horas de cháchara, regresar a su buque de guerra sin haber conseguido nada”, e criticaba á administración Kennedy, “chegando mesmo a comparar o caso cunha nova Sierra Maestra”, explica Armando Recio.
◾01.02.1961
O día 1 de febreiro, Jânio Quadros, presidente de Brasil, remite dende Brasilia un comunicado ó barco, dirixido a Galvão, no que le fai saber a concesión do dereito de asilo en territorio brasileiro. O acordo de desembarco en Recife e de entrega do barco ás autoridades brasileiras é definitivo.
◾02.02.1961
O día 2 o goberno brasileiro concédelle permiso ó Santa Liberdade para entrar nas súas augas territoriais. Á espera do desembarco, a 15 millas de Recife, prodúcese un conato de motín abordo, que é aplacado por un encendido discurso de Pepe Velo. Ás 11.10 h. da mañá, acompañado polos remolcadores Estaçao de Coimbra e o Mestre Antonio, o barco bota áncoras nas cercanías do peirao número dous do porto de Recife, empezando a descender a pasaxe.
Humberto Delgado sube o barco e mantén unha reunión con Galvão primero, e seguidamente co DRIL. Decédise desembarcar aos pasajeros e negociar coas autoridades brasileiras.
“Desembarcaron los pasajeros y tripulantes en medio de una gran multitud y el comando aceptó quedarse en Brasil. Las autoridades brasileñas concedieron el status de asilo político a los miembros del DRIL y el barco fue entregado a la Compañía Colonial de Navegación”, narra no seu blogue Juan Carlos Díaz Lorenzo.
“El Potemkin luso, salvando las evidentes distancias, se ha convertido durante doce días en una República Ibérica en alta mar”, remata a reportaxe Henriqe Mariño no Público.
◾03.02.1961
O día 3 de febrero ás 18.30, os revolucionarios depoñen as armas e entregan o barco ao almirante brasileiro Fernándes Días.
“Despois do secuestro do Santa María sobrevén unha crise agochada e afogada na adrenalina do secuestro do transatlántico. Unha vez chegados ao Brasil, despois do asilo concedido polo recentemente electo presidente Jânio Quadros, os membros máis prominentes do DRIL tomaron un rumbo político distinto dentro da organización revolucionaria. Semellaban existir tantos DRIL como membros e ideólogos tiña”, conclúe Xurxo Martiz.
E engade Díaz Lorenzo: “Los pasajeros del Santa María fueron transbordados al Vera Cruz, que salió de Recife el 5 de febrero y arribó a Lisboa el día 14, después de hacer escala en Tenerife, Funchal y Vigo. El 7 de febrero, el trasatlántico Santa María salió de Recife y el día 16 atracó en la capital lisboeta, procediendo, a continuación, a varar en el dique seco de Astilleros de Cádiz, donde permaneció en obras de carena hasta el 23 de marzo, en que se reincorporó a la línea de Venezuela, siendo sustituido durante ese tiempo por el Vera Cruz“.
Velo, Galvão e Soutomaior despois do Santa María
“No Brasil a carencia de organización, a dirección personalista en Venezuela, unida a un «axente provocador en Europa (Abderramám Muley, alcumado Manuel Rojas)», fixeron que a desaparición do DRIL acontecese máis rápido. (…) A expulsión de Xosé Velo Mosquera por non «atender» as ordes da Dirección e de Rojas por ser un axente franquista feren de morte á organización armada”, conclúe Xurxo Martiz. “Para Galvão a historia do DRIL remata coa chegada a Recife. Concedido o asilo político, a súa figura esmorece ante a doutro asilado portugués: Humberto Delgado. O comandante Soutomaior, que marchara a Venezuela pouco tempo despois, renunciara á Secretaría Xeral do DRIL o 26 de marzo de 1962. (…) abrazará a causa da esquerda latinoamericana e adestrará grupos guerrilleiros en Venezuela. Marchará a Cuba e formará parte da delegación da OSPAAL en Laos e Vietnam na guerra contra Estados Unidos”.
—
FONTES
◾A cronoloxía está tirada do artigo Pepe Velo, un galego de alma, de Antonio Piñeiro no nº3 da revista Arraianos.
◾Para o relato dos feitos séguense os destas publicacións: El secuestro del “Santa María” por el DRIL e Santamariasantaliberdade (Facebook)
◾Miguel Pardo: Soutomaior, o comandante que mandou calar
◾Xurxo Martiz: Xosé Velo e o Directorio Revolucionario de Liberación
◾Manuel Mera: Pepe Velo e a captura do Santa María
◾Henriqe Mariño: El maestro republicano que secuestró un transatlántico para hundir el franquismo e Operación Dulcinea: instrucciones para secuestrar un transatlántico e instaurar la Tercera República
◾Armando Recio García: El secuestro del Santa María en la prensa del régimen franquista
◾Juan Carlos Díaz Lorenzo: Galvão y la Operación Dulcinea. 50 años del secuestro del trasatlántico “Santa María”
0 comentarios