O día 9 de agosto de 2019 publicouse no BOE a relación dos 4.427 cidadáns españois que morreron en campos de concentración alemáns. Foron deportados a campos nazis un total de 9.161 españois. Do total de galegos deportados a campos nazis 45 eran de Ourense, e 24 morreron alí.

Catro deses deportados eran naturais da comarca de Celanova. Hai outro nome, a respecto do cal aínda non está acreditada a súa orixe na comarca.

✍️ Autora: Nuria Rodríguez.

Julio Domínguez Rodríguez (Quintela de Leirado)

Natural de Xacebáns, Quintela de Leirado, naceu o día 1 de abril de 1916. Aos 16 anos marchou traballar a Madrid. O 18 de xullo 1936, estaba afiliado á Sociedad Obrera de Tejeros y Cerámicos de Madrid. Fixo toda a guerra na defensa da República, á que foi leal até a morte. Cando a guerra Civil remata, Julio escapa a Francia. En 1942, casa con Silvine.

Durante a ocupación nazi en Francia o sogro de Julio queda ao cargo dunha famosa tenda de antigüidades de París, propiedade dunha familia xudía agachada aos que lle administraba lealmente a tenda coa axuda de Julio. Julio non só axudaba a esa familia, ao sogro e a familia xudía, senón que tamén colaboraba coa Resistencia. Foi detido por participar en sabotaxes contra o Exército Nazi e trasladado ao campo de Mathaussen en 1944. Estaba xa disposto a renderse e deixarse morrer nas famosas escaleiras do campo, cando os compañeiros que dispuñan dunha radio o avisaron de que as tropas aliadas ían liberalos. Dous días despois Mathaussen foi liberado.

“Os nosos deportados son un grupo máis dos miles de represaliados polo franquismo. O Réxime deixou que os nazis lles fixeran o ‘traballo’ que eles levaban a cabo dentro das fronteiras españolas. Sen o golpe de Estado de 1936, como sería a vida de todas estas persoas?”, anotan os investigadores no prólogo do informe Ourensáns deportados os campos nazis, presentado en febreiro deste ano.

Antonio Villar Febrero (Cartelle)

Naceu o día 1 de decembo de 1912 na parroquia de Santomé, Cartelle. Supoñemos que en xullo de 1936 estaba na sega en Madrid e sabemos que alí se uniu ás Milicias Galegas. Non sabemos qué pasou durante a Guerra, pero, como tantos outros republicanos, no 1939 buscou exilio en Francia, alí estivo no campo de Barcarés. Foi membro da Compañía de Traballadores Estranxeiros número 24, con destino no departamento de Moselle.

As Compañías foron creadas por un decreto do 12 de abril de 1939. Uns 55.000 refuxiados españois foron obrigados a traballar, principalmente no exército, na agricultura e na industria de armamento. Foi apresado polos alemáns na invasión de Francia. Foi encarcerado no Frontstalag 140 de Belfort, e ingresou en Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941, co número de prisioneiro 6599. Procedía do Stalag XI B de Fallingbostel. Clasificado como “católico, solteiro e de profesión landwirt (labrego)”.

O 17 de febreiro trasladárono a Gusen, co número 87058, ao Block 13, onde morreu o 11 de agosto, ás sete horas. Tiña 29 anos. Causa rexistrada da morte: neumonía. A maioría dos deportados españois, e ourensáns, falecidos atoparon a súa morte en Gusen, a uns cinco quilómetros do campo central de Mauthausen. Construído para a explotación dos reclusos en tres canteiras e unha gran fábrica de ladrillos, funcionaba de forma autónoma. Aquí as condicións de vida eran aínda máis duras que no campo central. Onde se levantaba o campo construíuse unha urbanización.

Uns 60.000 exiliados españois loitaron na Resistencia francesa, e miles serviron no Exército da Francia Libre. En 1939 o goberno francés creou as compañías de traballadores estranxeiros, uns 20.000 republicanos integraron esas unidades. En 1940, os españois de oito compañías de traballo (111º, 112º, 113º, 114º, 115º, 116º, 117º, 118º e 119º) defendían as posicións de Bray-les-Dunes en Dunkerque…

Durante a invasión alemá en Francia uns 6.000 republicanos españois morreron en combate co uniforme francés e 14.000 foron presos. Foron enviados directamente a campos de concentración, en Mauthausen, principalmente.

Francisco Rivera Pérez (Crespos, Padrenda)

Naceu o lugar de Freáns, parroquia de Crespos (Padrenda) o día 15 de abril de 1899. Sabemos que no ano 1939 estaba na CTE 118 e que o día 6 de abril de 1940 foi capturado en Dunkerque.

Pertenceu á Compañía de Traballadores Españois 118, creada o 20 de decembro de 1939, ao servizo de exército francés. Esta Compañía estivo en Dunkerque, onde foi capturado polo exército alemán o 20 de xuño de 1940. Antes de chegar a Mauthausen, estivo preso no lager (prisión) de Kassel. Ao campo de Mauthausen chegou o 9 de agosto de 1940, pasou a ser o número 3728 e foi clasificado como traballador ou albanel. Entrou na enfermaría o 25 de xuño de 1942, onde foi operado segundo o ‘libro de operacións’ de Mauthausen. Os presos procuraban por todos os medios non ingresar na revier, xa que alí se facían todo clase de experimentos (Aribert Heim, médico da SS, o ‘Doctor Morte’) e matábannos con inxeccións de gasolina. Segundo declarou o preso José Alcubierre: “Operaban só aos presos que lles interesaba conservar”.

O 11 de marzo de 1944 trasladárono a Gusen, onde vai ser o número 13405. Aquí foi liberado en maio de 1945. Nunha das fichas do campo aparece Barcelona como lugar de residencia. Semella que regresou a Francia, e formou alí unha familia, cando xa tiña outra aquí, con tres fillos. Fixo unha visita en 1975 a súa terra de nacemento, mais ao parecer xa padecía demencia.

Morreu en 1979, en Francia.

José Mosquera González (Outeiro, Ramirás)

O 5 de febreiro de 1939 Francia autoriza a entrada de soldados republicanos en retirada desde Catalunya. Case medio millón de defensores da República cruzaron a fronteira nas semanas seguintes. A maioría acabaron internados en campos. O 12 de abril, o goberno Daladier publica un decreto que impón aos beneficiarios de asilo entre 20 e 48 anos as mesmas obrigas que as impostas aos cidadáns franceses suxeitos a recrutamento e requisición militar para a defensa nacional.

A primeira Compañía de Traballadores Estranxeiros (CTE) que se forma no campo de Gurs é a 100.ª, que tivo como primeiro destino a Reserva Xeral de Artillaría de Châteaudun. Despois da ofensiva nazi, foi retirada cara a Tours e, despois un pouco máis ao sur, ao Departamento de Indre.

A esa compañía pertenceu o cuarto dos veciños da Comarca de Celanova que pasaron polos campos nazis, segundo a documentación recompilada polo GRUPO DE TRABALLO DE OURENSE, da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica.

José Mosquera naceu en Outeiro, concello de Ramirás, o día 14 de xuño de 1918. Non sabemos nada del ata o ano 1940, en que figura na CTE 100 e é capturado o día 20 de abril.

No verán 1940, Alemaña prescribiu que os ‘combatentes vermellos’ españois capturados pola Wermacht ou polos Einsatzkommandos fosen detidos polo menos durante a guerra e interrogados en pormenor. Máis de sete mil republicanos españois foron enviados para o complexo do campo de Mauthausen -o campo central e campos anexos como Gusen- onde foron empregados nas canteiras de granito. A taxa de mortalidade dos reclusos marcados cun triángulo azul, ‘rotspanier’, era moi superior á de todos os outros reclusos do campo.

José Mosquera foi levado primeiro ao Stalag VII-A de Moosburg, e chegou a Mauthausen o 6 de agosto de 1940. A data na que entraron os primeiros republicanos españois neste campo. Chegaron 392 españois en vagóns de gando. O número de José en Mauthausen era 3283. Foi clasificado como labrego, de relixión católica, solteiro e sen fillos. O 24 de xaneiro de 1941 trasladárono a Gusen, co número 43317. Foi liberado en maio de 1945. Ao mes seguinte cumpriu 27 anos.

Alberto Suárez Gallego (1918-1941)

Entre os 24 ourensáns que faleceron en campos nazis está Alberto Suárez Gallego. A información da que dispoñen as autoras e os autores do informe sobre os ourensáns deportados a campos nazis é escasa neste caso, polo que non se pode concluír aínda que Suárez Gallego sexa o quinto dos deportados nados na comarca de Celanova. Pode ser orixinario da parroquia de San Paio da Veiga, en Celanova, ou de San Numio da Veiga, na Bola. Mais tamén pode selo do concello da Veiga.

Alberto naceu o 26 de abril de 1918. Nos documentos aparece o seu traslado desde o Stalag V D de Estrasburgo a Mauthausen o 13 de decembro de 1940, co número 5304. Foi rexistrado como rotspanier, solteiro, de profesión muiñeiro, e de relixión católica.

O 17 de febreiro de 1941 levárono a Gusen, sendo rexistrado co número 10736. Morreu alí o 14 de novembro ás 12:59 horas. Causa da morte rexistrada: ictericia. Tiña 23 anos.

ℹ️ Familiares, ou calquera persoa interesada en achegar información, poden poñerse en contacto con este comité a través do correo memoria.celanova@gmail.com, ou ben a través desta páxina en Facebook.

Nuria Rodríguez é parte do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e participou na redacción do informe Ourensáns deportados aos campos nazis como remate da investigación do Grupo de Traballo de Ourense da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) no que se basea este traballo.

Categorías: Vítimas

1 comentario

Homenaxe en Entrimo, e reunión co Subdelegado do Goberno – memoriacelanova · 10 Maio, 2021 ás 3:56 a.m.

[…] cinco veciños da comarca de Celanova que correron a mesma sorte, historia das que se dá conta en Nos campos de Hitler. Notas biográficas de 5 deportados da comarca de Celanova, un artigo de Nuria Rodríguez, que participou da investigación da ARMH, publicado o 30 de […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario