A Bandera de Falange de Marruecos foi unha unidade paramilitar, integrada no exército franquista, formada por voluntarios falanxistas, una parte deles recrutados entre ex-lexionarios e mercenarios africanos, acostumados a un estilo de guerra colonial. Aínda que tamén había milicianos falanxistas peninsulares e un grupo de canarios, a Bandera de Falange marroquí era coñecida como os temibles “camaradas moros”.

✍️ Autor:  Pabolo Sánchez

En maio do 39, poucas semanas antes da chegada da Bandera de Falange de Marruecos a Celanova, o semanario falanxista Fotos, editado en Donosti, publica unha reportaxe en ton exaltado da traxectoria da unidade na fronte de Madrid durante os últimos meses da guerra. “Otra vez rehecha la Bandera se vio mandada por el comandante Nemesio Fernández Cuesta y bajo sus órdenes formando parte de la Columna Yagüe y mezclada ya en sus filas los falangistas marroquíes con los restos de las Banderas canarias, actuaron en toda la campaña durísima del Jarama, y después en la célebre batalla de Brunete donde al lado de la Legión, se cubrió nuevamente de gloria, así como durante largos meses en la poco brillante pero muy expuesta guerra de minas y aguante en los Carabancheles, Barrio de Usera, Carretera de Extremadura y más tarde ya bajo las órdenes superiores del heróico coronel Ríos Capapé en la epopeya de defensa de la Ciudad Universitaria”.

Os tres meses que estivo destinada en Celanova, entre xullo e setembro de 1939, xa rematada a guerra, foron un alarde de fachenda e violencia. Esta unidade falanxista é responsable de fusilar a 7 presos que foron inscritos no Rexistro Civil de Celanova “por comunicación del Juzgado Eventual de la Bandera de Falange de Marruecos con guarnición en esta villa”. Quen os xulga e condena é un xulgado eventual. Non se trata dun xulgado permanente, senón creado ex profeso para actuar donde e cando fose “necesario”. Isto, unido á data das execucións, dous días antes das celebracións da Nosa Señora da Mercé, patroa dos presos; a idade dos presos, 26 anos de media; e o feito de abandonar os cadáveres no cemiterio á vista do público demostran a crueldade do acto, que deixou un forte impacto na memoria colectiva do pobo de Celanova.

A Bandera traía tras si un ronsel de distincións e heroicidades na guerra. Un regueiro de sangue que, segundo as crónicas da época, desfilou pola cidade de Ourense “en medio de los aplausos y vítores que el público, estacionado en las aceras y desde los balcones de los edificios, tributaba a estos heroicos combatientes brazo en alto”, xusto antes de tomar no Xardín do Posío os vehículos que os trasladarían até Celanova.

A súa estancia en Celanova tamén coincide cun aumento de incidentes nos que os reclusos son metrallados indiscriminadamente, polo suposto feito de estar asomados ás fiestras, contradicindo esta versión varios testemuños e os propios informes do médico da prisión.

O xefe máis destacado da Bandera de Marruecos foi Nemesio Fernández-Cuesta y Merelo. Nado en Madrid en 1900, era o irmán menor de Raimundo Fernández-Cuesta, fundador e líder da Falange desde 1937. Nemesio retirouse como coronel na Armada e foi nomeado director do diario ‘Marca’ no ano 54. O seu fillo, Nemesio Fernández-Cuesta e Illana, casou cunha neta de Torcuato Luca de Tena e foi ministro franquista no goberno de Arias Navarro en 1974, o penúltimo da ditadura. O neto, Nemesio Fernádez-Cuesta e Luca de Tena, foi secretario de Estado de Industria no primeiro goberno de Aznar (1996), vicepresidente de Vocento até o 2006, directivo de Repsol e conselleiro de Gas Natural e, desde 2016, presidente de Isolux Corsán.

Nemesio Fernández-Cuesta y Merelo participou en actos da Bandera de Falange en Celanova xunto ao coronel Joaquín Ríos Capapé, que tamén merecerá un apartado nesta historia. O relato continuará en paralelo ao dos días da Bandera de Falange de Marruecos en Celanova rematada a guerra, mais non a represión sobre os vencidos.

📷 A imaxe do cabeceiro está tirada da reportaxe do semanario falanxista Fotos, da edición do 13 de maio de 1939. Na galería: artigos na prensa de Ourense dando conta da chegada da Bandera de Falange de Marruecos a Celanova.

Categorías: Anacos da historia

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario