CELANOVA, 21 de setembro de 2020. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova comeza as súas actividades o 22 de setembro, aniversario dos últimos fusilamentos fascistas na Prisión Central.
O 22 de setembro de 1939, xa rematada a guerra, os fascistas segaron a vida de Baldomero Vigil Escalera Vallejo (pintor, 19 anos), Marcelino Fernández García (mecánico, 21 anos), Guillermo de Diego Álvarez (chofer, 25 anos), Alfonso Moreno Gayol (chofer, 26 anos), Abelardo Suárez del Busto (albanel, 28 anos), Belarmino Álvarez García (mineiro, 29 anos) e Mariano Blanco González (litógrafo, 36 anos), que estaban presos na Prisión Central de Celanova.
Oitenta e un anos despois, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova elixiu esa data para iniciar as súas actividades e retomar o fío da reivindicación nos nosos concellos da verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do golpe de Estado do 36, da ditadura e do período de reforma do réxime autoritario.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova desenvolverá as súas accións iniciais seguindo tres liñas de traballo: a recuperación da memoria histórica democrática e a reivindicación das vítimas da represión franquista; a demanda de aplicación das leis sobre memoria histórica; e a conservación e valorización dos espazos da memoria en toda a comarca.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova disporá dunha páxina en Facebook (@memoriacelanova) e colaborará con todas aquelas persoas e entidades, tanto públicas como privadas, que compartan o obxectivo da demanda de verdade, xustiza e reparación para as vítimas noutro tipo de accións concertadas.
(A imaxe do logo está tomada do mural do Furriolo, obra de Xosé Vizoso, inaugurado en agosto do 2006 e que este Comité se propón rehabilitar e conservar de acordo co autor e co colectivo Arraianos, impulsor do memorial.)
0 comentarios