ENTREVISTA | Xosé Estévez

✍️ Autor:  Erik Dobaño

O Instituto Galego de Historia (IGALHIS) , entidade editora de Murguía, Revista Galega de Historia, prepara unha monografía sobre o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), aproveitando o 60 aniversario da operación Dulcinea. A obra está coordinada por Uxío-Breogán Diéguez e conta, entre outros colaboradores con Xosé Estévez, Fermí Rubiralta, Xavier Montanyá e Xurxo Mastiz. Está previsto que saia do prelo no verán e terá unha edición en galego e outra en español.

Xosé Estévez, historiador galego afincado en Euskadi, avanza nesta entrevista concedida ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova algúns dos resultados das súas últimas investigacións sobre a relación dos nacionalismos vasco, catalán e galego; en concreto, os acordos entre as forzas independentistas que deron lugar o pacto Galeuzca de 1959 en Caracas no que xogou un papel chave Xosé Velo e a relación dos galeuzcanos co DRIL.

Que continuidade hai entre o Galeuzca de 1933 e a de 1959? Que pasou entre os acordos de nacionalistas vascos, cataláns e galegos de Londres, Bos Aires e México e o Galeuzca do 59 en Caracas?

O Galeuzca, asinado en Santiago o 25 de xullo de 1933, que tivo un antecedente na Tripla Alianza de 1923, xurdiu dentro da legalidade republicana cunha dupla finalidade fundamental de estruturar a República dun xeito federal ou confederal e lograr que Galiza, xunto a Catalunya e Euskal Herria, ingresasen na Sociedade de Nacións, precedente da actual ONU. O Galeuzca de Caracas do 31 de maio de 1959 xurdiu en América, no exilio, era directamente independentista e para iso necesitábase primeiro liberar o Estado español e Portugal das ditaduras que os aferrollaban. Polo tanto as diferencias son claras, tanto no contexto, como no obxectivo principal. En Londres non se asinou ningún pacto trinacional, so un acordo entre vascos e cataláns en 1940. En Bos Aires foron moitos os acordos asinados, como o de 1941 ou 1958, ou proxectos que non chegaron a asinarse entre 1944-46. Tamén se asinou un Galeuzca en México en decembro de 1944. Todos eles apostaban por un réxime confederal, na que se incluía Portugal, mediante aplicación do dereito de autodeterminación.

Como se chega neses anos finais dos 50 a pactar ese novo Galeuzca?

Para entender este novo Galeuzca de 1959 e o xurdimento do DRIL é necesario ter en conta o contexto peculiar de finais dos 50 e comezos dos 60. Estamos no momento da sinatura do Concordato ca Santa Se e dos Tratados cos EE.UU. no verán de 1953, ratificados tres anos despois pola entrada de España na ONU, que consolidaron o franquismo, inxectándolle a definitiva dose avaliadora, de carácter relixioso-político no eido internacional. Tampouco hai unha faciana interesante, a existencia da ONU, organización creada a raíz da Conferencia de San Francisco en 1944. As diferentes Conferencias, Acordos e Declaracións emanadas da ONU consignaban o dereito de autodeterminación, xa enunciado nos 14 puntos do presidente estadounidense Wilson e asumidos pola Sociedade de Nacións como principio elemental para aplicalo ao proceso de descolonización e outros contenciosos políticos. Non resulta estraño, polo tanto, que en diversos documentos galeuzcanos e, máis concretamente nos comunicados galeuzcanos bonaerenses de 1958 e 1959, se aluda expresamente a este dereito. Ademais sopraban aires anticolonialistas o abeiro das declaracións da ONU. Neste senso foron moi importantes algúns fitos: como as conferencias de 1947 e 1949 en Nova Delhi, as de Colombo (Sri Lanka) e Bogor (Indonesia), ambas no 54, e finalmente, a Conferencia de Bandung, que tivo lugar entre o 18 e o 24 de abril de 1955. O comunicado final fala de cooperación económica, cultural, dereitos humanos e dereito de autodeterminación, problemas relativos ós pobos dependentes, desenvolvemento da paz e da colaboración internacional e declaración dos problemas dos pobos colonizados. Son os dez puntos de Bandung.

Ese era o contexto mundial. Que pasaba en Venezuela?

Pois estes aires tamén sopraban preto. Tal é o caso da revolución castrista cubana, que se empoleirou no poder o 1 de xaneiro de 1959. Tamén a tensión na Guaiana británica, que acadaría a independencia en 1966 e da que Venezuela reclamaba algúns territorios. A estes dous casos fai mención Joaquín Juanola nas declaracións ao xornal El Nacional (01.06.1959), despois da sinatura do Galeuzca o día anterior. No caso da revolución cubana, ademais, hai unha conexión coa creación do DRIL. Segundo Manuel Paz Sánchez, o DRIL foi fundado o 30 de setembro de 1959 por disidentes da UCE (Unión de Combatientes Españoles) descontentos pola política de Alberto Bayo, antigo capitán da II República Española e instrutor dos guerrilleiros cubanos de Sierra Maestra, e polo feito do descubrimento de infiltrados franquistas na UCE. Cita concretamente os seguintes fundadores: Francisco Roldán, Xosé Velo, José Luis Herrero, Antonio Padilla e José Sorribas. O certo é que había unha grande efervescencia política nos anos finais dos 50 e comezos dos 60 en Caracas entre os republicanos exiliados españois e galeuzcanos de tal xeito que o embaixador español franquista en Caracas remitía a Madrid frecuentes informes sobre as actividades antifranquistas.

Mentres, a resistencia no interior decaía…

Había unha consolidación eufórica da ditadura franquista, e sobrevoaba o pesimismo, o desencanto e a frustración nas forzas republicanas do exilio. Tamén na oposición interior e, sobre todo, nas fileiras nacionalistas periféricas hispanas, que puxeran toda a ilusión e esforzo na posibilidade de que unha actuación aliada tras o trunfo na II Guerra Mundial promovese o acoso e derribo da autocracia franquista.

Como se xuntan vascos, cataláns e galegos en Venezuela?

A restauración da democracia en Venezuela en 1958 permitiría unha maior liberdade de movementos, expresións e actuacións. O 23 de xaneiro caía a ditadura de Marcos Pérez Jiménez. As eleccións xerais, celebradas o 7 de decembro daquel ano, proporcionan un triunfo rotundo a Rómulo Betancourt, instaurando a democracia. Asumiu a presidencia o 13 de febreiro de 1959 e tivo moi boas relacións cos republicanos exiliados e cos vascos exiliados. Aparece en Caracas un grupo heterodoxo, militante de Euzko Mendigoizale Batza (Jagi-Jagi) (Organización Montañeira Vasca), firme defensora dunha Fronte Nacional Vasca, que é case simultánea coa aparición de EKIN-ETA en 1959 no exilio galo. Este grupo, que xa mantiña fluídas relacións cos independentistas cataláns, intensificaría os contactos e estenderíaos aos núcleos nacionalistas galegos até desembocar na constitución do Galeuzca na primavera de 1959.

Quen estaban nese acordo?

Por parte catalá en setembro de 1953 celebrouse en México unha Conferencia Nacional Catalá, que no apartado VII da súa Declaración Política insistía na promoción das relacións galeuzcanas. A Conferencia, que se decantaba por un liña que supere o status derivado do Estatuto de 1932 e da II República, elixiu un Consell Nacional Català, con asento en México. Importantes sectores das colectividades catalás do exilio americano decantaríanse cara posicións independentistas, próximas ao Consell Nacional Català. En Caracas, concretamente, así como en México, Cuba, Arxentina e Chile funcionaban activos grupos a prol destas opcións. Hai interese en proseguir a celebración de actividades galeuzcanas e a presencia de galeguistas independentistas agrupados en torno a Irmandade Galega en Bos Aires permite a saída á luz pública, de xeito esporádico, de comunicados como o manifesto de 1958 ou a declaración de 1959, ambos en Bos Aires, suscitadas o abeiro do Memorando do Goberno republicano no exilio. En Caracas o galeguismo era máis activo, sobre todo por mor de persoeiros como Xosé Velo Mosquera, Baldomero Gallego, Xulio García Santiago, Rivera Manso e outros. Ao redor de Velo crearase un Movemento Galego, un tanto desabeirado do galeguismo tradicional. O último misto que acendeu a vaga do Galeuzca de Caracas foi o seguinte feito: con data do 1 de xaneiro de 1959 o Goberno da República no exilio, presidido por Félix Gordón Ordax, daba a coñecer un informe no que se tocaba con curta e sibilina ambigüidade o tema das autonomías rexionais de Catalunya, Euskadi e Galiza. A reacción foi inmediata tanto en Bos Aires como en Caracas. Despois de dúas xuntanzas, o 12 e 19 de abril, con forte protagonismo de Pepe Velo nelas, e de convocatorias a partidos e entidades o 31 de maio de 1959 deuse a coñecer o texto do pacto que insiro deseguido.

Naquela altura, a guerrilla estaba practicamente esfarelada no interior. Cales eran os opcións que se manexaban desde o exterior, desde as posicións galeguistas, para acabar co réxime de Franco? E cales eran as expectativas de futuras relacións con Portugal?

Como se pode ollar dende algunhas instancias do exterior, arredadas dos partidos nacionalistas tradicionais, baseándose nos movementos de liberación nacional que se iniciaran en distintas partes do Terceiro Mundo, que se amparaban nas declaracións da ONU a prol do dereito de autodeterminación, as opcións eran favorables ao derrubamento pola vía armada, a retomar a loita e atentados internos ou polo menos dun acto espectacular -como sería o secuestro do Santa María-, que expuxese diante do mundo a existencia de dúas ferreñas ditaduras na península ibérica. No caso do futuro derrubamento delas, a derivación podería ser a independencia das tres nacións galeuzcanas, aínda que Xosé Velo era partidario dunha Confederación de nacións ibéricas, que incluíse Portugal.

Como se forma o DRIL e cal foi o papel que desenvolveu Xosé Velo?

A participación de Xosé Velo na coordinación e nos grupos de acción do Galeuzca derivou na creación do DRIL en setembro de 1959. Se lemos con atención o principio terceiro do pacto [ver nota final], podemos deducir que houbo unha derivación práctica, a creación do DRI. Se, ademais, temos en conta que un dos fundadores e máximos dirixentes do DRIL era Xosé Velo Mosquera, secretario do Galeuzca e encargado da coordinación e contactos cos grupos de acción, coido que a relación do Galeuzca co DRIL é máis que evidente. Por outra banda, esta conexión Galeuzca-DRIL veríase reforzada por outro pacto posterior asinado o 1 de febreiro de 1960 polo DRIL e o Moviment d’Alliberament Nacional de Catalunya, que exhumou Xurxo Martiz Crespo. Os asinantes serían Xosé Velo Mosquera e o comandante Antonio Padilla Castillo polo DRIL e Joaquín Juanola Massó e Amadeo Oller Navarro polo citado movemento catalán. Se ollamos os termos do pacto podemos doadamente comprobar que os representantes do Movemento de Liberación catalán non so se integran na loita para derribar as dúas ditaduras ibéricas, a de Franco e Salazar, senón tamén se comprometen na axuda das activades do DRIL e na integración orgánica, pois os asinantes cataláns, Juanola e Massó, pasarán a formar parte do Consello Directivo do DRIL. Incluso a axuda dos cataláns foi efectiva, pois sufragaron unha parte das pasaxes duns 14 secuestradores do transatlántico Santa María o 22 de xaneiro de 1961, segundo cita do comandante Soutomaior baseándose en declaracións de Xosé Velo. Máis tarde o DRIL intentaría conectar co Goberno vasco no exilio.

Velo declarouse partidario dunha “Hespaña” federal ou confederal e dun achegamento da Galiza a Portugal. O “iberismo” era unha corrente ao comezo dos 60? Tiña proxecto político e partidarios detrás?

A este respecto é interesante ver o xornal La Razón (Venezuela) do 17 de xuño de 1959. Nel o xornalista Julio Formoso, futuro integrante do DRIL e participante en xaneiro de 1961 do secuestro do paquebote Santa María entrevistou os tres principais impulsores do Galeuzca: Juanola Massó, Andima Ibinagabetia e Xosé Velo Mosquera. Andima aseguraba que eran totalmente partidarios do derrocamento da ditadura franquista, pero advertía que os vascos, integrados en Galeuzca, pedían primeiro “la independencia completa de Euzkadi”, e, unha vez acadada a independencia, estudarían a posibilidade de “pactos e alianzas con las demás naciones de la Comunidad Ibérica”. Eles ollaban con claridade a necesidade de colaborar coas demais forzas políticas ibéricas e adoptarían unha fronte común antifranquista, “siempre que nuestras reivindicaciones nacionales estuvieran garantizadas debidamente”. Juanola Massó era o Secretario General del Movimiento de Liberación Nacional de Catalunya e posicionamento desta organización era netamente favorable á “integración total a la lucha conjunta para derrocar las tiranías existentes en la Península Ibérica, mediante el reconocimieno previo de la plena libertad nacional de Cataluña”. No caso da futura estrutura política, unha vez liberada a Península das dúas ditaduras, o doutor Juanola descartaba o federalismo, “porque federación significa pacto de regiones”, e inclinábase por “una Confederación Peninsular para el caso de que la mayoría del pueblo catalán se pronunciase por la Confederación, sin que en este caso considerásemos terminado nuestro trabajo, de acuerdo con nuestros postulados”. Polo tanto, os socios vascos e catalás do Galeuzca de 1959 secundaban a aposta de Pepe Velo por unha confederación que incluíse Portugal

Como valoras o asalto ao Santa María, desde o punto de vista político e os fins que perseguía? E como valoras o resultado da operación propagandística e a pegada que deixou na loita política posterior?

Non investiguei este asunto no meu traballo porque xa sobardaba cronoloxicamente o tema obxecto do meu estudo, o Galeuzca. Pero esa andaina foi rechamante a nivel internacional. Nela sen dúbida, houbo dous persoeiros fundamentais galegos na sombra, Velo Mosquera e o comandante Soutomaior. Trouxo ás chancelerías de medio mundo en xaque e, desde logo, Portugal e España, o primeiro principalmente, tiveron que poñer toda a súa artillería diplomática en xogo para parar o pulo e o efecto propagandístico do feito. Os secuestradores, en moitos medios de prensa, non foron considerados como piratas tal como querían os réximes portugués e español, senón como heroes románticos. Foi unha mágoa non poder entrevistar axeitadamente ao capelán do Santa María, Imanol Irigoien, natural de Oiartzun, onde vivo, que morreu no ano 2019, aínda que levaba xa uns anos coa memoria deturpada.

Que relevancia lle concedes como historiador á figura de Xosé Velo na historia do nacionalismo galego e do galeguismo no exilio?

A súa importancia, ao meu entender, radica no seu rexo compromiso a prol da patria, na súa integridade a proba de todas as mágoas, do seu fondo amor a Galiza, na súa coherencia permanente, na súa fidelidade firme ao ideal soberanista, no seu labor constante a prol do emigrantes e exiliados galegos, na súa compaxinación do nacionalismo co internacionalismo de carácter marxista e na súa grandeza moral. Foi, ademais, apreciado desde os diferentes posicionamentos galeguistas e a súa figura agrandouse sobre todo despois da súa intervención oral, que debeu ser maxistral, no Congreso Mundial da emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956.

Que opinas de que Xosé Velo teña recibido a homenaxe dun busto e unha rúa en Celanova mentres na vila segue en pé un monumento fascista, unha cruz, desde hai máis de oitenta anos?

Pois é unha das moitas contradicións e incongruencias que asoballan a nosa magoada patria, tendo en conta, ademais, que Celanova foi durante e despois da Guerra Incivil do 36 un centro onde se realizou unha forte represión por parte dos sublevados rebeldes. A memoria é un ben inmaterial comunal a preservar. Un pobo sen memoria padece un alzhéimer colectivo e está a piques de desaparecer no abismo insondable da historia. Non debemos deixar que nola rouben nin tampouco que a mordan os cans rabiosos da desmemoria interesada.

“A Transición democrática derrotou ás vítimas por segunda vez”

Que pasa no Estado español para que a memoria continúe silenciada?

Na Transición, pretextando a ameaza real ou ficticia dos espadóns castrenses, levouse a cabo un complexo e ben deseñado encaixe da reforma pactada. Esta implicaba aparcar indefinidamente a revisión do pasado republicano, da guerra, chamada civil, e bautizada por Borobó como incivil e pluscuancivil, do exilio e da represión franquista, en aras da imperiosa reconciliación nacional. Aplicábase o consabido tópico de guerra fratricida ao conflito provocado polos sublevados, achacándoo á falla de civismo dos pobos do Estado, á insuficiencia para a convivencia social, á estulticia do común e á incapacidade conxénita ibérica para o exercicio da democracia. Os guerrilleiros antifascistas, que loitaban nos montes a prol da democracia, eran alcumados como simples e vulgares atracadores ou escapados. Esta vergonzosa e calculada estratexia produciu unha ocultación da memoria histórica colectiva, arroupada baixo o manto das bondades do novo réxime constitucional. A Transición democrática derrotou ás vítimas por segunda vez, ao convertelas de novo en vítimas do silencio e do esquecemento. Esta hábil operación coseu eficazmente o tecido social e non puido ser contrarrestada por unha minoría de historiadores que, unha e outra vez, contra vento e maré, loitaban por resucitar do forzado letargo o pulso da memoria.

Aínda é difícil atopar un mínimo consenso entre os historiadores sobre a intensidade da represión?

É certo que unha represión multiforme afectou ás capas máis baixas do pobo español, pero alcanzou un tripla intensidade, política, social e nacional, nos pobos periféricos do Estado, Catalunya Euskal Herria e Galiza. En Galiza a represión foi un tumor permanente, silencioso e adherido ó imaxinario colectivo, que intermitentemente revive e aventa a cinza da memoria. Practicamente non houbo guerra e os vencedores utilizaron tácticas de verdadeiro exterminio, selectivo na desaparición e sofisticado na xeneralización da psicoloxía do terror. No Estado español aconteceu un estraño fenómeno. Os fascistas vencedores, no exercicio do poder pola forza, cargáronse a todo animal racional bípedo vivente, parafraseando a don Pío Baroja. Pero durante a instauración da democracia, en aras da convivencia cívica, esixiron respecto e tolerancia. Dúas distintas varas de medir, suxeitas á coñecida lei do embude, que saben aplicar moi ben os españois.

Cales son as razóns para seguir reivindicando hoxe a memoria das vítimas?

Os demócratas reivindicamos a memoria para facer xustiza, erguer a pesada lousa do terror e do silencio e non sufrir un alzhéimer colectivo, primeiro paso para que os pobos desaparezan no mar insondable da historia. A verdade pode resultar incómoda para algúns, pero o esquecemento mata e é un atranco insalvable para a saúde e a dignidade dunha sociedade. A amnesia que acompañou á restauración da democracia e a falla de iniciativas para recuperar a memoria histórica tivo como resultado un empobrecemento da democracia e abonou o terreo ás tendencias autoritarias. A recuperación da memoria é urxente, pois a historia, ás veces, non ten tempo para ser xusta. Os usufrutuarios sociolóxicos do franquismo e herdeiros ideolóxicos dos represores atoparon o camiño da memoria desbravado de xustiza.

E que facemos cos dereitos que proclama mesmo a ONU, mais aquí seguen sen se atender: a verdade, a xustiza, a reparación…?

O dereito á verdade, á xustiza e á reparación deben estar presentes en calquera proceso de superación dun pasado ateigado de violacións dos dereitos humanos. Non pode cimentarse o futuro sobre un pasado sen estañar. As feridas, que algúns consideran cicatrizadas, seguen aínda abertas. Para que as feridas verticais da memoria deixen de manar sangue hai que converter as súas cicatrices nas formas transversais que teñen os beixos, é dicir, vendalas ca verdade, a xustiza e a reparación. É absolutamente imprescindible a aposta pola memoria histórica e a loita contra a amnesia colectiva que propugna o opio das conciencias, borra a memoria e sega a capacidade de transformación socio-política. Hai que implicarse a fondo na súa reconstrución, pois á memoria nunca se lle acaba o tempo. Para algúns a memoria é unha maleta dabondo pesada. Por iso, é necesario abrila para alixeirala. O pasado é moi rebelde e teimudo. Sempre volve, ás veces en forma de lenda, como dicía o poeta Gabriel Celaya. Nas numerosas fosas e camposantos repousan os restos de nacionalistas, republicanos, socialistas, comunistas, anarquistas e outros, moi ao seu pesar e contra a súa vontade, pois a ninguén lle apetece a viaxe a outro mundo, sobre todo porque o traxecto hai que facelo en coche fúnebre. Non é certo que vivamos para lembrar, lembramos para vivir. Castelao denunciaba nas súas famosas viñetas os crimes fascistas con estas lendas: ”Non enterran cadáveres, enterran semente” e “Galegos: cumpride a manda dos nosos mortos”.

NOTA FINAL:
Declaración de principios do Galeuzca, recollida na información de El Nacional.

Primera.- GALEUZCA, declara la Independencia de las Naciones gallega, vasca y catalana bajo las denominaciones de Galicia, Euzkadi y Cataluña.
Segunda.- GALEUZCA se compone de todas las personas naturales y jurídicas que siendo gallegas, vascas y catalanas acepten y declaren la situación de Independencia de sus respectivas naciones; las cuales en el presente están sujetas al yugo opresor.
Tercera.- GALEUZCA, declara que no es un partido político, sino una Organización de lucha contra la tiranía franco-falangista-salazar que padecen las Naciones Ibéricas, y con este denominador común están dispuestas a unir su lucha con la de los Partidos Políticos y Organizaciones obreras peninsulares que por escrito se comprometan a respetar la Independencia de las tres Naciones que la componen.
Cuarto.- GALEUZCA, declara que propugna para cada una de las naciones que la componen un régimen de libertad, de democracia efectiva y de verdadera justicia social. A este efecto, proclama la libertad de pensamiento, de religión y de cultura, mediante la enseñanza gratuita en todos los grados de primaria, secundaria y superior, a fin de que las vocaciones y las inteligencias tengan libre acceso a la técnica, a la ciencia y al saber.
Quinta.- GALEUZCA, declara que propugna por la paz y por la constitución de los Estados Unidos de Europa, y mejor del Mundo, de donde formen parte todas las Naciones mediante la incorporación-con su Independencia-de las que están aún oprimidas.
Sexta.- GALEUZCA, llama a la lucha a todos los partidos políticos y organizaciones catalanas, gallegas y vascas, así como a la pequeña burguesía, a los artesanos y a la masa obrera y campesina para que se incorporen a la lucha para Ios expresados fines.
Séptima.- GALEUZCA, utilizará todos los medios posibles y necesarios para la consecución de sus postulados, obtenidos los cuales dejará de existir en cualquier parte del mundo donde esté constituida.

Caracas, 31 de mayo de 1959”

O resto na información, baixo o titular Galeuzca en Venezuela, di:

“En Venezuela se ha constituido GALEUZCA siguiendo las directrices señaladas en la constitución de este organismo en Barcelona, el año 1923, bajo la primera denominación de la Triple Alianza y atendiendo la misma inquietud de GALEUZCA de Buenos Aires. (Desde estas páginas invitamos a todos los patriotas vascos, gallegos y catalanes residentes en otros países se apresuren a constituir GALEUZCA para satisfacer las necesidades políticas de nuestras respectivas nacionalidades de manera activa).

En Caracas se constituyó un Comité de Fundación de este organismo que por medio de la prensa convocó a los patriotas y entidades interesados, el día 19 de abril de 1959. En la Asamblea celebrada al efecto, el Dr. Joaquín Juanola Massó explicó el objeto de GALEUZCA, que es la reafirmación de la Triple Alianza suscrita en Barcelona, Cataluña, el año 1923, entre Galicia, Euzkadi y Cataluña, para la lucha conjunta por la independencia de estas tres naciones.

Se aprobó por unanimidad la fundación de GALEUZCA y se nombró el Comité de Constitución. A este acto concurrieron representaciones del Movimiento Galleguista, Frente Nacional Vasco, Resistencia Catalana, Movimiento Independentista Vasco Jagi-Jagi, Movimiento d’Alliberament Nacional de Catalunya, miembros afiliados al Partido Nacionalista Vasco, Consell Nacional Catalá y grupo independentista vasco Irrintzi.

Entre las personas asistentes, firmantes del acta fundacional, señalamos a los siguientes patriotas: Jaume Tarradas, Andima Ibinagabeitia, Dionisio Paesa, Jabier Elgezabal, Juan P. de Fuldain, Mariano Otero Castelao, José Ignacio Sesto, Albert Piera, M. Fernández Etxeberria, José Fargas Nadal, Dr. Sandalio de Tejada, Jaime Villena, Baldomero Gallego, Amadeu Oller, Bartolomé Cartel Rovira, Pedro de Zabala, Prudencio Foruria, Xosé Velo Mosquera, Julio López González, Albert Compte, Julio García Santiago, Xoan Lois Sesto Novás, José Galparsoro Ijurco, Andrés Basagoiti y Segismundo de la Torre y Larrinaga.

El Comité de Constitución hizo la convocatoria por medio de la prensa y por medio de cartas dirigidas a todas y cada una de las entidades patriotas vascas, catalanas y gallegas existentes en Caracas para el acto de constitución definitiva de GALEUZCA para el día 31 de mayo de 1959.

La Asamblea, una vez abierta, declaró constituida GALEUZCA de Venezuela; nombró la Junta Directiva para el primer año de su vida, recayendo los nombramientos por Cataluña en las personas de los señores Joaquín Juanola Massó y Amadeo Oller Navarro, por Galicia, señores Xosé Velo Mosqueira y Xulio García Santiago, y por Euzkadi, señores Andima Ibanagabeitia Ydoiaga y Sandalio de Tejada y Sarabia; e hizo la Asamblea la siguiente PROCLAMACION DE PRINCIPIOS…”

Xosé Estévez é autor, entre outros, dos ensaios A lagoa da memoria (Trintxerpe, 2002); Castelao e o galeuzca (Laiovento, 2002) e Manuel M. Murguía: de estirpe vasca e berce do nacionalismo galego (Diputación Foral de Gipuzkoa, 2000). Ten paricipado en obras colectivas como Historia de Euskal Herria (Txalaparta, 1995), con José Luis Orella Unzué e José María Lorenzo Espinosa. É autor, entre outros artigos, de “Identidad gallega versus española en Castelao”, en Exilio e identidad (2014), coord. por Mercedes Acillona López; “Euskadi (1898-1936): De la crisis de la modernidad a la Guerra Civil. Un ejemplo de exilio plural”, en El exilio: debate para la historia y la cultura (2008), coord. por José Angel Ascunce Arrieta; “Ernesto Guerra da Cal: jardín patrio en memoria edénica”, en Exilio y universidad (1936-1955): presencias y realidades (2008), coord. por José Angel Ascunce Arrieta, Mónica Jato, María Luisa San Miguel; e “Castelao na prensa vasca do exilio (1940-1960)”, en Exilios, migracións e fronteiras (2019), coord. por Uxío-Breogán Diéguez; e “O Galeuzca e o IX Congreso de nacionalidades europeas (1933)”, no nº38 de Murguía: revista galega de historia (2018). No 2017 recibiu o XII Premio Galiza Mártir e III Premio Manuel Murguía ao mérito e labor historiográfico.

Xosé Estévez Rodríguez.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario