O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova aspira a ser unha ferramenta para un debate social e político inaprazábel, que se deu e se está dando en diferentes bisbarras do país e que se empezou a dar e debe darse na nosa comarca. Se de fechar a fenda se trata, acreditamos na verdade e na xustiza como puntos de sutura. As vítimas dos vencedores da guerra civil foron todas reparadas económica e moralmente durante os corenta anos de franquismo. As vítimas dos vencidos ficaron fóra da escena pública, foron criminalizadas, estigmatizadas e invisibilizadas. E isto aconteceu durante oitenta anos.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova aspira a dar a coñecer a historia da represión na comarca durante a guerra civil e o franquismo, e a historia das loitas pola construción da República de 1931, contra o golpe de Estado de 1936, contra a ditadura e polo restablecemento da democracia. Pretende tamén reclamar xustiza para as vítimas da represión, empezando polo recoñecemento social e institucional da súa condición de vítimas, así como afondar no coñecemento de personalidades destacadas para a historia da comunidade.

É unha tarefa que ancora nos dereitos humanos, é unha cuestión de humanidade e de dignidade democrática.

Categorías: Sen categorizar

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario