Cando se cumpren os 39 anos do seu pasamento non deixo de recordar aquel tío, que admiraba desde moi nena e que tódalas noites antes de quedar durmida, no colo de miña nai, ela me contaba. “Mamá , cóntame a historia do tío Luís”. No meu maxín de nena quedaron gravadas as historias do heroe, que era para min e que tanto marcou a miña maneira de pensar no ámbito político e na miña vida profesional.

✍️ Autora:  Celia Inés Feijoo Soto. Presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Non esquecerei xamais aquela mañá fría do mes de novembro na casa de meu pais en Vilanova cando a televisión deu a nova do falecemento do político galeguista Luís Soto no México que o acolleu. Ao pouco tempo xa miña nai estaba en contacto con miña tía Menchu e chorando repetía: “Ese desgrazadiño vai quedar alá para sempre, cando dicía, ‘quero descansar eiquí, en Vilanova, no monte da Cuqueira, ou en Amoroce, sempre na miña querida Galicia.”

Eu coñecino cando veu traer a miña avoa -mamá Sara- de volta de #México. Fomos todas e todos a Portugal, porque aínda non entraba en España. Engaioloume a súa expresividade, a súa memoria, a simpatía …e aquela mirada de ollos tristes. Era o meu heroe soñado!

Logo, o ano que vivín en Vigo, recén casada, pasaría moitas veces a fronteira de Tui para levarlle as #cartas que me enviaban á miña casa de Vigo. Xamais souben o contido daquelas cartas, nin lle preguntei. Penso que eran de políticas clandestinas.“Chelito garda ben esas cartas, que non chas vaian coller na alfándega”, dicíame.

Cando puido entrar en España, viña tódolos anos. Acompañeino moitas veces recoller artigos para a súa revista Vieiros. Fomos á casa de don Ramón Otero Pedraio, estivemos con Díaz Pardo, con Manuel María… Eu escoitaba admirada aquelas conversas que tanto me enriquecerían.

Un día díxome: “Chelito, hai que se afiliar a un sindicato e nada mellor que a Fete-UXT“. E fíxeno, sendo membro do Comité Nacional Galego como delegada de Vigo e tiven outros cargos.
Para non alongarme máis coa miña relación persoal, xa que tería para moitos folios, vou dedicar uns poucos parágrafos a falar da súa traxectoria política e profesional.

Naceu en Podentes, na Bola, o 23 de decembro de 1902, onde miña avoa exercía de mestra, logo estivo en Veiga e finalmente en Vilanova dos Infantes. Contan que era un neno dunha clara precocidade intelectual. Aos cinco anos lía en castelán e latín. A partir dos nove anos e durante sete, percorreu tódolos días a Costa da Pedra da Moa, entre Vilanova e Celanova, para ir estudar o bacharelato cos frades #escolapios do convento de San Rosendo.

Aos dezaseis anos emigrou á Pampa arxentina co seu tío Abelardo. Alí comezou a súa actividade xornalística, publicando en El Eco, de tendencia socialista. Á volta fíxose mestre. Tiña vinte anos. Estivo de maneira obrigada na guerra de #África, durante tres anos e escribindo en La Voz de Tetuán. Despois comezou a súa andaina no maxisterio.

Desenvolveu unha grande actividade sindical na FETE, sendo un dos mestres galegos que promoveron a creación da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense (A.T. E. O.), e máis tarde a Federación Gallega de la Enseñanza da que foi Secretario de Prensa e Propaganda. Colaborou no Soviet, xornal comunista ourensán e na Escuela del Trabajo.

En 1934 tomou posesión da escola número 2 de Mondariz, exercendo un grande labor profesional, xestor e humanitario cos nenos e nenas máis desfavorecidos aos que se lles daba unha cunca de chocolate con leite quente. Como mestre, unha das súas obsesións era erradicar un modelo de escola negativa, unha escola que escalaza a personalidade do neno e que se puxo sempre en contra do pobo, da xeografía, da lingua, da historia e da tradición cultural “unha escola que se enfrontou ao home galego”.

Como político, signifícase pola súa defensa tenaz en favor da República e da democracia. En Mondariz, co golpe militar de 1936, tívose que agochar para non ser asasinado, sabedor da súa sentenza de morte. De alí sairía para Vilanova vestido de frade e acompañado do Padre Vila.

En 1937 conseguiu cruzar a fronteira portuguesa. De alí foi para Francia onde atopou a solidariedade da Embaixada española, fiel ao goberno da República. De Francia pasa á Catalunya republicana e de alí a Valencia, onde se constitúe Solidariedade Galega Antifeixista. Tempo despois sería cofundador e director do xornal Nueva Galicia no que se integraban militantes e simpatizantes do Frente Popular (PSOE, Partido Galeguista e máis Esquerda Republicana). En Valencia, o presidente da República, Juan Negrín, encargaríalle a Castelao unha viaxe de propaganda por América en favor da República. E Castelao escolleu meu tíocomo acompañante. Así, entre 1937 e 1939 deron ducias de mitins en Estados Unidos, Cuba, Arxentina, Uruguai…

En México, foi Secretario do Padroado da Cultura Galega e dirixiría con Carlos Velo e Delgado Gurriarán a revista Vieiros na que participaron os grandes da nosa Galicia. Da súa militancia política hai amplas referencias no seu derradeiro libro: Castelao, a U.P.G. e outras memorias.

Remato. Isto quería que tivese sido curto, mais non podo abstractar máis. E quedan moitas cousas no tinteiro. Como colofón, reproduzo as verbas de meu curmán Luís Soto, Güicho (o seu fillo) na entrega á Xunta de Galicia do arquivo Luís Soto. Reflicten moi ben o que era o seu amor por Galicia:

“Mi padre vivió permanentemente con el amor de su tierra a flor de piel. Su archivo, recopilado a lo largo de toda su vida, refleja esta obsesión vehemente por Galicia a la que dedicó toda su capacidad y energía, en lucha por el bienestar material de sus gentes y por su soberanía política. Los demás aspectos de su vida resultaban tangenciales ante este embrujamiento por su tierra, su pueblo y su lengua”.

📷 Imaxes: Esquela en La Región; Soto, con Menchu, a súa muller, en 1965; Soto coa avoa mamá Sara e con Kuki, durante unha visita a Compostela; e a autora, con Soto, durante unha comida familiar.


0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *