As primeiras Mocedades galeguistas xorden durante o ano 1932 auspiciadas pola necesidade do Partido Galeguista de contar cunha forza xuvenil que defendera o seu proxecto. Non obstante, malia nacer ao seu abeiro, as mocedades reivindicarán a súa autonomía dentro do partido, centrándose, sobre todo, en actividades culturais e formativas. Libres das ataduras políticas que tiñan os cadros do partido, constituirán a vangarda máis belixerante do nacionalismo galego durante a II República. En 1934 constituíuse a Federación de Mocedades Galeguistas da que formaban parte varias agrupacións de toda Galiza.
✍️ Autor: Pablo Sánchez.
Malia a guerra e a ditadura, os membros das Mocedades terán unha destacada proxección cultural durante o resto do século XX, ben na Galiza, ben no exilio. Velaquí algúns nomes: Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Ferro Couselo, os xa citados Celso Emilio e Pepe Velo, Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro, Avelino Pousa Antelo ou Álvarez Blázquez.
Unha das primeiras agrupacións en constituírse foi a de Ourense e, posiblemente impulsados por esta, creáronse varios grupos comarcais en Allariz, Bande e Celanova. De acordo co documento fundacional achado recentemente polo Comité da Memoria Histórica de Celanova, a Mocedade Galeguista desta vila inscribiuse oficialmente no rexistro o 15 de xullo de 1932, aínda que posiblemente levara semanas ou meses funcionando de xeito informal. Moi pronto destacaría pola súa capacidade organizativa e gran poder de convocatoria, converténdose nun referente para as demais agrupacións. Entre os seus membros encontrábanse Pepe Velo e Celso Emilio Ferreiro, un tándem que chegará a rexer a Federación de Mocedades, o órgano que as agrupaba a todas.
En número de afiliados atopábase entre as máis numerosas de Galiza. En setembro de 1932 eran 42 membros e un ano e medio despois rexistraba, ademais de 50 afiliados, unha sección infantil (para menores de 15 anos) con máis de 40 membros. En total, preto dun centenar de simpatizantes. Aínda que debemos tomar estas cifras con cautela, unha proba incuestionable da importancia que adquiriu o movemento nacionalista na comarca é que chegou a constituírse unha delegación no pobo de Murillós, transformada plenamente en agrupación autónoma con representación oficial nas asembleas nacionalistas a partir de 1934, grazas ao esforzo do seu dirixente, Manuel Gosende. E tamén temos constancia doutra agrupación en Escudeiros. Polas Memorias de Elixio Rodríguez sabemos que entre o grupo de Bande e o de Celanova existía unha estreita relación.
Argimiro Rojo, autor do libro As mocedades galeguistas destaca como peculiaridades da agrupación de Celanova a súa “sincera e permanente solidariedade cos campesiños” e a súa “actitude sempre disposta á acción e ao práctico, nun desexo de obter resultados a curto prazo”. O seu discurso, impulsado pola vívida oratoria de figuras como Pepe Velo ou Celso Emilio Ferreiro, sería unha mestura de agrarismo e galeguismo revolucionario.
Os galeguistas de Celanova estarán moi presentes na vida cultural da vila durante a Segunda República, nas homenaxes a Curros e Manuel Lezón, en mitins e conferencias na campaña a prol do Estatuto de Autonomía, na creación dun Ateneo Popular, etc. Aínda se conserva na fachada da igrexa de Celanova unha pintada anunciando o nacemento dun xornal, o semanario Adiante, do que só chegaron a imprimir un número en xaneiro de 1933.
A acta fundacional da Mocedade
O documento que agora presentamos constitúe a “pedra fundacional” da Mocedade Galeguista de Celanova. Conservábase na casa familiar do mestre celanovés Odilo Pérez Fernández, o cal tiña gran amizade con Pepe Velo. Pode que este mestre fose membro tamén das Mocedades ou pode que lle confiasen o documento por algún motivo.
O Comité de Memoria Histórica revisou a bibliografía publicada e consultou con estudosos do galeguismo como Argimiro Rojo, Xavier Castro, Justo Beramendi e Ramón Nicolás que manifestaron descoñecer o documento.
O texto, que está redactado en castelán para poder ser oficialmente rexistrado, consta de 9 artigos que baixo o título de “Estatutos” estipulan o funcionamento e organización, os obxectivos e os medios para logralos. Responde a un modelo establecido, seguramente polo Partido Galeguista, “cuyos Estatutos acepta y a ellos se somete” (art. 3). Entre os seus fins está o de traballar a prol dun “régimen autonomo en Galicia” (art. 2). O art. 9 fixa o seu domicilio social no número 17 da rúa Curros Enríquez. Figuran como José Velo Mosquera como presidente e Emilio Ferreiro Míguez como vicepresidente.
A importancia deste documento reside en que se trata dun documento inédito que nos permite datar a orixe da agrupación celanovesa o 15 de xullo de 1932 e saber dos seus fundadores, algúns deles ata agora descoñecidos. Ademais de Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo, só tiñamos constancia do vogal Jesús Román. O secretario Alfonso Álvarez e o tesoureiro Emilio A. Torres non figuran en ningures. Ata o momento, só contabamos con datos de directivas posteriores e a través de fontes indirectas, principalmente notas recollidas en xornais como A Nosa Terra.
Segundo nos comenta o profesor Beramendi, “polo contido do documento, en papel con póliza oficial, é moi posible que sexa copia da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da MG de Celanova”. Xa que logo, ábrese a posibilidade de buscar o expediente completo presentado ás autoridades e que pode acharse nalgún arquivo provincial.
O mitin de 1935
As concentracións comarcais ou de zona constituíron, en palabras de Justo Beramendi, unha “modalidade específica” de propaganda utilizada pola Federación de Mocedades Galeguistas. Servían para estreitar vínculos cos grupos veciños, reafirmar o seu compromiso ideolóxico e divulgar o seu ideario.
A pesar de que se celebraron varias, destaca en importancia e sona a que tivo lugar en Celanova o 13 de outubro de 1935. Un gran acto nacionalista que, segundo as crónicas da época, chegou a reunir a “4000 rapaces de ambos sexos lucindo nos seus peitos pletóricos d’ansias redentoristas os colores branco e azul da nosa bandeira nacional” (A Fouce). Aínda que esta cifra foi, seguramente, esaxerada polos organizadores (de ser certa suporía máis de 4 veces o número total de afiliados da FMG) o certo é que foi un encontro multitudinario. Tratábase dunha demostración de forza da nova directiva nomeada en abril, con Celso Emilio e Velo á cabeza, daquelas representantes da corrente máis radical. Días despois sairía á rúa Guieiro: Outavoz patriótico da F.M.G., o boletín oficial das Mocedades Galeguistas.
O mitin tivo lugar no teatro Curros Enríquez, situado no centro da vila, preparado para a ocasión con bandeiras de Galiza e proclamas nacionalistas. Falaron Celso Emilio Ferreiro, Xosé Nogueiras, Xaime Illa Couto, Vicente Bóveda, Pepe Velo e Francisco F. Del Riego. Terminado o acto cos tradicionais cánticos e himnos, os presentes dirixíronse á casa de Curros, onde colocaron dúas coroas de flores.
A importancia de Celanova dentro do movemento xuvenil galeguista queda resumida na frase que se lle aplicou de “centro neurálxico das Mocedades”. Destacou polo seu dinamismo e apoio concitado. Argimiro Rojo, autor do libro As mocedades galeguistas destaca como peculiaridades da agrupación de Celanova a súa “sincera e permanente solidariedade cos campesiños” e a súa “actitude sempre disposta á acción e ao práctico, nun desexo de obter resultados a curto prazo”.
Este Comité reivindica o legado das Mocedades Galeguistas de Celanova, afondando no seu estudo e divulgando a súa historia, que tamén é a nosa.
Os membros coñecidos das Mocedades Galeguistas de Celanova
(Lista facilitada por Justo Beramendi)
- ALVAREZ, Xosé.
- FERREIRO, Emilio.
- GÁNDARA, Remixio G.
- NOGUEIRA RUMBAO, Xosé.
- PEREZ, Alberto.
- RODRIGUEZ PRENTA, Clodomiro.
- ROMÁN, Carlos.
- ROMÁN, Xesús.
- SANCHA, Xulio.
- SOTO MONTES, Manuel.
- VELO, Xosé.
Cronoloxía organizativa
ANT [A Nosa Terra], 297, set. 32. A MG de Celanova ten 42 afiliados.
ANT, 320, 11-1-34. Delegación en MOURILLÓS: Manuel, Ramón y Fco. Fernández.
ANT, 325, 24-2-34. Nova directiva da MG. Agora ten 50 afiliados, e 40 rapaces menores de 15 anos.
ANT, 325, 24-2-34. Constitución do Grupo de MOURILLÓS y elección directiva, gracias ó esforzo de Manuel Gosende.
O Grupo de MOURILLÓS representado en IV As. PG, abril 1935 y acreditado en II As. Ext., xan. 36.
ANT, 415, 22-5-36. Elección nova directiva.
ANT, 417, 5-6-36. Constituido o Grupo de CELANOVA. Elección directiva.
Guieiro, 12, 1-6-36. Representada MG en III As-FMG.
📷 A imaxe do cabeceiro é un grupo de rapaces das Mocedades diante do Mosteiro (na galería: C.E. Ferreiro aparece sinalado). Na outra fotografía de grupo que aparece nesta galería: De pé (esquerda a dereita), L. Freire, M. Montes, X. Rodríguez Gosende, D. León e O. Pérez, da Federación de Mocedades Galeguistas. Sentados, P. Lezón, Celso Emilio e X. F. Álvarez Bernárdez. Celanova-Veiga (2/05/1935). Tamén reproducimos dous artigos de prensa sobre o mitin, unha columna de ‘La Región’ do 16/10/1935) e un artigo más amplo en ‘A Fouce’, e o documento da acta fundacional.
0 comentarios