Entre 1936 e 1943 a vila de Celanova tornouse fatalmente nun dos focos máis representativos do terror fascista na provincia de Ourense. O 25 de xullo de 1936, apenas cinco días despois de proclamar o estado de guerra, o comandante militar de Ourense encargáballe ao director da prisión provincial que estudara a posibilidade de habilitar o convento de San Rosendo como depósito provisional para a gran cantidade de presos políticos que ameazaba con saturar tanto a propia prisión provincial como as prisións de partido. Poucos días despois chegarían os primeiros reclusos.

“Todo o que pasou o meu pobo
pasoume a min”
(Uxío Novoneyra)

✍️ Autor: Pablo Sánchez.

Nesta primeira etapa, o seu funcionamento apenas se diferenciaba do dun campo de concentración, como sinala o historiador Rodríguez Teijeiro na súa tese El sistema penitenciario franquista y los espacios de reclusión en Galicia. Elixio Rodríguez, membro das Mocedades Galeguistas de Bande, relatou a súa experiencia nunhas memorias máis ou menos noveladas, pero que non deixan de reflectir a impresión que lle produciu a estadía naquel cárcere.

O primeiro espazo destinado a cadea foi o antigo refectorio (comedor) dos monxes, un gran salón onde o amoreamento era tal que, segundo relata Elixio, nalgunhas ocasións, para que uns puidesen pasear outros tiñan que arrimarse de pé á parede. O local non contaba con acondicionamento de ningún tipo e os presos víanse obrigados a facer as súas necesidades á vista dos demais en baldes que despois baleiraban na horta do mosteiro.

A parte das impresións que nos chegaron dalgúns presos, non sabemos exactamente o número de poboación reclusa en 1936. As primeiras cifras fiables son do ano 1937 cando o número de reclusos oscila entre os 85 de febreiro e os 306 de abril. Polo que é de supoñer que entre xullo e decembro de 1936 as cifras serían moi similares, entre os 100 e os 300 presos, flutuando con frecuencia.

Á prisión acudían frecuentemente falanxistas e militares en busca de vítimas da represión paralegal. Comparando as ordes de traslado coas contas de alimentación, Rodríguez Teijeiro contabiliza un desfase de ata 94 reclusos entre xullo e decembro de 1936 cuxo ingreso na prisión non foi rexistrado polo que é de supoñer que, erros aparte, boa parte deles foran asasinados polo camiño. Ese foi o caso dos irmáns Fuentes Canal. O 16 de agosto de 1936 o gobernador civil ordenaba o seu traslado da prisión de Ourense á de Celanova, onde nunca chegarían. Ao día seguinte, os seus corpos aparecían no lugar da Ponte Pequena.

Tamén se contan máis de 20 ordes de liberdade ou condución referentes a presos do mosteiro que acabaron transformadas en penas de morte. Un caso particular é o de José Abadín Morenza, un obreiro do ferrocarril sentenciado a 20 anos de prisión que comezaría a cumprir en xuño de 1937 na prisión de Celanova. Pouco despois de ingresar tería un altercado cun dos gardas polo que foi castigado co traslado a outra prisión. Se temos constancia do seu asasinato é porque este se destapou dous anos máis tarde cando unha comisión decidiu conmutarlle a pena e interesouse por el, respondendo desde a prisión de Celanova que alí constaba como falecido.

Outros presos son recrutados como soldados e enviados á fronte. En decembro de 1936 o gobernador militar da provincia dispón que 54 presos sexan destinados á Lexión, aínda que a cifra se elevará finalmente a 101. En marzo de 1937 son destinados outros 31 reclusos a unha bandeira falanxista. Algúns conseguen pasarse de bando. O ABC republicano, editado en Madrid, recolle a súa experiencia no mosteiro de Celanova, que eles chaman la villa de la muerte:

“Fuimos apaleados, y nos hacían confesar, comulgar y llevar escapularios. Cada noche sacaban unos cuantos y eran fusilados, mientras soltaban a todos los perros de la villa para que sus aullidos amortiguasen el ruido de los disparos”.

En 1938 comezou unha nova etapa da prisión, despois da caída da fronte norte. Desde principios de ano pasou a desempeñar as funcións dunha prisión central, aínda sen acadar oficialmente esa categoría ata o mes de maio. Aumentou o número de internos, que agora eran condenados con sentencia firme, na súa maioría asturianos, o que fixo necesario o acondicionamento de novos espazos tanto para os reclusos como para os soldados que debían custodiar o recinto.

Das precarias condicións en que se atopaban os reclusos naquel momento da conta un inventario realizado en outubro de 1938. Para unha poboación que nese momento chegaba preto dos 1.200 presos o material reducíase a 135 pratos e 50 culleres, 276 fundas de almofada, 478 mantas e 1.054 petates (case 100 cualificados de inservibles). A enfermería non contaba daquela con ningún tipo de instrumental médico. Todo apunta a que esta situación non melloraría, polo menos, ata a chegada, en decembro de 1939, dunha comunidade de relixiosas que se encargarían dos servizos de cociña, enfermería ou lavandería. As melloras manifestáronse, en palabras do director da prisión, “en detalles como el de ordenar varios reclusos a sus familiares que suspendieran el envío de comidas y paquetes con alimentos”. Polo menos a comida xa se podía comer!

Inscricións nas paredes do claustro do mosteiro que foi patio do cárcere. Nesta lese “Fuentes”.

“Gustáballe apuntar
aos ollos.
Un ao dereito,
outro ao revés.
(…) Nunca deu atinado
nos dous de vez”
.
(X. C. Domínguez Alberte)

1939, ano da infamia

En abril de 1939 Franco anunciaba formalmente a vitoria das súas tropas. Dous días despois de firmar o último parte de guerra o ditador encargábase de precisar que a posguerra non ía traer a reconciliación. Os vencedores aínda tiñan sede de sangue. Para eles quedaba reservada a paz. Para os vencidos, a morte, a cadea ou o exilio.

O sistema estaba especialmente deseñado para aniquilar totalmente ao “inimigo”. No Novo Estado a cadea cumpría un papel fundamental á hora de controlar a oposición ao réxime mediante a socialización da morte e do medo, por un lado, e mediante o adoutrinamento político e relixioso, por outro.

1939 foi un ano tráxico na Prisión Central de Celanova. En marzo acadouse o máximo de abarrotamento, máis de 1700 presos, moi por riba da súa capacidade. Os soldados encargados de custodiar o recinto, embriagados pola vitoria ou polos celos, utilizarán aos presos como diana dos seus disparos.

Teoricamente, os presos só podían asomarse ás fiestras para participar nas procesións relixiosas. Malia todo, existía certa permisividade e os internos acostumaban a conversar coas mozas da vila por medio dunha inventada linguaxe de signos.

A partir de abril todo cambiou. Coa escusa de impedir que se achegasen ao exterior, os soldados metrallaban aleatoriamente aos presos. Nun período de seis meses teñen lugar 5 incidentes deste tipo cun saldo de 16 feridos e un morto.

A pesar de que o director da prisión se queixa varias veces do gatillo fácil das sentinelas, non só non se tomaron medidas contra os vixías, que saibamos, senón que, por riba, os castigados foron os presos por asomarse ás fiestras, aínda que as autoridades da prisión sabían que non era verdade.

O episodio máis tráxico ten lugar o 1 de agosto de 1939. Ese día son feridos 10 presos a primeira hora da mañá (7:30) mentres se aseaban, pero a gota que colmou o vaso aconteceu o 20 de setembro despois de que un preso recibise un disparo ás 8 da mañá.

O médico fai constar que o tiro foi polas costas, o que lle fai dubidar de que estivera asomado á ventá: “el disparo lo recibió por la espalda, es indudable que dicho recluso estaba vuelto de espalda a la ventana, razón por la cual no cabe dudar (sic) se hallase asomado a la misma”. A partir de entón non se volve ter constancia deste tipo de episodios ata 1943.

En 1939 tamén deixaron a súa pegada de sangue na vila os falanxistas da Bandeira de Marrocos. Esta unidade, formada en gran medida por tropas coloniais, compúñana uns 700 homes que destacaban pola súa ferocidade no combate.

A Bandeira chegou a Celanova, procedente de Madrid, a tempo para celebrar o 18 de xullo, desfilando antes polas rúas de Ourense. 7 mortes inscritas no Rexistro Civil de Celanova “por comunicación del Juzgado Eventual de la Bandera de Falange de Marruecos con guarnición en esta villa” é o tráxico balance do seu paso pola vila.

Os fusilamentos tiveron lugar o 22 de setembro de 1939 ás 7 da mañá, dous días antes da Nosa Señora da Mercé, patroa dos presos. Ese día abandonaron Celanova, non sen antes participar nos consabidos actos relixiosos e desfilar por última vez na vila. O fusilado máis novo tiña só 19 anos. Chamábase Baldomero Vigil-Escalera. O máis vello, Mariano Blanco González, tiña 36 anos. Dos outros cinco ningún chegaba á trintena.

Poucos meses despois de que marcharan, en xaneiro de 1940, o Concello acordou vender os agasallos que deixaran aqueles falanxistas. Se cadra o recordo atormentábaos.

Grupo de presos no patio da prisión.

¿y las rejas por siempre
entre mí y mis ensueños?
(José Benito Buylla)

O sometemento polo terror

O medo era un puntal básico do Estado franquista. Na prisión ese medo era constante: medo á fame, á falta de liberdade, á morte…

Ao acabar a guerra, o racionamento impúxose para todos os españois, con pequenas diferenzas: as mulleres, os maiores de 60 anos e os menores de 14 recibían unha porcentaxe menor de comida que os homes adultos. A prioridade quedaba clara. A comida dos presos tamén estaba racionada, pero ata as cantidades prescritas eran moi superiores ás que realmente recibían. Segundo confesaba o director da prisión de Celanova, durante a posguerra houbo ocasións nas que o rancho dos reclusos se reducía a patacas cun pouco de carne.

O amoreamento, a mala alimentación, as malas condicións hixiénicas producían enfermidades, sobre todo do aparato respiratorio, que se saldaban a veces con resultado de morte. A tuberculose, unha enfermidade case anecdótica en 1936, repunta a niveis desorbitados durante a guerra, tornándose endémica durante a primeira década de posguerra. Na prisión de Celanova, o historiador Rodríguez Teijeiro contabilizou 84 mortes entre 1938 e 1943 por enfermidade ou “accidente”, a maioría debidas á tuberculose. Un estudo realizado cos datos de 15 prisións cifra en máis de 4.000 os mortos nas prisións a causa da mala alimentación, enfermidade ou malos tratos durante os anos corenta. A maioría entre 1940 e 1941.

Á marxe das humillacións gratuítas dos carcereiros e dos disparos das sentinelas, os castigos oficiais apenas se diferenciaban do maltrato e da tortura. Na Prisión Central de Celanova os castigos eran especialmente duros. Sen ir máis lonxe, en xaneiro de 1940 dous presos foron condenados a 20 días nunha cela de castigo e 15 días de limpeza de retretes… por xogar ao dominó.

A blasfemia era tratada como delito contra o Estado e tan penalizada como un intento de fuga. O regulamento establecía como castigo a incomunicación do penado, ata que se arrepentise. En caso de reincidencia, podía perigar a concesión de beneficios como a liberdade condicional ou a redución de condena. Sabendo as consecuencias que carrexaba, non podemos máis que comprender o sometemento dos presos a estas normas e incluso a colaboración coas autoridades. Mais tamén por ese motivo, son de destacar algunhas actitudes contestatarias. En 1943, pouco antes do seu peche, catro reclusos foron trasladados á prisión de Burgos: dous por manifestar publicamente que non aprenderían o catecismo “bajo ningún concepto” e outros dous por rexeitar a súa posta en liberdade se para acadala tiñan que examinarse de cultura relixiosa. Eran considerados irrecuperables para a Nova España.

As rapazas da vila encargábanse de atender as necesidades dos presos, lavarlles a roupa ou enviarlles comida. Unhas facíano voluntariamente e outras por necesidade económica, acordando un pago cos familiares polos seus desvelos. Nalgúns casos, chegaron a namorar. Os fascistas non entendían que preferisen a aqueles homes privados de liberdade e non as seducisen os seus lustrosos uniformes e a súa posición social. Sabíanse impunes, e berraban que lles ían cortar o pelo ás mulleres co obxectivo de desmoralizar aos reclusos.

Permanentemente recordábaselle aos presos a súa condición de vencidos. Especialmente, durante as festividades relixiosas e as conmemoracións patrióticas, mediante a celebración de concursos literarios. Pronto se idearán mecanismos para o adoutrinamento dos presos e o seu aproveitamento económico con pingües beneficios para o Estado e as empresas privadas.

O labor educativo centrarase sobre todo nos analfabetos, por consideralos máis permeables á propaganda nacional-católica. O exame consistía, entre outras cousas, na redacción dunha humillante carta agradecendo ao Novo Estado pola educación recibida.

Por outro lado, o sistema de redención de penas polo traballo empregaba aos reclusos en talleres ou na reconstrución e reparación de obras públicas a cambio dun pequeno xornal do que, por riba, o Estado quedábase cunha parte importante, teoricamente, para a súa manutención. A cambio podían reducir uns poucos días de condena, pero para iso tiñan que mostrarse “sumisos e arrepentidos” . Masóns e comunistas eran empregados en batallóns de traballadores, mais non podían reducir días de condena.

Para alixeirar o exceso de reclusos, recorreuse á concesión da liberdade condicional, é dicir, con condicións. Frecuentemente, os liberados eran obrigados a residir lonxe da súa residencia anterior, ademais de sufrir a continua e humillante vixilancia das autoridades que podían devolvelos á prisión se o consideraban oportuno. Encadeados ao seu pasado, nunca serán verdadeiramente libres.

Este artigo foi publicado orixinalmente no adiante.gal en tres partes entre agosto e outubro de 2020.

A vila da morte (I) https://adiante.gal/a-vila-da-morte-i/
A vila da morte (II) https://adiante.gal/a-vila-da-morte-ii-1939-ano-da-infamia/
A vila da morte (e III) https://adiante.gal/o-sometemento-polo-terror/

Pablo Sánchez. Madrid, 1991. Historiador. Autor do libro Masonería e República en Celanova (2017) e de varios artigos de divulgación histórica. Desenvolve a súa actividade investigadora sobre a historia social e a memoria democrática. Ten colaborado con diversas asociacións e xornais. É membro do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e fai parte da súa xunta directiva.


1 Comment

Rosalia Pastor · 9 Agosto, 2021 at 10:24 a.m.

Muy buen artículo Pablo. Habría que buscar otras fosas clandestinas. En Asturias están trabajando en una, donde encima fue construida una granja de cerdos. La AEMH está exhumando los cuerpos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *