Han pasado los años, y con estos, la experiencia real de los hechos en la vida. Los años transcurridos en el cautiverio, me han servido para conocer de cerca lo que representa: en primer lugar la familia, después un ideal, que como el mío, es humano y acogedor, donde todo ciudadano honrado puede compartir sus tareas para redención del Universo”.
Cunha dedicatoria ao seu pai, así comezan as memorias que o practicante valisoletano, Severo Manzano (1910-1986), escribiu durante o seu cativerio na Prisión de Burgos en 1946. Recuerdos de antaño é o testemuño de superación dun home bondadoso e comprometido que, como podemos ver nas imaxes que nos facilitou a súa familia, tamén estivo, non sabemos canto tempo, na Prisión Central de Celanova (1938-1943), en cuxas equipo sanitario, seguramente, desempeñaría as funcións de auxiliar médico.
✍️ Autor: Pablo Sánchez.
Os apuntamentos relativos á súa filiación política ou á súa estancia en prisión son practicamente inexistentes no caderno, seguramente por medo ás posibles represalias que lle puidese carrexar se o lían as autoridades. A súa historia completámola cos datos, a documentación e as fotos que amablemente nos achegou a súa filla Alazne, cuxa colaboración agradecemos. Sabemos que en 1927 afíliase á Sociedade de Obreiros Perruqueiros de Valladolid, sindicato de obediencia socialista do que chegou a ser directivo, polo que estivo encarcerado tras a folga revolucionaria de outubro de 1934. A súa vida durante os anos da República transcorreu entre Valladolid, Arija (Burgos), onde se criou, e Madrid, alternando os traballos de perruqueiro cos de practicante e outros.
Foi feito prisioneiro polos fascistas o 20 de xullo de 1936 ao triunfar o golpe de estado en Valladolid. No momento da súa detención atopábase na Casa do Pobo de Valladolid, onde entraron os falanxistas a sangue e fogo; el e os seus compañeiros tiveron que escapar polos tellados ata conseguir saltar a un patio interior cheo de cadáveres e feridos, triste balance da represión daquela madrugada. Pasou polas prisións de Valladolid (?), Celanova, El Puerto de Santa María e Burgos. En total preto de 12 anos de cativerio.
“Ya en la cárcel, espero resignado y tranquilo el momento de poder abrazar a mis seres queridos. Digo resignado y tranquilo, mi condición es sana y justa y no siento remordimientos por ninguno de los actos de mis actividades políticas que haya efectuado. ¡Triste experiencia pero experiencia de un valor incalculable! ¡Crisol donde se forjan las ilusiones!”.
En 1948 foi posto en liberdade condicionada, polo que houbo de estar perfectamente localizado e presentarse periodicamente ante a Brigada Político-Social, cando non detido en comisaría por calquera motivo alleo a el ata que se trasladou a Lekeitio ( Bizkaia) onde exercería como practicante interino y parteiro (“matrona”) , non conseguindo a titularidade da praza fixa por desafecto ao réxime, sendo denunciado por outro aspirante ao cargo, segundo o testemuño da súa familia.
Unha das funcións do Comité para a Memoria Histórica de Celanova é divulgar as historias persoais de cantos estiveron recluídos no mosteiro, traxicamente utilizado como cadea franquista ata 1943. Con esta publicación aproveitamos para sacar do anonimato a Severo Manzano.
📷 Imaxes do seu paso pola prisión de Celanova; documento de presentacións diante a Brigada Político-Social de Valladolid, 1948; ficha do seu expendiente penal; e portada e páxinas do seu libro ‘Recordos de outrora’, escrito na prisión de Burgos en 1946; [As fotografías están tomadas durante a celebración de determinadas festividades -día da Mercé, festa de Reyes-, as cales se aproveitaban propagandisticamente para branquear a dureza do réxime penal, permitindo certa relaxación do regulamento.]
0 comentarios